Pablo Bouza: “Os certames danlle firmeza á túa carreira e visibilizan a túa obra”

Entrevista a Pablo Bouza en El Progreso:
“”Os cartos logo desaparecen, pero os libros son a vida dun escritor”, asegura o poeta Pablo Bouza á hora de valorar o que supón gañar o V Premio Díaz Castro de Poesía, dotado con 2.000 euros e coa publicación do poemario, na primeira vez que se presentaba.
– El Progreso (EP): Que sentiu ao recibir a chamada?
– Pablo Bouza (PB): Unha grande emoción. Recibir un recoñecemento ao teu traballo dáche forza e confianza para seguir escribindo, comprobas que estás en boa liña. Viña duns anos de secano en canto a publicacións e con este premio terei a oportunidade de volver publicar e cunha editorial de referencia. Somos moitos os poetas que nos presentamos a estes certames, xa que case é a única maneira de poder ver a túa obra publicada.
– EP: Leva unha boa colleita de premios, a experiencia altera a sensación?
– PB: A emoción e ledicia é a mesma que co primeiro. E neste caso, vendo a solvencia e a categoría literaria do xurado, a satisfacción é maior.
– EP: Que supoñen este tipo de convocatorias para os escritores?
– PB: Levo máis duna ducia de premios que se reflicten en seis libros individuais, algúns colectivos e publicacións en revistas especializadas. Os certames van dándolle firmeza á túa carreira literaria e permiten visibilizar a túa obra. Teñen moito mérito os concellos e as institucións que os convocan. No caso de Guitiriz, que faga un esforzo notable convocando un certame da calidade do Díaz Castro é moi loable e amosa unha especial sensibilidade da súa corporación. Ademais, Guitiriz é un facho poético en Galicia co importantísimo labor da NPG (Nova Poesía Guitirica) e o seu traballo cos grupos poéticos de base, o certame de Vilariñas, os poemas pendurados nas farolas, a edición da Gazeta.gal, o traballo de investigación sobre Os Vilares de Pas Veres ou a poesía da magnífica Luz Campello.
– EP: Cal é a sensación ao ver un libro seu publicado?
– PB: Telo nas túas mans é unha das grandes emocións que ten un escritor. Ao fin e o cabo, escribes para comunicar e compartir. O poema non deixa de ser un proceso comunicativo. Ademais ese libro, e sobre todo no caso da poesía, clónase en moitos máis: as interpretacións e versións que cada lector fai do que ti lles amosas. (…)”

Celia Díaz Núñez: “As vivencias quiroguesas asoman de maneira constante en todas as miñas obras”

Entrevista a Celia Díaz Núñez en El Progreso:
“Aínda que naceu no Páramo, a escritora Celia Díaz Núñez criouse en Quiroga, unha terra que segue considerando como o seu paraíso particular. Precisamente, dende o Día das Letras Galegas de 2018 é Filla Adoptiva do concello, marco tamén de moitas das súas obras. A última publicación de Celia Díaz é Rugando ou o misterio do cuarto secreto, unha nova edición da novela Rugando, que viu a luz hai case dez anos.
– El Progreso (EP): Que novidades inclúe esta nova obra?
– Celia Díaz (CD): É unha edición corrixida e aumentada, publicada por editorial Galaxia. Non hai diferenzas en canto ao argumento ou aos personaxes, pero si algunhas modificacións no léxico, nos diálogos ou nalgunha escena concreta. Tamén, o desenlace está máis explícito. Incorpóranse títulos a cada unha das partes da novela que axudan a entender mellor a relación entre elas, é dicir, a novela dentro da novela. Ademais, engádese no inicio un mapa dos lugares citados: Samos, A Seara, Montefurado, Rugando. Conta cunha guía de lectura (pode consultarse na web da Editorial Galaxia) con claves interpretativas, enlaces a varios roteiros polos escenarios da novela, unha proposta de actividades e un glosario de termos sobre as ferrerías.
– EP: A Ferrería de Rugando, con tanta historia, semella o lugar perfecto para un relato de misterio como o desta obra.
– CD: A idea desta novela xurdiu unha tarde en Rugando contemplando o edificio en ruínas da antiga ferrería. Naceu así esta historia de misterio, de intriga e de fantasía que combina o tema das ferrerías tradicionais que elaboraban o ferro extraído nos montes do Courel co tema dos alquimistas que procuran o elixir da eterna xuventude, a inmortalidade. A existencia desde hai uns anos dunha casa rural nese mesmo edificio permitiu incorporar unha trama que acontece en época actual protagonizada por un grupo de rapazas e rapaces que investigan sobre uns acontecementos anteriores.
– EP: Na sinopse fala de presente e pasado e pregúntase se son a mesma cousa. Que a leva a pararse nisto?
– CD: Esta idea ten que ver coa resolución do misterio planteado na primeira parte da novela. No epílogo descóbrese que o século XIX e o século XXI están máis próximos do que parece, cando menos tendo en conta a peripecia vital dunha das personaxes. (…)”

