Xesús Fraga, premio Blanco Amor de novela 2019

Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”

O PEN Clube premia Marina Mayoral “pola súa defensa das mulleres escritoras”

Desde Sermos Galiza:
“A autora de Querida amiga (1995) é unha voz “constante na súa defensa das mulleres escritoras”. E a responsábel dunha ampla e recoñecida obra literaria. Desde este 22 de outubro Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é ademais premio Voz de Liberdade, outorgado polo PEN Club da Galiza.
O xurado “tivo en conta a obra literaria desta escritora, os seus traballos sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán e, sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e a na sociedade en xeral”. As persoas que decidiron o galardón foron Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Xabier Castro, Bieito Iglesias, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luís Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede.
Mayoral, que recibirá unha escultura de Acisclo Manzano, recollerá o premio -de carácter bianual- na segunda quincena de novembro. Trátase da terceira muller en acadalo, logo de Úrsula Heinze en 2005 e María Xosé Queizán en 2011. Na edición anterior, a número sete, o premiado foi Xosé Luís Méndez Ferrín.”

María Solar, Victoria Carballo-Calero e Manuel Bernárdez, entre os Premios Insua dos Poetas 2019

Desde El Correo Gallego:
“O Padroado da Fundación “Insua dos Poetas” decidiu outorgar o premio “Insua dos Poetas” 2019 na categoría de Creación Literaria a María Solar, xornalista e escritora, polo seu traballo no mundo da comunicación, sobre todo, no programa cultural Zig Zag diario da TVG e na Revista Fin de Semana, así como pola súa contribución como creadora no eido da literatura infantil e xuvenil.
Na categoría de Artes Plásticas, o premio desta edición recaeu na profesora María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e numeraria da Real Academia de Belas Artes de Galicia, polo seu incesante traballo desde Ourense a prol da pintura, escultura, arquitectura e arte urbana. Salientando o seu labor no estudo da ilustración da Revista Nós do ano 1983.
Na categoría de Lingua e Cultura Galega na diáspora, o premiado desta edición foi o Centro Galicia de Bos Aires, institución que agrupou o 25 de xullo de 1979 aos catro centros provinciais (ourensán, pontevedrés, lucense e coruñés) que existiu na capital arxentina desde os anos 40. Esta institución, unha das de maior alcance, patrimonio e prestación de servizo de toda a emigración galega en América, agrupa na actualidade a case 10.000 socios e cumpre 40 anos de andaina.
O premio “Insua dos Poetas” 2019, na categoría de Acción Social, foi para a Asociación de Veciños da Parroquia de Madarnás, no Carballiño. O xurado quere premiar a esta entidade por estar a Insua dos Poetas enclavada en dita parroquia e polo súa constante colaboración coas actividades que alí se realizan, sobre todo, salientando o libro Historia de Madarnás, promovido pola asociación e do que son autores: José Luis Sobrado, Juan Álvarez e Francisco Fumega. O premio “Insua dos Poetas” 2019 na categoría de Iniciativa Empresarial foi para o empresario natural de Dacón, Maside, Manuel Bernárdez Otero, polo seu mecenado desde o grupo empresarial Cer & Ber, creado en 1983 coa finalidade de outorgar un servizo de asesoramento inmobiliario e asegurador a toda a comarca do Carballiño, sendo a súa actividade un exemplo de normalización na lingua propia de Galicia e contando cunha plantilla de profesionais que transcenden o marco peninsular para atender ás demandas de emigrantes galegos residentes en Francia, Suíza, Panamá e México. Na categoría de Imaxe e Audiovisual, nesta edición, o premio foi para a Asociación Fotográfica O Potiños, nada en 1965 polas inquedanzas dun grupo de persoas que ao redor da memoria do fotógrafo Gabriel Alonso, alcumado “O Potiños”, téñense preocupado en varias etapas de actuación da difusión, promoción e da vertente artística da fotografía, salientando a colaboración de diversos membros desta entidade que fotografan a Insua dos Poetas, nas diversas estacións do ano. Por último, na categoría de Medios de Comunicación, o premio deste 2019, foi para a Cadena SER do Carballiño, polo labor informativo en lingua galega que se realiza desde esta emisora de radio e pola súa preocupación constante polas actividades culturais da bisbarra. A entrega dos galardóns (que será uhna peza escultórica de Acisclo Manzano, realizada expresamente para este evento) tivo lugar o sábado, 20 de xullo, ás 12.00 horas, no transcurso da celebración da XI Festa da Palabra, na Insua dos Poetas, en homenaxe ao escritor Antón Tovar, falecido en Ourense en 2004.
Na xuntanza na que se decidiron os premios estiveron presentes Luis González Tosar, presidente do Padroado da Fundación “Insua dos Poetas”; Xabier Castro Martínez, secretario; Patricia Torres, deputada provincial de Cultura en representación da Deputación de Ourense; Anxo Lorenzo, director xeral de Industrias Culturais en representación da Xunta de Galicia; Acisclo Manzano, escultor; Antón Pulido, pintor; Miguel Anxo Fernández; Xosé Ricardo Rodríguez; Celso Sánchez González e Gisela Barbeito. “

