Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 1 e domingo 2
O
sábado 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o 1 e 2 de agosto:
Sábado 1
– 12:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Mercedes Queixas Zas.
– 19:45 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
– 20:30 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema.
Domingo 2
– 18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Presentación de A Normalização Linguística. Uma Ilusão Necessária, de Mário Herrero, publicado por Através. Participa no acto Afonso Mendes.
– 19:30 h. Elena Gallego Abad asina exemplares de Dragal e Sete Caveiras na caseta da Secretaría.
– 19:45 h. Manuel Blanco Desar presenta Galicia: Un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Justo Beramendi.
– 20:00 h. Presentación do libro-disco Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, e ilustrado por Iván Sende, publicado por Xerais. Actividade musical na carpa infantil.
– 20:30 h. Presentación de Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicado en Xerais, coa participación Lourenzo Fernández Prieto.
– 21:15 h. Presentación de Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, publicado en Xerais. No acto terá lugar unha conversa do autor con Manuel Bragado.
Helena Villar: “A poesía na infancia axuda ao coñecemento e fai mellores persoas”
Entrevista
de Carme Vidal a Helena Villar en Sermos Galiza:
“A Helena Villar gustoulle sempre que os nenos e as nenas reflexionaran sobre “as cousas”, tanto as tanxíbeis como as intanxíbeis e, desa vontade nace o seu novo libro As señoras cousas no que a escritora achega á infancia temas como o pacifismo, a igualdade ou o medo. “Dinme conta que compría meter contidos como estes de xeito lúdico e amable”, comenta Helena Villar, pedagoga ademais de escritora.
Confesa que sinte mágoa de que a infancia que goza dun pensamento rítmico, similar aos poetas, abandonen esas potencialidades por falta de uso. Contra iso, o achegamento á poesía tende a ser cunha rima forzada, que tanto disgusta á autora. “Moitas veces pénsase que a poesía para nenos ten que ser moi rimada e así fanse cousas “ripiudas”. Os nenos teñen que darse conta de que pode haber beleza e ritmo sen rima. Agora estou a preparar un material de apoio para que se traballe no ensino e se introduza á infancia na linguaxe poética”, informa a escritora.
Decálogo para ensinantes de poesía
Nese afán pedagóxico-poético, Villar ten escrito un decálogo dirixido a ensinantes de poesía. O primeiro dos mandamentos é claro: “Non matarás ao poeta que cada criatura ten cando nace”. O último “prohibirás por todos os medios que non saian rípios”. No medio, unha serie de consellos como evitar que as crianzas conten as sílabas dos versos cos dedos e aprendan a se adentrar na propia música dos poemas.
Que ventaxas ten achegar á cativada á linguaxe poética?, preguntámoslle a Helena e a resposta case non ten fin, tantos son os beneficios que ela atopa nese encontro a edade temperá coa poesía. “Consíguese prolongar o pensamento rítmico e devolver as aptitudes que trae con el; percibir a sonoridade e a linguaxe. O primeiro pensamento do neno é xogar poeticamente e iso logo pérdese. A poesía faino sensíbel, dálle riqueza expresiva e persoal, axuda ao coñecemento, completa unha educación máis integral e faino mellor persoa ademais de contribuír a facer lectores tamén de maiores”, di de corrido, sabedora por experiencia do acaído que é introducir á infancia no mundo da poesía. E para ela como creadora, que supón escribir para crianzas? “Unha maior liberdade de expresión, nada me permite xogar cunha fantasía tan tremenda”, responde.
Para a autora, trátase de introducir ás crianzas na “forma máis excelsa da linguaxe humana”. Recomenda tamén mesturar coa lectura de clásicos desde moi cedo, entrar no seu mundo creativo e contaxiarse da súa beleza. Ao seu ver, Rosalía é poeta acaída para esas primeiras idades, para deixarse engaiolar mesmo coa “Negra sombra”, poema considerado tantas veces complexo mais que, segundo di, pode ter un interesante aproveitamento na infancia. “Así como se fai a hora do conto en moitas aulas pódese tamén dedicar á poesía que non pode quedar á marxe do ensino”, defende.
Máis de vinte libros dedicou Helena Villar Janeiro ao público infantil. Comezou a escribir poesía para a infancia cando naceu a súa filla María. “Da mesma maneira que lle facía roupa, escribíalle poemas porque a nena tamén os necesitaba. Aquel primeiro Libro de María foi para min necesario. Que non faría para os meus nenos sendo eu poeta!” comenta Villar, daquela primeira experiencia á que seguiron moitas, provocadas maiormente por nenos e nenas próximas como lle acontece agora coa súa neta Helena para quen lle ten escrito un libro persoal, apegado á primeiro ano da súa vida. E a quen lle dedica este novo As señoras cousas.”
