Escola de Escritoræs: Obradoiro en Compostela a cargo de Mario Regueira, desde o 7 de agosto

A escaleira de incendios do verso é un novo obradoiro de creación literaria da Escola de Escritoræs da AELG, coa colaboración da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela “Ánxel Casal” e o patrocinio da Consellaría de Cultura, impartido polo escritor Mario Regueira.

Información básica sobre a actividade.
Contidos
Repasando as distintas fases históricas da poesía (tanto galega como universal), o obradoiro procurará o coñecemento e ampliación dos seus distintos recursos técnicos e expresivos, así como a indagación nas súas posibilidades creativas, mostrando e afondando nas distintas opcións estilísticas que existen.
Preténdese tamén explorar os seus territorios anexos, tanto as concepcións máis vangardistas da arte poética como a relación con outras artes ou formas de expresión.
A idea da escaleira de incendios remite á posibilidade de atopar camiños inesperados e novos, que sirvan tanto para unha fuga de emerxencia como para xogar gañando a rúa pola vía menos pensada.
O obradoiro contará nunha das súas sesións coa presenza dun escritor-a convidado-a, que expoñerá o seu proceso creativo e atenderá as preguntas dos-as participantes.

Lugar, datas e horas
As sesións terán lugar todos os xoves, do 7 de agosto ao 9 de outubro no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela “Ánxel Casal”.

  • No mes de agosto, o horario será de 12:15 a 14:15 horas.
  • Nos meses de setembro e outubro as sesións desenvolveranse de 16:30 a 18:30 horas.

Prégase presentarse 10 minutos antes do comezo de cada sesión.

A quen se dirixe
20 prazas para maiores de 16 anos.

Inscrición
O prazo para anotarse comeza o 11 de xullo ás 8:30 h. e remata o 6 de agosto ás 14:00 horas. Os medios para inscribirse son:

  • Presencialmente no mostrador de información da Biblioteca en horario de mañá, de 8:30 a 14:15 horas, de luns a venres.
  • Por teléfono, chamando ao 881 999 401.
  • Por correo electrónico: biblio.publica.santiago@xunta.es.

En ningún caso unha persoa poderá inscribir a outra. Cada comunicación de inscrición debe ser individual.
Unha vez cubertas as 20 prazas, abrirase unha lista de agarda.
A selección dos/as participantes realizarase atendendo unicamente á orde de inscrición. Os/As usuarios/as poden anotarse mediante calquera das tres modalidades, sen que supoña unha preferencia dunha sobre a outra. Só contan o día, hora, minuto e segundo en que se inscriben. A lista de agarda seguirá ese mesmo criterio.

Normas básicas para o correcto funcionamento da actividade
Prégase aos/ás participantes que, en caso de non poder seguir asistindo ás sesións, avisen á Biblioteca coa suficiente antelación para que as vacantes queden cubertas polos inscritos/as na lista de agarda.

Faltas de asistencia
O control realizarase en cada sesión mediente unha folla na que os/as asistentes deben asinar. A finalidade deste control é que, se algunha persoa falta de forma reiterada, outras que estean na listaxe de agarda poidan formar parte do mesmo no seu lugar.
Faltas non xustificadas: O número máximo será de 2 sesións (4 horas). En caso de superar esta cifra, a praza pasará automaticamente á primeira persoa da lista de agarda.
Faltas xustificadas: Non se contabilizarán sempre que estean xustificadas mediante un documento acreditativo (parte de baixa ou informe médico no caso de enfermidade, informe dun/dunha superior en caso de ausencia por motivos laborais, etc.):
a) Faltas xustificadas non consecutivas: Ao chegar á segunda falta xustificada a biblioteca poderá formular ao/á participante no obradoiro a posibilidade de seguir ou de ceder a súa praza (aínda que sexa temporalmente) a algunha persoa na listaxe de agarda. En caso de que o/a participante no obradoiro non ceda a súa praza e volva ausentarse, o seu posto pasará automáticamente á primeira persoa da lista de agarda.
b) Faltas xustificadas consecutivas: Se o/a participante no obradoiro prevé que vai faltar durante máis de dúas sesións seguidas, pode ceder a súa praza temporalmente a outra persoa que estea na listaxe de agarda. O/A participante poderá reincorporarse ao obradoiro tan pronto como saiba que pode asistir ás sesións.

Eli Ríos gaña o XVIII Certame Francisco Añón de poesía

Dez, cen, mil veces Díaz Castro, por Mario Regueira

Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“A festividade das Letras coincide sempre cunha abondosa aparición de libros e outros materiais sobre a persoa homenaxeada. Dalgunha forma iso é o mellor e o peor que a celebración trae cada ano. Por unha banda, a capacidade de seguir a marcar os ritmos da industria cultural do país, fomentando en ocasións a recuperación de obras descoñecidas, perspectivas pouco exploradas e materiais inéditos. Do outro lado, a débil liña que separa ás veces a homenaxe do oportunismo, algo que se ten manifestado en máis dunha edición da efeméride a través de tensións editoriais e mesmo persoais.
Nesta ocasión, probabelmente esteamos ante un caso especial. Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano. A concesión do Día das Letras neste 2014 centra a difusión destes aspectos en persoas e entidades que lle foron particularmente próximas ou que mantiveron vivo o interese no guitiricense durante estes últimos anos, alén de pular para que o grande recoñecemento póstumo da cultura galega se fixese efectivo. (…)”

Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía

Desde Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”

Maniños, Fene: presentación de Ático, de Arsenio Iglesias Pazos e espectáculo Poetas da Hostia

O sábado 5 de abril, ás 20:00 horas, na ACRD O Pote de Maniños (Estrada da Palma, 217, O Pombal, Maniños, Fene), terá lugar a presentación do libro Ático, de Arsenio Iglesias Pazos, publicado en Positivas. Con motivo do mesmo, haberá unha nova edición do espectáculo Poetas da Hostia, co participación, xunto ao autor, de María Lado, Lucía Aldao, Eduardo Estévez, Mario Regueira e Paula Carballeira.

Bilbao: presentación da tradución de Outono aquí, de Mario Regueira

O luns 24 de marzo, ás 20:00 horas, na ANTI-Liburudenda (Dos de Mayo, 2) de Bilbao, Mario Regueira presenta Las hojas muertas, a tradución publicada por Pulp Books de Outono aquí. No acto, o autor estará acompañado por Íñigo Astiz e Arsenio Iglesias Pazos.

Ramón Nicolás: “Identidade fronte unha guerra sen bombas. Conversa con Mario Regueira”

Entrevista de Ramón Nicolás a Mario Regueira en Qué leer, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Transitan con frecuencia na súa obra as clases sociais menos favorecidas e nunca faltan reflexións sobre as identidades… Por que?
– Mario Regueira (MR): En Galicia a cuestión identitaria é un debate recorrente, algo que no meu caso se suma ao feito de proceder dunha cultura de traballadores de estaleiro nunha bisbarra (Ferrolterra) en crise permanente e infinita. No meu contexto vital, a clase traballadora foi sempre a protagonista, mesmo a pesar das veces que se pretendeu borrala da historia, unha lectura que creo que pode ser extensible a outros escenarios e máis nestes tempos.
– RN: No seu último libro poético O silencio (2012) rastréxase unha preocupación por analizar o discurso da guerra e a violencia…
– MR: Algún día recordaremos estes tempos de crise económica como os nosos avós lembraban o panorama devastado da posguerra, aínda que non vísemos caer ningunha bomba. O silencio está construído sobre esa idea, as imaxes bélicas que o poboan tratan de destapar esa guerra de exterminio sen bombas que sofre hoxe unha parte da sociedade.
– RN: Como crítico literario, cal é a súa valoración do noso panorama literario?
– MR: A literatura galega vive moi mediatizada polo seu propio contexto político, así que a situación global nos últimos anos é claramente negativa. Non obstante, os tempos de carestía son sempre un reto á creatividade e nese sentido, os nosos creadores responderon sempre a un alto nivel.”

Radiocrítica do 30-12-2013, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 30 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o álbum infantil Suleiman y Salúa de Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali (I, 5’50); o disco-libro Toc Toc de Pablo Díaz (I, 8’50 e II 0’00); o ensaio Para que nos serve Galiza? de Xaime Subiela (II, 1’50); a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (II, 4’30) e a antoloxía Novas_de poesía. 17 poetas (II, 4’30 e III, 0’30), da que lin poemas de Mario Regueira (III, 6’40) e mais de Xiana Arias (III, 7’50).”



Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández

O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.

Manuel Veiga: “Como autor, non me gusta a cultura da queixa”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Veiga en Praza:
” O novo libro de Manuel Veiga é unha novela de xornalistas. Dun tipo de xornalismo que naceu coa Transición, coas esperanzas postas no futuro e nunha transformación real da realidade. Mais tamén é a crónica dun desencanto. Dunha xeración que pasou da ilusión á decepción, non sen complicidades co que veu despois. Alén dun retrato social, político e cultural da evolución dun país que houbo un tempo no que pechou en falso demasiadas portas. E até hoxe. Chámase Os xornalistas utópicos. E mestura a memoria do autor coa ficción. O autor presentará o libro este mércores 25 de setembro en Compostela, na libraría Couceiro, coa presenza de Manuel Bragado e Mario Regueira.
– Praza: Os xornalistas utópicos achéganos unha visión bastante crítica do xornalismo actual. Di que non interesa a verdade senón facer literatura economicamente rendíbel: coa súa trama, o seu malo, a súa vítima… Era ese un dos obxectivos principais da novela?
– Manuel Veiga: De primeiras, eu non tiña vontade de facer ningunha crítica. Eu quería só escribir e facelo o mellor posíbel. Pero un, como autor, responde a un carácter, a unha biografía. Non podes evitar ser quen es, aínda que o intentes e escollas o xénero da ciencia ficción. Detrás sempre está o mesmo pulmón alentando. En concreto, eu son xornalista de profesión e sempre tiven unha perspectiva crítica, desde que me presentaba aos concursos de redacción no bacharelato. Incluso a ironía xa estaba naqueles textos. O libro, é certo, vai de xornalistas, como outros van de detectives. (…)”