Manuel Darriba: “Podería dicirse que A realidade é a novela máis complexa e ambiciosa que fixen ata agora”

Entrevista a Manuel Darriba en El Progreso:
“O sarriao Manuel Darriba lanza A realidade, unha novela que conta cunha peculiar estrutura e unha portada moi actual: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. A obra, que comezou a xestarse hai 8 anos, non versa sobre a pandemia pero aborda outras catástrofes e ten tintes autobiográficos
– El Progreso (EP): Acaba de publicar A realidade, a súa última novela que ten detrás oito anos de traballo. Como xurdiu a idea de facer este libro?
– Manuel Darriba (MD): A idea inicial era contar unha historia que transcorre nunha noite cun personaxe estrambótico que se vai cruzando con outros e a partir dese panorama intentar trazar a miña visión sobre moitos aspectos políticos e sociais do mundo actual. Os primeiros borradores son de hai máis de oito anos e fun escribíndoa con calma porque o compaxinaba cos meus outros oficios como editor de revistas, guionista e xornalista. Neste tempo publiquei ademais outra novela, un libro de relatos e un poemario. A última fase de A realidade tivo lugar no período 2019-2020 e o final está datado en setembro do 2020 na Fonsagrada, que é onde vivo coa miña muller e o meu fillo. Podería decirse que é a novela máis complexa e ambiciosa das que fixen ata o de agora.
– EP: A portada podería estar perfectamente vinculada á actualidade: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. Presaxiou a súa obra o futuro?
– MD: Casualmente a novela rematouse no ano do covid, pero xa viña de moito atrás. A portada foi obra do meu amigo Toño de López, que en pleno confinamento fixo fotos alegóricas da situación de afastamento e perigo que estabamos a vivir e considero que a imaxe elexida cadra moi ben cos contidos e a filosofía da miña obra, que non ten nada que ver coa pandemia, pero aparecen outras catástrofes planetarias como o cambio climático ou a desigualdade social. (…)”

