Paseos Literarios por Compostela

Os Paseos Literarios por Compostela son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
Ciclo de percorridos literarios por Compostela, que procuran outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A participación é gratuíta, e limitada a 50 prazas.
A inscrición debe facerse neste correo: comunicacion@auditoriodegalicia.org
O prazo para a inscrición finaliza o día anterior a cada un dos percorridos.
Todos os percorridos comezarán ás 18:00 h.

Xoves, 14 de setembro.
Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila.
Punto de Partida: Casa natal da Tumbona (Rúa das Hortas).

Xoves, 21 de setembro.
Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey.
Punto de partida: Cruz de San Pedro.

Xoves, 28 de setembro.
Os elefantes en Compostela, con Antón Riveiro Coello.
Punto de partida: Carballeira de San Lourenzo.

Xoves, 5 de outubro.
Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta.
Punto de partida: Praza de Mazarelos, ante a antiga Facultade de Filoloxía.

“As fillas de Penélope”, por Daniel Salgado

Artigo de Daniel Salgado para Sermos Galiza (cadro de Laxeiro):
“O maxisterio de Xohana Torres (1931-2017) foi intempestivo. Atravesou o seu propio tempo, impúxose á liñalidade das xeracións e confluíu coas poetas máis rebeldes das últimas décadas. A autora do depuradísimo e influente Tempo de ría (1992) dialogou de igual a igual coas novas promocións. E as fillas de Penélope responderon coa decisión de tamén navegar e socializaren a maxia, porque esta “existe e pode ser todas”.
“A voz de Xohana fica como o emblema de quen escribiu non en busca do poderío, senón da apertura”, sinala Olalla Cociña (Viveiro, 1978), gañadora do último premio Afundación con Vestir a noite. E salienta a conversa que estabeleceu coas escritoras e escritores máis mozos: “Natural, comprometida e afectuosa. Non podemos despegarnos dela, non podemos evitar buscar a súa palabra, que nos sostén entre o mar e o cosmos”. Coincide con Marta Dacosta (Vigo, 1966), para quen Torres serviu, ademais, á causa da emancipación poética.
“Eu son Penélope / e rexeito teas e fíos / non te vou agardar”, escribiu Dacosta no poema Ordenemos o universo de As amantes de Hamlet (2003), como ampliando a rebelión, levándoa máis alá, da célebre Penélope de Xohana Torres. “Dela aprendemos a ser mulleres que escriben sen veos”, esténdese, “e a min abriume a porta para falar coa miña propia voz. Eu aferreime ao poema de Penélope como a unha bandeira”. A que ergueron as poetas que, a partir dos anos 90, revolveron a literatura galega. De Ana Romaní (Noia, 1962) ou María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) a Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) ou a Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que onte, nas redes sociais e logo de saber da morte de Torres, se declaraba “escritora orfa”.
“A presenza que adquiriu na década dos 90 non se esvaeceu nunca”, considera Dores Tembrás (Bergondo, 1979), que coa tamén poeta Antía Otero (A Estrada, 1982) sostén a editorial Apiario, “e cando publicou a súa última entrega [Elexías a Lola, 2016], todas estabamos expectantes e esperanzadas por volvela ler. Foi un auténtico acontecemento”. A obra poética de Torres desprégase en só catro títulos: Do sulco (1959), Estacións ao mar (1980), Tempo de ría e Elexías a Lola. Como puídos, extraordinarios accesos ao enorme océano que se entorna nos seus versos.
Sobre o libro Os fillos da fame (2016) paira a sombra da poesía de Xohana Torres. Esa que, segundo o seu autor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), ten por corazón “a aspiración irrenunciable á verdade”. “É quen de nomealo todo desde a nada máis absoluta”, engade, e refírese a ela como “a escritora máis brillante do pasado século” en Galiza, “inclasificable en ningunha xeración, pero inspiradora para todas. Xohana é infinita”. As novísimas tamén recorren á palabra precisa e liberadora dos seus poemas, cuxa pegada, explícita ou implícita, se pode rastrear en Alba Cid (Ourense, 1989), Lara Dopazo (Marín, 1985), Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) ou Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016).
O congreso sobre poesía que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que transcorrerá en Pontevedra os vindeiros 6 e 7 de outubro leva por título unha variación da máis coñecida palabra de orde da súa poesía: Nós tamén navegar. “Non é unicamente unha afirmación feminista”, explica Marta Dacosta, que fai parte da organización do encontro, “senón tamén da poesía, da lingua, da nación”. Porque a Penélope de Xohana Torres non pedía permiso para se rebelar contra o destino. Fartara de “tanto novelo e tanta historia” e optou por se facer cargo da súa propia existencia. Optou, daquela, pola revolución.”

Adeus, Xohana, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“Chaman por teléfono e comunican que faleceches. Pídenme unhas liñas. E eu volvo á memoria da nena que fun e tirou do andel aquel Adios, María co que gañaras o premio “Galicia” do Centro Galego de Buenos Aires. Foi unha sorpresa e un revulsivo. Unha autora que ninguén agardaba, unha historia protagonizada por unha nena que non aceptaba a realidade da emigración dos seus pais. O tempo pasou dende entón. Véxoo nas manchas de humidade das páxinas desta primeira edición feita en Arxentina e distribuída por Edicións Castrelos. Foi en 1971.
Quince anos despois, atópote nos diálogos da peza teatral Á outra banda do Iberr e nos poemas de Do sulco, os libros de lectura obrigada na Facultade que non conseguiamos (foran editados en 1965 e 1957 respectivamente) e tivemos que fotocopiar da biblioteca.
Mais foi con Tempo de ría, o teu poemario publicado en 1992, co que te botarías definitivamente ao mar dos nosos ollos, prendidos xa para sempre na lectura dos teus versos. Porque nosoutras, coma ti, tamén navegar, que a maxia existe e pode ser de todas.
O teu “Penélope” acabou sendo bandeira do tempo da poesía en feminino. E compartimos xeración, a xeración das mulleres que, desde entón, falamos coa nosa propia voz. Porque nosoutras que te lemos, sentimos que non nos afasta nin a idade, nin o espazo, que compartimos a camaradería das palabras e as arelas, que chegou o tempo de rachar os velos e mostrarnos.
A túa sinatura no libro mostra como eras exactamente, sinxela, discreta, optimista e aberta como os teus “as” sen pechar subindo unha liña imaxinaria. Debes saber que tivemos fame da túa presenza, a pesar de saber e respectar a túa decisión de non te prodigar en público.
Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra en San Simón, con Xosé María Álvarez Cáccamo

