A Coruña: obradoiro Palabra Lab, dirixido por Estíbaliz Espinosa

Palabra Lab. Planetario de textos vivos é Estíbaliz Espinosa 2un obradoiro dirixido por Estíbaliz Espinosa onde se poderá traballar coas verbas nas súas diferentes dimensións e utilidades, desde textos formais até páxinas creativas, poemas, redes sociais…
Ademais da lectura de textos, o obradoiro consistirá na escrita e posta en común de diferentes prácticas de composición de textos. Veremos as diferenzas entre a expresión oral e a escrita a través de vídeos e lecturas. O curso organizarase arredor dos seguintes contidos:
– Poesía [do versolibre ao haiku pasando polo chío en twitter].
– Relato [de Chejov a Clarice Lispector]. Novela [principios de novela, tirar do fío]. Microrrelato [Ana Mª Shua]. Artigo.
– Literatura + ciencia. Literatura + fotografía. Literatura + novas tecnoloxías.
– Ximnasia mental: textos de creación.
Ao finalizar o curso, faremos unha exposición dalgúns dos textos realizados ao longo destas semanas.
Os obxectivos que persegue este obradoiro son:
– Perderlle medo á composición de textos escritos que sigan a curva dunha idea.
– Encarar a páxina ou pantalla en branco con estímulos e ideas e, sobre todo, con vontade.
– Esmoucar textos até facelos máis lexibles ou cómodos.
– Traballar marcadores discursivos e formas novidosas para evitar clixés, formulismos, «zonas de confort» expresivo…
– Aprender a expoñer claramente argumentos e ideas.
– Desautomatizar a linguaxe explorando novas formas de expresión.

Datas: todos os xoves entre o 9 de outubro de 2014 e o 5 de febreiro de 2015.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula 2.3 de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula).
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos).
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 15 de setembro até o 2 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

Tres poetas da Galiza recitarán no ciclo Voces paralelas das letras catalás, so 29 de xuño ao 6 de xullo

Desde Sermos Galiza:
“Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa serán as voces galegas que partillarán coas catalás de Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa o ciclo Voces paralelas que levará o encontro poético galego-catalán a diversas localidades de Cataluña, Valencia e Mallorca. De Fisterra ao Cap de Creus é o lema que acompaña á xira literaria.
Desta volta, o ciclo reúne a tres poetas cataláns de xeracións diferentes con tres voces convidadas desde Galiza. Será a actriz Mireia Chalamanch a que guiará o espectáculo e recitará en catalán a obra galega nas distintas citas que se desenvolverán en Cataluña, Valencia e Mallorca desde o 29 de xuño ao 6 de xullo. Espazos singulares acollerán o espectáculo poético que ten Galiza desta volta como país convidado. O claustro de Sant Francisco de Vilafranca del Penedès, o claustro Sant Pau do Centre Tarraconense, o Centro de Cultura Contemporánea de Valencia, o Convento, espazo de arte de Vila-real, a Llibreria Quars de Palma ou El Born Centre Cultural de Barcelona son algúns escenarios nos que terá lugar o encontro Voces paralelas, Veus Paral-leles na súa 12 edición. (…)”

Cuestionario Proust: Estíbaliz Espinosa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Estíbaliz Espinosa:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Curiosidade. Obsesivocompulsiva
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O seu sentido do asombro e o do humor. Que, penso, van trenzados.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. A boa hora serían amizades, se non!
Das amizades por interese agardo moitas cousas: cartos, sexo e coñecemento, principalmente.
Das primeiras teño apenas.
4.– A súa principal eiva?
– A introversión nun sistema social armado para extrovertidos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Mirar estrelas.
Mirar animais. Xente incluída
Trituralos a todos e escribilos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un convento de monxas con telescopios. E con Y.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Fáltanme valor e verba para escribir iso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cosmonauta contista; e rusa ademais.
9.– En que país desexaría vivir?
– En órbita.
Coido que xa vivimos un pouco en órbita.
Non me vai moito o de pensar o mundo en países, pese a que si creo na intervención política decisiva a outros niveis.
10.– A súa cor favorita?
– Amarela. Dentro dun ollo humano, mellor.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Uz. Dá un mel de primeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Baina honela, ez zen gehiago txoria izango.
Eta nik txoria nuen maite.
13.– A súa devoción na prosa?
– A poesía disfrazada de prosa de Clarice Lispector.
14.– E na poesía?
– Centos de versos de autorxs distintxs que forman unha monstra peluda, moi radioactiva.
15.– Un libro?
Ese que, cando o moves do seu andel, abre o pasadizo secreto na parede
[Nos meus andeis ese cometido é sempre dalgún libro de El Gaviero ou dunha revista mutante Salamandria].
16.– Un heroe de ficción?
– Nemo.
17.– Unha heroína?
– Orlando.
18.– A súa música favorita?
– O silencio previo a que soe unha desas músicas favoritas. O falar íntimo dunha voz que me guste.
19.– Na pintura?
– Pegadas da man en negativo hai 35.000 anos, nas covas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que, malia o intento de suicidio, o lorazepam, o cancro ou a pobreza, tiraron para adiante. Os que protestan de xeito contundente. Os que desafían e mutan ideas. Os que non se colgan medallas por facelo.
21.– O seu nome favorito?
– Pandora.
Marusía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A suspicacia ante quen obra fóra dos marcos do “esperable”.
23.– O que máis odia?
– Aferrarse a certezas sen evidencias. Pedantería. Clasismo. Poder mesquiño, envexoso. Vitimismo deshonesto. A tortura.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O meteorito que disque causou a gran extinción do Pérmico. Heille pintar un bigotiño nun libro de historia.
25.– Un feito militar que admire?
– Esa estratexia dalgunhas células primixenias de sitiar o ADN cunha membrana nuclear. Tan pequenas e xa tan perversas!
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Falar lobo. Falar fotón. Falar enerxía escura.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
Afogada na auga. Ou nun incendio. As típicas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Melancorretranqueiro.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os da xente apaixonadamente torpe e asocial.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño lemas, que eu lembre. De cando en vez doume un Eureka! seguido dunha torta, non vaia ser.”