Entrevista a Luís G. Soto no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Luís G. Soto publica o ensaio Barthes filósofo (Galaxia) e a tradución de O Mar do Norte de Heinrich Heine (Espiral Maior). A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Finalistas da duodécima edición do Premio Martín Sarmiento
Desde o blogue do Premio Martín Sarmiento:
“Finalistas da duodécima edición:
Educación Infantil
– As Maimiñas; Unha viaxe polo mundo; Ed. Galaxia.
1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
– As Maimiñas; Unha viaxe polo mundo; Ed. Galaxia.
– Paula Carballeira; A Burra Ramona; Ed. Baía.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
– María Canosa; Rubicundo; Ed. Xerais.
– Xavier Frías; As aventuras de Enrico Müller; Ed. Edebé-Rodeira.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
– Xavier Estévez; Todos os soños; Ed. Tambre.
– Pere Tobaruela; Formig4s. Misión Nova York; Ed. Xerais.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO
– Andrea Maceiras; Miña querida Sherezade; Ed. Baía.
– Santiago Jaureguizar; O veleno da risa; Ed. Xerais.
5ª categoría: 3º e 4º de ESO
– Agustín Fernández Paz; A neve interminable; Ed. Xerais.
– Silvestre Gómez Xurxo; De cristal; Ed. Xerais.”
Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo publica As últimas galerias, a súa primeira novela, en Galaxia. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 25 e domingo 26
O
domingo 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados nos dous últimos días desta edición:
Sábado 25
– 12:00 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada, publicado por Xerais, e Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Ézaro, coa participación de Manuel Bragado, Antón Riveiro Coello e Alejandro Miguéns. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 20:30 h. Presentación de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, publicado por Galaxia, e de O solpor dos deuses, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños Editora. Coa participación de Manuel Cartea e Adolfo Muíños Sánchez.
Domingo 26
– 12:00 h. Presentación do libro infantil As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicada por Galaxia e de Leandro e os números, de Rocío Pérez Castro. Participarán no acto Francisco Castro, Lidia Brea e Rita Bugallo. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos por Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
Manuel Portas: “O amor segue a ser o nó central do que escribo”
Entrevista
a Manuel Portas en Galaxia:
“Onte ao mediodía coñecíase a identidade do gañador do Premio Manuel García Barros que auspicia o Concello da Estrada e que publica a Editorial Galaxia. Manuel Portas, coa súa novela titulada Lourenço Xograr facíase merecente do premio deste ano. Polo outono, a súa obra será publicada na nosa editorial na colección Literaria.
Co gallo do galardón mantivemos unha apresurada (había dez minutos que recibira a chamada do xurado) conversa con el sobre algúns detalles do premio e da novela.
– Galaxia (G): Empezamos con un tópico: que sentiches cando te chamaron do xurado para comunicarche que gañaras o premio?
– Manuel Portas (MP): Ao principio, certo mosqueo, para que negalo, porque vou con certa frecuencia á Estrada e pensei que a chamada era para me comunicar unha multa desas que che poñen co radar. Despois, cando falei co Concelleiro de Cultura –por principio, encargado dunha parcela diferente a das sancións de tráfico– e con Carlos Lema e aínda tamén con Xoán Blanco Valdés, o mosqueo tornouse en ledicia. Que vou dicir, que é un pracer un premio coma este, que vén da man dun xurado tan cualificado como o que valorou nesta edición o García Barros.
– G: Estamos diante dunha novela histórica. Adoita decirse que as novelas deste xénero sirven, tamén, para explicar o noso presente. É o caso da túa?
– MP: Da historia sempre se aprende, obviamente. Mediado o século XIII, no momento álxido da nosa lírica medieval, hai momentos, encrucilladas, que marcaron o noso futuro como país, como nación. A crise política en Portugal, o posicionamento e a deriva da nobreza galega, submisa co poder monárquico, cedendo independencia en favor das coroas orientais, León primeiro, Castela despois, a guerra contra os mouros e a crise económica conseguinte, o poder sinuoso de Roma, as aspiracións de Afonso X ao Sacro Imperio Romano… Todo acabou marcando a deriva do noso país.