Estas son algunas das fotografías do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra realizado en San Simón, que tivo lugar o sábado 2 de setembro, con Xosé María Álvarez Cáccamo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

As primeiras fotos son de Marta Dacosta. A derradeira de Montse Fajardo.

Feira do Libro de Ponteareas: actividades literarias destacadas do sábado 29 e domingo 30

O domingo 30 de xullo remata a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 29
12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais.
18:45 h. Carlos Meixide (Cans) participa nunha mesa de debate da autoedición.
20:00 h. Presentación do poemario Na casa da avoa, de Marta Dacosta, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Malores Villanueva.
21:00 h. Recital Kneves no autoblues Chicago Fornelos, co poeta Kiko Neves e os guitarritas Phil Chicago e Rober Fornelos.

Domingo 30
18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:00 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Xogos Florais. Ponteareas, 2016/2017, polo Concello de Ponteareas.

Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2017

Na Galería das Letras do Festigal 2017, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o martes 25 de xullo:

16:00 h.: Doris Benegas, unha loitadora do pobo, coord.: Pablo Arroyo, publicado por Último Cero. Participan: Fernando Valiño, Luis Ocampo, María Xosé Queizán Vilas (colaboradora do libro) e Guillerme Vázquez.
16:20 h. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Ed. Galaxia. Participa, xunto á autora, María Xosé Cacabelos, Presidenta da Asociación de Mariscadoras de Guimatur.
16:40 h. Conversa con Nacho Taibo e Carlos Callón arredor dos seus libros Os tres de nunca e Galegofalantes e galegocalantes, publicados por Xerais.
17:00 h. Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron, coord.: Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, publicado por Sermos Galiza. Participan os coordinadores do mesmo e Xoán Costa.
17:20 h. Repente galego, de Ramom Pinheiro Almuinha, publicado pola Deputación de Pontevedra e Asociación ORAL. Participan: Xosé Leal, Eva Vilaverde, Carlos Alonso e o propio autor. Coa actuación das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.
19:40 h. Os soños na gaiola en concerto. Proxecto colectivo promovido polo Concello de Rianxo, Escola de Música de Rianxo, o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados e a Fundación Manuel María. Ed. Casa-Museo Manuel María. Participan: Saleta Goi, Irene Amado, coordenadora do proxecto, Adolfo Muíños e Alberte Ansede.
20:00 h. Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de María do Pilar García Negro, coeditado pola Fundación Galiza Sempre e Federación Galiza Cultura. Participa, xunto á autora, Francisco Jorquera Caselas.
20:20 h. Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, de Javier del Valle-Inclán Alsina, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, José Ángel Maquieira.
20:40 h. Atlas das nações sem Estado na Europa, publicado por Através Editora. Participan: Valentim Fagim, editor, e Abraham Bande, adaptador e tradutor do orixinal.

Taboleiro do libro galego (xuño 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos de xuño. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e nesta propia páxina.

Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Miranda, Paz, Andel do libro, Suévia, Lila de Lilith e Chan da Pólvora.
Continuaremos con esta listaxe logo do equinoccio, mais seguiremos subindo contido e publicaremos unha revista en papel.

Narrativa

  1. Os fillos do lume, de Pedro Feijoo. Editorial Xerais.
  2. Os nenos da varíola, de María Solar. Editorial Galaxia.
  3. Sapos e sereas, de Ana Cabaleiro. Editorial Galaxia.

Poesía

  1. Nomes de fume, de Míriam Ferradáns. Espiral Maior.
  2. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
  3. Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
  4. Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Edicións.

Ensaio

  1. Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Ediciones.
  2. Mariña: de deusa a santa, de Rafa Quintía. Editorial Galaxia.
  3. Muller inmigrante, lingua e sociedade, de Laura Rodríguez Salgado, Iria Vázquez Silva… Editorial Galaxia.

Xuvenil

  1. Corredora, de María Reimóndez. Editorial Xerais.
  2. 22 segundos, de Eva Mejuto. Editorial Xerais.
  3. A soidade das medusas, de Iria Collazo. Editorial Galaxia.

Infantil

  1. Mulleres Bravas da nosa Historia. Maruja Mallo, Elvira Ribeiro e Eva Agra. Urco Editora.
  2. O monstro de cores, de Ana Llenas. Editorial Flamboyant

Libro CD-DVD

  1. Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
  2. Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.

Banda deseñada

  1. Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
  2. Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.

Revistas

  1. Luzes.
  2. Tempos Novos.”

O cuarto de… Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta n’A Sega:
“Podería mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.
O certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.
Hoxe vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.
Para quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban por adaptarse á función literaria. Así o recanto do oeste que inicia un poema de Acuática alma e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar de luz e calor antes de que o día remate.
Mais a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados. Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.
Porque escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a camiñar canda nós, coma as bestas do monte.
Atopar ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.”