Compostela: Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século, o 26 de marzo

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.

A Coruña: presentación da exposición Lúa Coruña e posterior recital

O martes 5 de novembro, ás 19:30 horas, na Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, s/n) da Coruña, preséntase a exposición de fotografías de José Caruncho Lúa Coruña. Tras a presentación da colección de fotografías, proxectaranse no Planetario algunhas das fotos e o autor comentará como se fixeron e que procuraba con esta serie de imaxes. De seguido, coa axuda do proxector do planetario, explicaranse brevemente os cambios que teñen lugar no noso satélite durante un dos seus ciclos, para acabar cunha escolma de textos literarios relacionados coa Lúa, escollidos e lidos pola escritora Estíbaliz Espinosa. O acto estará aberto ao público, até completar o aforo.

A Coruña: obradoiro Cando dás coa palabra, dirixido por Estíbaliz Espinosa

O obradoiro Cando dás coa palabra, dirixido por Estíbaliz Espinosa en Polisemias, ten os seguintes:
Obxectivos:
Neste laboratorio de creación poética (e outras ciencias) a meta principal é perderlle medo, [mais non vertixe nin abraio] á páxina en branco. Xunto a iso, perderlle medo a escoitar a voz propia, a «sentir voces», evitando caer en clixés, oportunismos ou camiños de creación xa moi transitados.
Traballar a honestidade na palabra quizais somo sortilexio para traballar a honestidade no estar-no-mundo.
Tamén internarémonos por diferentes trucos, alquimias e estrataxemas ante o verso para conseguir unha unidade orgánica no poema. Esa criatura que, quizais inacabada, semelle acabada, ordenada e pecisa. Esa ilusión dos sentidos.
O recital ten como finalidade traballar a contundencia no noso propio discurso unha vez que se converte en palabra falada.
Programa:
0.1 Poesía clásica: buscando chegar ao fondo sen perder as formas. Ritmo. Métricas. Musa vén de Música. Safo de Lesbos. Meendiño. Lope de Vega. Rimbaud. Emily Dickinson. Rosalía.
0.2 A ruptura: verso libre non significa perder son. Walt Whitman. Nicanor Parra. T. S. Eliot. W. Szymborska.
0.3 Prosa poética. Virginia Woolf. Clarice Lispector. Pessoa. Bukowski. Ashbery.
0.4 Río de inspiración, factoría de estímulos, laboratorio de estilo. A literatura ten que morder.
0.5 Novos soportes. Twitteratura, literatura dixital, libros colectivos, revistas de creación, publicidade, audiovisual. Poesía e ciencia.
1.1 Recital poético cos traballos dos alumnos
Metodoloxía
O taller consistiría por unha banda no achegamento aos estímulos poéticos [os contidos] e por outra ás técnicas de escrita de poemas [as formas], dende as formas clásicas até fragmentos de prosa poética contemporáneos. Sempre dende unha perspectiva conciliadora, facendo da expresión poética non un sesudo tratado senón un traballo coa palabra que é válido para calquera, con ou sen formación. Buscamos esa torsión especial da linguaxe, ese punto de equilibrio entre disciplina e loucura, que aporta luz, ideas novas, se aceptamos que en expresións novas agóchanse tamén novas formas de ver o mundo.
O núcleo central estaría conformado polo traballo de escrita de poemas propios así como de lectura [tanto textos galegos como doutras literaturas] escollidos pola profesora, e a súa vivisección.
Así mesmo, un recital conxunto poñería punto final aos meses de traballo.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: De outubro de 2013 a xuño de 2014.
Horario: Todos os luns, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

De Rosalía

Desde o blogue de Dores Tembrás, Sucos:
“Sae hoxe no Culturas de La Voz de Galicia unha reportaxe sobre Rosalía, unha conversa a catro bandas, guíada pola profesionalidade de Ana Abelenda: Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño e eu mesma.”

A Coruña: Rosalía no Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 de maio ás 20:00 horas.
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e no que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta.
“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. (…)”