A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos

Desde Agadic:
“O Teatro Municipal de Tui ofrecerá durante os meses de febreiro e marzo seis espectáculos de teatro, música e maxia como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades xestoras dos seus 44 espazos asociados.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural xunto ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes da meirande parte das compañías galegas que lle dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario tudense. Nel actuarán Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela Teatro e Baobab Teatro, ademais da formación catalá Titzina Teatre.
Musical para público familiar
A programación arrancará o venres 2 de febreiro (20,00 h.) co musical para público familiar O paxaro amigo-Músicas para a paz, de Mamá Cabra, ao que seguirá o sábado 3 (20,30 h.) La zanja, traxicomedia de Titzina Teatre que propón unha viaxe paralela entre o presente e o pasado para transportar os espectadores á época do descubrimento de América.
Xa en marzo, será a quenda de Falar sen cancelas (venres 2, 21,30 h.), espectáculo de humor de Culturactiva que xunta sobre o escenario a Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz; Sherlock Holmes (sábado 3, 19,00 h.), do mago Cayetano Lledó; O rei morre (venres 9, 21,30 h.), montaxe de Sarabela Teatro dirixida por Ana Vallés, e Pum, pum! (sábado 10, ás 19,00 h.), proposta de Baobab Teatro para público infantil.
Ademais da súa oferta en rede, o Teatro Municipal de Tui ofrecerá dúas proxeccións cinematográficas os días 9 e 10 de febreiro: o filme de animación Ballerina e a longametraxe de produción galega kmaría (e os demais). (…)
As entradas para asistir aos espectáculos da Rede en Tui estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Municipal desde hora e media antes do comezo da función, así como en www.culturatui.info desde unha semana antes e ata as 12,00 h. do día da representación.”

Salvaterra: XXXI Festival de Poesia no Condado

A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado organiza o XXXI Festival da Poesia, que este ano está dedicado ao río Miño. Dentro do seu programa destacamos os seguintes actos literarios:

Venres 1
21:00 h. Noite nas Minas. Fran Alonso. Recital poético previo ao concerto de Branta. Esta é a única actividade de pagamento do festival; as entradas custan 10 euros (8 para pessoas desempregadas) e poden reservarse chamando ao 605676572 ou no correo info@scdcondado.org.

Sábado 2
13:30 h. Sessom Vermute, con Leo i Arremecághona, Marga Tojo e Vítor Vaqueiro.
19:00 h. Poesia. Abordagem poética: Comando Esbardalle e Catarina Fernandes.
20:30 h. Poesia & Música. Presenta Isabel Risco.
Recitan: Charo Lopes, Francisco Xosé Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Rebeca Baceiredo, Lorena Conde e Marilar Aleixandre.
Música: De Outra Margem, Esposa, Os Diplomáticos de Monte Alto e Sacha Na Horta.

A Coruña: presentación de Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo do exterior con Sebastián Martínez-Risco, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

Onde ferve o amor por Galiza, 270 cartas entre Martínez-Risco e o galeguismo exterior

Desde a Real Academia Galega (foto de Almara, na RAG):
“Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco. Para eles, e tamén para institucións ou persoas doutras procedencias interesadas na nosa cultura, o presidente da Real Academia Galega (RAG) de 1960 e 1977 foi “unha especie de representante oficioso da cultura galega, e case poderiamos dicir que do país no seu conxunto, nun momento en que Galicia non tiña institucións representativas propias”, expresa Xosé Ramón Freixeiro Mato. Así queda reflectido nas 270 cartas que compoñen Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.
A obra, que recompila sobre todo cartas do arquivo persoal de Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977) e outras conseguidas en institucións como o Centro Galego de Buenos Aires, foi presentada na sede da RAG nunha rolda de prensa na que o investigador estivo acompañado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a actriz Isabel Risco, neta de Martínez-Risco. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna “porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia” que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior, moitos deles galegos exiliados e emigrados, pero tamén persoas interesadas na nosa cultura de Portugal, Francia ou América. (…)”

Compostela: Gala Premios música e poesía galego-portuguesa Ari(t)mar

gala_premios_aritmar_2016