Luísa Villalta a través das poetas: “Cando escribía buscaba que as lectoras pensásemos o mundo”

Artigo de Ana G. Liste en Praza:
“Dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista, profesora e poeta. Os vindeiros meses permitirán unha achega profunda á figura de Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) con motivo da escolla da Real Academia Galega da celebración en 2024 do Día das Letras Galegas na súa honra. A coruñesa é a sexta muller na listaxe de figuras homenaxeadas desde que esta festividade –na que tivo moito que ver o actual homenaxeado, Francisco Fernández del Riego– comezou con Rosalía de Castro (1963). Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021) son as únicas mulleres que foron destacas nos seguintes 59 anos.
Imos mirar cara a Luísa Villalta desde as perspectivas de quen escribe poesía hoxe. Isto é un primeiro achegamento, dos outros moitos que virán nos vindeiros meses, a unha artista que vai lograr levar de volta a celebración das Letras á rúa, como xa conseguiron Lois Pereiro en 2011 e, máis recentemente, Xela Arias. Achegámonos á faceta como poeta da que xa foi ‘Señora das Letras’ o ano pasado da man de Antía Otero, Silvia Penas, Oriana Méndez, Nuria Vil, Arancha Nogueira e Antón Blanco. Miramos e escoitamos, pois este texto vai acompañado de varios poemas da autora recitados para as lectoras e lectores de Praza.gal. (…)”

Vídeos da Homenaxe a Luísa Villalta. “O outro lado da música: a palabra”, 2004

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) rendeu o domingo día 3 de outubro de 2004, unha sentida homenaxe póstuma á escritora coruñesa Luísa Villalta (1957-2004), falecida en circunstancias tráxicas e inesperadas. O acto de homenaxe, que comezou ás 12:00 do mediodía, celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, e constou de tres partes diferenciadas coas que a AELG tentou honrar a traxectoria artística de Luísa, tanto no ámbito literario como no musical.

Recuperamos os vídeos desta actividade, que damos a coñecer agora publicamente:

Luísa Villalta, Día das Letras Galegas 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de Luísa Villalta como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2024 por parte da Real Academia Galega.
Mantivo unha importante vinculación coa AELG, sendo partícipe do Consello Directivo entre 1993 e 2002. A súa creatividade manifestouse en diversos campos, desde a poesía até a narración, ensaio, teatro, escrita xornalística e tradución, xunto á súa outra gran paixón, a música, sempre cunha calidade indiscutíbel e unha posición independente á vez que comprometida coa lingua e literatura galegas e a sociedade do seu tempo.
Lembramos aquí a Homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, que tivo lugar en 2014, co descubrimento dunha placa na casa onde vivira Luísa, e a intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, naquel acto.

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.
Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.
“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón a proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.” (…)

Armando Requeixo: “Luísa Villalta é unha das intelectuais máis completas das últimas décadas”

Entrevista a Armando Requeixo na Televisión de Galicia:
Pensar é escuro é o título dun poema de Luísa Villalta e tamén o título do libro nos devolve a súa poesía. A editorial Galaxia con edición de Armando Requeixo recompila os catro poemarios da autora prematuramente morta no 2004. Luísa Villalta a poeta violinista, que escrutou e explorou o complexo da existencia, os dramas da realidade, o xénero, a propia poesía. E por fin a podemos ler reunida baixo a edición de Armando Requeixo. A entrevista pode verse aquí.”

Crónica fotográfica da Lectura pública polo Día das Letras Galegas 2023 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías da lectura pública polo Día das Letras Galegas que tivo lugar na Coruña o 14 de maio, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí.

Lugo: actividades do 19 de maio na Feira do Libro 2023