Anna R. Figueiredo le un fragmento de Os bicos feridos

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Anna R. Figueiredo dun fragmento da súa obra Os bicos feridos, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Antonio García Teijeiro le fragmentos de diversas obras

Desde a AELG recollemos as lecturas que fai Antonio García Teijeiro de fragmentos de varias obras súas:

Poemar o mar, aquí.
Vento, ventiño, venteiro, aquí.
Bicos e non balas, aquí.
Bicos e non balas, aquí.
Lendo lendas, digo versos, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Miguel Anxo Seixas Seoane: “Os temas que presentan as estampas de Nós son galegos, pero a lección que predican é universal”

Desde a Real Academia Galega:
“(…) A biografía de Castelao que Miguel Anxo Seixas Seoane leva ás librarías é froito de “moitos anos de traballo”, salientou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. O autor completou unha revisión exhaustiva dos fondos relacionados co intelectual espallados por distintas institucións e bebeu tamén de información facilitada por particulares a ambas as beiras do Atlántico. “Intentei facerlle xustiza a Castelao porque é unha figura indiscutible. E para iso procurei falar non tanto del como da súa relación co mundo e coas persoas. Quería baixalo da peaña e entender por que fixo as cousas que fixo”, explicou o historiador.
O resultado é “unha obra para a posteridade” pola súa ambición documental e pola dimensión da figura histórica que explica e contextualiza, valorou Dolores Vilavedra. Ramón Villares tamén felicitou o autor por poñer fin á carencia que existía ata o momento dunha biografia que abordase “o Castelao completo”. “Estamos a falar dunha figura que en parte é un símbolo, recoñecido polo pobo común e polas elites, pero a mitificación xa a coñeceu en vida, en Buenos Aires”, salientou o académico.
A presentación na RAG da primeira entrega da biografía de Castelao tivo lugar o mesmo día do centenario da inauguración da primeira exposición dos debuxos que logo recollería o álbum Nós, unha mostra que se desenvolveu por iniciativa das Irmandades da Fala da Coruña. Tras un intento frustrado de proxectala no pazo municipal en agosto de 1919, foi acubillada pola Unión Recreativa do Círculo de Artesáns, na rúa Santo André. “A sinxela inauguración no salón de festas do Círculo da colectánea de Nós foi o martes 2 de marzo, ás sete da tarde, como anunciaba a prensa. O acto foi sinxelo por imposición del”, conta Miguel Anxo Seixas Seoane nas páxinas dedicadas a estas estampas nas que Castelao “amosa as contradicións do pobo galego”.
“Nestes debuxos Castelao ensina só o que veu e que ve, pero asemade denuncia e comprométese moralmente. O soporte, o sintético debuxo ou a augada e o breve texto en galego sobre un pequeno papel, era moi eficaz xa que podía ser entendido por todos os espectadores. Esta Galicia era coñecida por uns e por outros, por explotados e explotadores, e debeu de desacougar os que saben e son cómplices, os que saben e calan, e os que non o saben, porque nunca antes un ilustrador ousara presentar esas inxustizas en público”, analiza o historiador. E aínda que os temas que ilustran son galegos no seu contexto, “a lección que predican é universal”. “Os seus puntos de vista, os seus xuízos, os seus valores, as súas críticas e as súas ironías poden ser de calquera lugar. Unha universalidade que se funda na súa concreción”, conclúe.”

Xurxo Borrazás: “A literatura é a que menos se está adaptando aos tempos”

Entrevista de Manuel Veiga a Xurxo Borrazás en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Levas anos reclamando que se escriba máis desde as marxes. Usaches a metáfora de que a portería está no centro pero hai que atacar polas bandas. Pero a min un editor díxome: “Eu non teño problema en editar libros así, sempre que haxa público”. É dicir, é viábel esa literatura?
– Xurxo Borrazás (XB): Creo que non, visto así. Supoño que as miñas vendas son tales que non me estrañaría que un día un editor me reclame danos e prexuízos. Pero iso depende do que queira o editor, se quere compensar libros que se venden moito con outros que fornecen outras cousas. De todos modos, eu non creo que escriba libros raros nin transgresores. Son libros se cadra pouco habituais no sistema literario galego. Pero pódoche citar centos de libros que se editan en todo o mundo e que son realmente transgresores. En todo caso, en Brevedume, moitos son chistes, algúns rozan o refrán e hai cousas que oín nas tabernas.
– ND: Fuches cualificado moitas veces de autor experimental. Pero no experimentalismo e na literatura postmoderna non hai tamén ás veces certa pedantería intelectual e, noutros casos, talvez incapacidade para facer unha obra de formato convencional e ao mesmo tempo profunda e interesante?
– XB: Un é fillo das súas lecturas e momentos. Hai momentos para todo. Pero iso sería como dicir que a arte abstracta revela incapacidade para pintar paisaxes realistas. Hai pintores abstractos que fan un bodegón para demostrar que tamén saben pintar así. A min a novela realista resúltame allea, non forma parte do meu tempo. As artes e as ciencias van da man. Son fillas da mesma época. Hoxe non tería sentido A educación sentimental.
– ND: O orixinal de Brevedume era moito máis longo. Que pasou?
– XB: Cando llo presentei ao editor díxome que o reducise á metade. Fíxeno e xa me parecía unha barbaridade. Quizais debido á vaidade do autor, tómalo como unha ofensa. Cando o presentei de novo dixéronme que o volvese reducir á metade. Pareceume imposíbel, pero fíxeno e quedou mellor. É unha lección que se recibe do xornalismo. Unha vez mandáronme recortar un artigo e vin que ao facelo quedaba máis claro. O texto non é sagrado, pódese modificar. Eu lin moito de música e de pintores, comentaba moito da vida dos artistas, todo iso quedou fóra. Tamén había cousas persoais, ao estilo dun diario, pero tamén quedaron fóra. Non o lamento. Cioran fixo textos pequenos, Aira fai novelas de cincuenta páxinas, como aquelas de vaqueiros de Estefanía. É suficiente. Un formato como o de Brevedume fai que, cando revisas, te formules sempre a idea de quitar, nunca a de engadir que é o que pasa coas novelas. (…)”

Tabela dos libros. Marzo de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”