Mais por riba de todo, tentei fotografar ao fondo o mundo da escrita, o dos ambientes cortesáns en que se compuña esa literatura, onde política e estética, onde estratos sociais e valor artístico se mesturaban. Aí é onde se engrandece a figura dun simple xograr, Lourenço, que aspirou toda a vida a ser recoñecido como trobador, enfrontándose ao clasismo que lle impedía brillar pola súa valía artística. A primeira vez que souben de Lourenço foi na miña etapa de estudante. Sempre me fascinou a súa perseverancia, a súa ousadía. “Assaz é meu amigo trobador!”, comeza unha cantiga del, nunha autogabanza descarada, nun poema en que a súa amiga louva os méritos literarios que lle negaban ao seu namorado. Lourenço é sensacional, e o tempo en que vive, fascinante.
– G: Sintes que hai diferenzas entre esta novela premiada e o resto da túa obra?
– MP: Creo que o amor segue a ser o nó central do que escribo. O amor á muller, neste caso desde a idealizada óptica platónica da lírica medieval; o amor ás persoas, a ese ser colectivo, o amor ao país, sublime quitaesencia requintada do pobo real. Non é nada orixinal e, xa que logo, pola mesma razón, son moi atrevido. Mais hai outros compoñentes. A xeopolítica, as relacións con Portugal, as grandezas e as miserias do mundo cultural… Vexo na historia un constante remoer no que aínda vivimos inmersos. No que se refire á técnica narrativa, manterei a prudencia respectuosa pola opinión dos e das especialistas e, sobre todo, pola dese receptor anónimo que, a fin de contas, é para quen escribo.”
“Lambetadas na cara”, por Susana Sánchez Arins
Desde
a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Em 1985 eu tinha onze anos. Lembro-me sentada nas escadas da casa, incomodada com o mundo, ou simplesmente com a minha irmã, e escoltada pola Rina e as suas lambetadas. Ela consolava a minha raiva e entendia perfeitamente (e dava-me a razão, é claro) o sozinha que podia sentirme. Bem, pode que não fosse a Rina e fosse a Cati, ou a Blanca. Não poderia dizer qual das três cadelas que acompanharam a minha neinice, mas em todo o caso eram lambetadas de cadela e olhos solidários que me acarinhavam nessa memória vaga que guardo de mim mesma.
Também era imprecisa a memória que tinha do Leonardo. Só sei que gostara dele mais que de Anagnórise, que aquele despertava um sorriso na lembraça entanto este suscitava uma suspeita. Por isso foi o escolhido para eu recensionar no ano de Mª Victoria Moreno. Porque eu era menina em 1985 e uma das leitoras primeiras de Leonardo e os fontaneiros.
A primeira surpresa, a estrutura esquecida. Leonardo e os fontaneiros propõe-nos uma leitura activa, na que podemos decidir o caminho a seguir. Eu, como já ando adultecida perdida, figem a leitura tradicional, lineal. Mas podia combinar de uma outra forma as três linhas argumentais: a amizade entre Leonardo e Antón, as andanças de Antón na escola, e as relações de Antón na casa. Foi aí que aprendim que as leitoras não temos por quê obedecer aquilo que as escritoras mandam? Que podiamos ser criativas no ato de ler?
A segunda surpresa, a poesia. Nem lembrava quem era Leonardo. O protagonista. O cadelo. Se uma cousa mantém vivo e vigente Leonardo e os Fontaneiros é o fundo lirismo que acolhe a narração da amizade entre neno e cadelo: – A que sabe a man dun can? Que se sente ao trabar nela? […/…] – Sabe a millo torrado. Os pés tamén lles cheiran a millo torrado a tódolos cans. E é peludiña, esbara entre os dentes. São sem dúvida os melhores trechos do livro, e eu pergunto-me se seria neles onde eu aprendim a entender[-me] a Rina, a Cati, a Blanca. Onde reparei que não era bom ser especista.
A outra surpresa, a escola. As aventuras dos fontaneiros (novamente deslembrava o sentido do título da narrativa) são assim tão inocentes e divertidas como podem ser as de qualquer criança de hoje. Lembro-me com os meus irmãos libertando ratinhos (meus pobres!) que mamá nos pedia matar. Igual que os fontaneiros com as ratazanas. Solidariedade animalista total. Seria aí que a aprendemos?
E a ausência de happy end. Surpresão numa narrativa para crianças. A morte tem presença na vida das protagonistas e assalta, como bandoleira, a estabilidade de Antón, a tranquilidade das pubescentes tardes, mostrando que crescer é assumir a sua companha constante. Seria aí que aprendim que a melhor amiga da vida não é outra que a morte? (…)”
Antón Riveiro Coello: “Ler un libro na zona de sombra de Barraña”
Desde
La Voz de Galicia:
“(…) Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».
O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».
Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono. (…)”
