Allariz: actos literarios con Miguel Anxo Fernández

O luns 19 de novembro, en Allariz, Miguel Anxo Fernández terá as seguintes actividades arredor do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia:
– De 10:30 a 12:00 h. Tertulia Literaria no Centro Social da rúa do Portelo, con clubes de lectura de Maceda, Xinzo e Allariz.
– De 12:30 a 13:30 h. Encontro do autor con todo o alumnado na Casa da Cultura.

Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, candidata ao Premio Casino de Santiago

“Xa hai finalistas para a décima edición do Premio Novela Europea Casino de Santiago, que recoñece as mellores novelas europeas do ano. Nesta edición, Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, atópase entre as seleccionadas. Terá que competir coas obras De vidas ajenas, de Emmanuel Carrère, editada por Anagrama, Con el agua al cuello, de Petros Márkaris, de Tusquets, La acabadora, de Michela Murgia, editada por Salamandra e Los enamoramientos, de Javier Marías, da editorial Alfaguara.” Desde Galaxia.

Teresa Moure: “A linguaxe é a principal arma para cambiar a sociedade”

“Lourdes Varela publica no Faro da Cultura do Faro de Vigo a conversa con Teresa Moure sobre o seu ensaio Queer-emos un mundo novo, publicado en Galaxia, co que obtivo -por segunda vez- o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Pódese ler a entrevista aquí.” Desde Galaxia.

Santiago: presentación de A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar

O martes 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, María Solar presenta o seu novo libro, A verdadeira historia da mosca da tele, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada polo seu editor, Francisco Castro.

As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.

Cecebre, Cambre: presentación de Tinta, de Inma López Silva

O sábado 27 de outubro, ás 19:00 horas, na Fundación Wenceslao Fernández Florez (Villa Florentina, Apeadeiro, 14) de Cecebre, Cambre, Inma López Silva presenta o seu libro Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Xosé Luís Vilela.

Santiago: presentación de Tinta, de Inma López Silva

O mércores 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, Inma López Silva presenta o seu novo libro, Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Víctor F. Freixanes e Cándido Pazó.