Manuel Rivas: “O Fiouco é un exemplo do poder que teñen os expertos e os gurús”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Manuel Rivas en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): O libro [Zona a Defender] fala sobre “extralimitación ecolóxica”. Critica o paso da autovía polo Fiouco.
– Manuel Rivas (MR): Este libro é unha obra literaria con máis peso do pensamento que do emocional. A ironía define a modernidade, é ese humor amoratado que deixa un hematoma. O Fiouco é ilustrativo do que pasa no mundo, onde hai un exceso de poder dos expertos e dos gurús. No eido político levan a batuta e non escoitan á parte de cando hai eleccións. O cidadán é un cliente ao que se lle pide que compre un produto cada catro anos. Nos partidos políticos hai moi pouco espazo de participación cidadá. O exemplo é O Fiouco como poden selo o porto exterior da Coruña ou a Cidade da Cultura. (…)
– EP: Fáleme de Aníbal Otero.
– MR: Fai unha colleita de palabras para o seu Atlas lingüístico peninsular como parte do movemento de persoas ilustradas como Giner de los Ríos que concentrou os odios do fascismo español. Nese ambiente fai unha aposta por intelectual por colleitar e estudar o pluralismo lingüístico que hai. O seu traballo nos anos 30 é unha obra heroica polos medios que tiña para andar por ese camiños. Nos prolegómenos do ano 36 é detido en Tui ao ser sospeitoso de ser ‘filólogo’. É detido en Portugal e entregado porque pensan que é espía por unhas anotacións fonéticas. É absurdo. Destrozáronlle a vida.
– EP: Di que o director Oliver Laxe filma seres fráxiles. Compárao co pintor de Os comedores de patacas, Van Gogh.
– MR: Para referirme ao cinema de Oliver Laxe uso a palabra ‘fraxilidade’. No seu traballo está moi presente a fraxilidade dos seres. A vida que reflicte nas películas vai unida á idea de sutileza, á procura do matiz. O mundo é tantas veces tan bruto que esa procura da zona de sombra do ser humano soamente xermola ou se filtra se es quen de sentir esa fraxilidade e esa sutileza. Van Gogh era fráxil. Pintou desde os adentros.
– EP: Oliver Laxe é un home soamente.
– MR: Non é unicamente Oliver. Temos un movemento extraordinario de poetas en Galicia. Rosalía é unha nai fundadora, Galicia ten unha nai fundadora; non como outros países, onde os fundadores son guerreiros, heroes ou machos. Rosalía é unha célula nai, que sería o ecofeminismo do seu tempo. Escoitar á terra e as voces baixas da sociedade é unha tradición fértil. Galicia ten un horizonte enfermo ás veces, dicía Manuel Antonio; pero o noso rescate é a ollada que atravesa a historia da vangarda perenne da muller que se expresa na soidade solidaria, na soidade de comprender mellor aos outros e a propia terra. (…)”

Alicia Fernández Rodríguez: “Estiven ano e medio escribindo Mamá Pelicano, un libro que eu creo moi duro”

Entrevista a Alicia Fernández Rodríguez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que supuxo para vostede a obtención deste galardón?
– Alicia Fernández Rodríguez (AFR): Fíxome moita ilusión porque había moitos anos que non escribía e que non me presentaba a premios. Na adolescencia gañara moitísimos. De feito parei porque non sei a cal me presentei nun momento dado que non o gañei. Había moitos anos que non escribía nada, algún poema para algunha revista ou algo moi puntual. Estiven se cadra 13 anos sen escribir.
– EP: Agora reside en Sant Clement de Llobregat. Foi aquí onde escribiu a obra gañadora, Mamá Pelicano?
– AFR: Cando viñemos hai dous anos tiñamos en Santiago a libraría Chan da Pólvora, a única especializada en poesía de Galicia. Estiven levándoa a distancia durante uns meses e logo traspaseina, fixen traducións e, sobre todo, estiven ano e medio escribindo este libro. Foi chegar aquí, comecei o libro e acabeino haberá medio ano.
– EP: O xurado destacou o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista “descarnado”. Coincide con esta apreciación?
– AFR: Non me toca moito falar a min sobre o libro, xa o dirá a crítica, pero é un libro que eu creo moi duro, doloroso, supoño que tamén necesitaba esa distancia física de Galicia para escribir algo así. É un libro que tiña dende hai moitos anos na cabeza, de feito acórdome no 2010 de falar do título cun amigo poeta que morreu, Francisco Cortegoso, pero non me sentei a escribilo ata que estiven aquí. (…)
– EP: Séntese máis cómoda na poesía?
– AFR: Si, escribín algún conto pero era moi pequena. Si que é certo que agora teño na cabeza un proxecto de novela que aínda non comecei, para o que estou tomando notas. (…)”

Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Xosé María Díaz Castro con A traxedia da arquitectura

Desde El Progreso:
“O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso.
O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.
O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o “excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”.
“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas”, salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a “excelente calidade dun número importante” dos orixinais presentados, o que evidencia “o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio”.
Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba o venres 22 de febreiro no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.
O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.”