Ana Cabaleiro: “A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura”

Entrevista de R. Castro a Ana Cabaleiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar a túa primeira obra, entras nas listaxes dos máis vendidos e, ademais, bendecida pola crítica. Como foi este parto de Sapos e Sereas, que ademais é o teu primeiro?
– Ana Cabaleiro (AC): Ben, realmente a min píllame un pouco desprevida todo isto porque toda a miña ambición era escribir os relatos, xuntalos nun libro e conseguir publicalos. Entón unha vez que o vexo, parecía que esa parte do soño estaba cumprida e aí está a miña función como escritora, que é algo no que longamente levo traballando e a parte toda de como é recibida polo público e pola crítica é algo que de momento non me atrevo a valorar, aínda que obviamente estou contenta e satisfeita.
– SG: Empezas a publicar agora, pero desde cando escribes? Cando comezaches a escribir?
– AC: Realmente é un pouco difícil, empecei a escribir como case todo o mundo, supoño, na adolescencia, e despois sempre hai unha viraxe entre que escribes nos ocos libres, cando queres desafogar ou cando che parece que estás algo inspirada, a cando empezas realmente a plantexalo como unha tarefa e como unha responsabilidade. Cando queres contar xa cousas conscientemente, cando queres darlle unha voz ou un determinado punto de vista ás historias ou cando empezas a reflexionar sobre cuestións estéticas, sobre cuestións de narrativa, sobre como contan as cousas ou como che gustaría que se contasen. Entón entras nesa segunda parte, cando lle queres dedicar unha parte importante do teu tempo a ese traballo, porque é un traballo, desde o meu punto de vista. No meu caso, como non tiña -digamos- un plan concreto, fun achegándome a diversos obradoiros de escrita, que hai moita xente que renega deles, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente a perspectiva. A chegada doutras persoas que escriben, persoas que tiven de mestres, que son escritoras e escritores recoñecidos e moi xenerosos e que nos abriron a súa maneira de pensar e de plantexar a escrita, axudoume moito a pensar en serio como quería afrontar a miña responsabilidade como escritora. Aí eu creo que llo teño que agradecer sobre todo a Francisco Castro, unha persoa que sempre me axudou e apostou por min e que ademais me axudou moitísimo a atopar a miña propia voz, porque é algo que inconscientemente temos, pero ás veces non somos quen de velo abertamente e de poder explotalo dun xeito consciente. Entón aí foi onde se produciu toda a viraxe e onde por fin podes chegar a ver ese produto, porque aínda que é un produto, porque ten un prezo e se vende, para min realmente publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade. (…)”

Emma Pedreira: “A estética pola estética non me interesa”

Entrevista de M. Obelleiro a Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?
– Emma Pedreira (EP): A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”… Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.
– SG: O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?
– EP: Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro… ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita… que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa. (…)”

XXXII Premio Antón Losada Diéguez: Inma López Silva, en Creación Literaria, e Xosé Ramón Pena, en Investigación e Ensaio

Desde o Concello do Carballiño:
“A novela titulada Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, e a publicación Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou o sábado 22 no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada Aqueles días en que eramos malas, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Manuel González González.
Polo Consello da Cultura Galega, don Pegerto Saavedra Fernández.
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto.
Pola Deputación de Ourense, don Luís González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11:00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13:30 h.”