Miguel Sande gaña o Premio de Poesía Afundación

Desde Sermos Galiza:
“O xurado da XVII edición do Premio de Poesía Afundación nomeou como gañador o xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, co seu poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O Premio de Poesía Afundación, convocado por esta entidade xunto co Centro PEN de Galicia, contou con 30 obras inéditas apresentadas a concurso.
A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela, o escritor Xabier Castro Martínez e o presidente do Centro PEN Luís González Tosar; tivo lugar ás 18:30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela da cuarta feira 17 de xullo.
O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas”. Ademais, o propio xurado tamén resaltou que a expresión poética está plenamente lograda “nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética”.
As persoas compoñentes do xurado destacaron así mesmo como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”.
Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta, participaron do acto de entrega de premios e parabenizaron Sande por gañar o premio de poesía e pola súa calidade. (…)”

Nova Nursia, de Héctor Cajaraville, e As orixes da fotografía en Galicia, de Carlos Castelao, premios Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Carlos Castelao.
A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta “áxil novela histórica”, en palabras do xurado.
As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre “a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá”. É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a “rescatar a memoria visual da época”.
Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luís González Tosar.”

Compostela: II Festival de poesía para Corpo Principal, Alguén que respira!

Gonzalo Hermo gaña o XVI Premio de Poesía Afundación

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, é a gañadora da décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego.
A resolución do xurado, composto por Luís G. Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior edición do Premio de Poesía Afundación; Alba Cid, poeta; Xosé Ramón Pena, escritor; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, deuse a coñecer esta tarde na sede de Afundación Santiago de Compostela, nun acto presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director-xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar. (…)
O xurado destacou que o poemario gañador ofrece, “desde a sobriedade e a contención”, “un regreso á natureza que incorpora a autobiográfico e o metapoético”, ao tempo que entroucou a obra con “poéticas abertas na creación contemporánea, tanto na súa procura do salvaxe coma no recurso a un misticismo escéptico”. (…)”

Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos da Aira, gaña o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde o Concello de Ourense:
Prender os fachos, compoñer os ósos, do poeta Carlos da Aira, foi a obra gañadora do 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, composto por Luís G. Tosar, poeta e presidente do Pen Club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior, resolveu por unanimidade concederlle o premio ao poeta allaricense.
Os integrantes do xurado valoraron a súa obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.
O Premio de Poesía Cidade de Ourense está dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, e está aberto á participación de autores e autoras que presenten obras escritas en galego ou en portugués. O vindeiro ano, o poeta allaricense Carlos da Aira integrará o xurado da 35ª edición.”

Daniel Asorey gaña a II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón

Desde Cultura de Galicia:
“O profesor e escritor Daniel Asorey é o gañador da II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que convocan o Concello de Cerdedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra. Este ano o certame introduciu a novidade de dous accésits, que lles corresponderon a Rosendo Cid e Xesús Fraga.
O xurado, composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, a profesora de Lingua Galega e Literatura Malores Villanueva Gesteira e a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López, destacou a calidade das obras presentadas e o bo nivel dos relatos que concorreron a esta convocatoria.
O primeiro premio foi para Daniel Asorey pola obra Anatema, da que salientan “a arquitectura da trama” e “unha elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final”, así como o equilibrio que sostén o relato. Anatema está situada en Santiago de Compostela, un espazo coñecido ao que o escritor dota “dunha nova dimensión que transcende a realidade”. As paixóns humanas e o gran lirismo dalgunhas pasaxes conforman unha historia trazada con mestría. Profesor de ensino medio, Asorey ten publicados varios relatos e conta xa na súa traxectoria con diversos premios de narración curta, o último o de Narrativa Breve Repsol, co que se fixo no ano 2016.
Pola súa banda, 37 vidas breves deulle ao escultor Rosendo Cid Menor un dos accésits do galardón, por unha narración que recolle a historia dun grupo de persoas de xeito fragmentado, “escintileos de vidas contemporáneas que se cruzan e que dan como resultado achados profundos que obrigan ao lector a reflexionar”, segundo recolle a acta do xurado.
Con Roller Girl, o xornalista Xesús Fraga faise co outro accésit, por “un relato ben trabado a través dunha introspección psicolóxica que aborda temas sociais de interese”. Unha historia “aparentemente mundana”, segundo destaca o xurado, “dotada de intensidade e forza narrativa”. (…)”