No Courel de Novoneyra, o sábado 19 de xaneiro

O sábado 19 de xaneiro, desde as 18:00 horas, en Parada do Courel, a Fundación Uxío Novoneyra, no aniversario do nacemento do autor, convida a unha visita ao Courel, na que se desenvolverán os seguintes eventos:
19:00 h. Representación de O Asombro de Fantoches Baj, na casa-sede da fundación (Parada do Courel, 1), sobre o propio autor homenaxeado.
22:30 h. Visionado da longa documental: Uxío Novoneyra / Poeta Alén, de G6Audiovisuais, dirixida por Iván Gimeno, no pub Hydra de Seoane do Courel.
Prégase confirmar asistencia en orde a adecuar aforos e reservas nas distintas actividades (pode facerse tamén no correo electrónico uxionovoneyra@gmail.com).

Santiago: actividades da Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo no Festigal

A Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo, da cal a marca galega é patrona, únense para festexar o día da Patria Galega durante toda a fin de semana. Instalarán un stand na zona de Feira do Festigal 2010 no que se pasarán diferentes documentais e documentos sonoros e audiovisuais de Uxío Novoneyra, presentarase a fundación recén nada e o seu proxecto de desenvolvemento, e venderanse packs de camisolas de Novoneyra, da súa camisola de homenaxe de Rei Zentolo, xunto a libros do poeta. A Fundación Novoneyra distribuirá as diferentes obras do poeta, ademais de expor e vender a carpeta de “HOMENAXE A UXÍO NOVONEYRA” co gallo das letras galegas deste ano 2010 e unha serie de reproducións de gravados do propio autor courelao, faceta súa, ate hoxe, case inédita. Todos os beneficios das vendas das súas obras (cedidas polas diferentes editoriais: Galaxia, Espiral Maior, Toxosoutos, Alvarellos, …) doaranse á Fundación.