Taboleiro do libro galego (I), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A desinteresada e entusiasta colaboración destas doce librarías de toda Galicia, que arriba se citan (Casa do Libro, A lus do candil, Librouro, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, Paz, Libros para soñar e Sisargas) e a cuxos responsables lles agradezo tanto a información como as matizacións que realizaron á iniciativa, son as que fan posible que naza hoxe unha sección [Taboleiro do libro galego] que ten como obxectivo, en esencia, contribuír na medida das súas posibilidades á difusión do libro galego, facendo valer un recurso como é o das listaxes dos libros máis vendidos, obtidas do cruzamento de datos que todas elas ofrecen e atendendo maioritariamente á presenza das novidades editoriais. Velaí os primeiros resultados dos libros galegos máis vendidos nesta última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros.

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais de Galicia.
4º-. Hora zulú, de Santiago Lopo, Editorial Galaxia.
5º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Sechu Sende, autoedición.

POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-.  Inflamable, Samuel L. París, Positivas.
4º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
5º-. Fase de trema, Lorena Souto, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco, Laiovento.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. Prestige. Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, 2.0 Editora.
5º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
3º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-.  María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O cullarapo croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Persépole, de Marjane Satrapi (tradución de Eva Carrión del Pozo), Rinoceronte Editora.

Dióxenes en Dolorida e Tara, novelas finalistas do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

Na tarde do pasado venres, 23 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Fene o xurado encargado de fallar a trixésima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor presidido pola Concelleira de Cultura, Rocío A. Bértoa Puente e formado por Xosé Mª Dobarro Paz (catedrático da Universidade da Coruña), Miro Villar (poeta e crítico literaio); Marga Romero (escritora e crítica literaria) e Manuel Lourenzo González (escritor e gañador da anterior edición do Blanco Amor), actuando como secretario o coordinador técnico do Premio, Daniel Romero. O Xurado salientou a participación das cincuenta e catro obras que concorreron a esta XXX edición, deixando constancia do importante incremento de participantes, o que provocou unha longa deliberación previa e que dá a medida do interese e importancia da convocatoria do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Logo das oportunas deliberacións, o Xurado acordou proclamar, por maioría como finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas cos títulos: Dióxenes en Dolorida e Tara. A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, no decurso dunha gala que se desenvolverá no local da SCRD Agarimo de Sillobre e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.

O 25 de novembro coñeceranse as novelas finalistas da XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor

O xurado encargado de fallar esta edición do Premio Blanco Amor está formado pola Concelleira de Cultura e Deportes, Rocío A. Bértoa Puente, que actúa como Presidenta e polos escritores e críticos literarios Xosé Mª Dobarro Paz, Miro Villar, Manuel Lourenzo González (último gañador do Blanco Amor) e Marga Romero, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o coordinador técnico desta edición do Premio, Daniel Romero. Publicadas as novelas finalistas, o xurado dará a coñecer a novela gañadora e as razóns deste merecemento nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 21:00 horas, no local da SCRD Agarimo de Sillobre, acto no que se procederá á entrega do Premio e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.
En paralelo aos labores do xurado, o Concello de Fene, organizador desta edición do Blanco Amor, prosegue co ciclo de actividades programadas ao redor do propio Premio e da figura de Blanco Amor.
Eis, no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor, o 15 de novembro, ás 19 h visitará a Biblioteca Municipal Xesús Rábade Paredes, nun faladoiro conducido por Verónica Martínez Delgado e o 22 de novembro, á mesma hora, o faladoiro con Inma López Silva estará conducido por Mercedes Queixas.
O 23 de novembro, ás 20:30 h, o CCRD de Perlío acollerá a rememoración da única homenaxe en vida a Blanco Amor que organizara o Círculo de Perlío o 10 de decembro de 1976. A rememoración consistirá na estrea da obra de Don Eduardo O cantar dos cantares, a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé, do CMI Unidade de Fene, dirixido por Carlos Basoa.
Tamén até o 23 de novembro pode visitarse na Casa da Cultura de Fene a Exposición-homenaxe a Blanco Amor. Dezaoito ilustradores/as de primeiro nivel participan nesta exposición promovida polo Museo do Humor de Fene e comisariada polo debuxante Siro López. Compoñen a mostra orixinais de Aida Alonso, Almudena Aparicio, Calros Silvar, Dani Padrón, Idoia de Luxán, Nacho Hortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro Lopez Lorenzo, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.

Poemas en mancomún para o Monte Pindo

“A Asociación Monte Pindo Parque Natural bota a andar a iniciativa de editar un volume con todos os textos literarios escritos en todos os tempos arredor do Olimpo Celta. Canda eles, publicaranse no libro novas aportacións inéditas que se sumarán a un volume enmarcado dentro da súa campaña na promoción e defensa do singular espazo. Para que o libro vexa luz artellaron a fórmula da suscripción popular de maneira que a publicación só se fará efectiva se se garante con antelación a venda de 105 exemplares ao prezo de 10 euros, cinco menos do que costará en librarías. Unha vez garantida eses primeiros encargos, darase paso a publicación do libro, que recollerá nos seus agradecementos o nome das persoas que fixeron a merca anticipada que permitiu publicar o volume. De non conseguilo, devolveríanse os cartos adiantados a quen os puxera e suspenderase o proxecto. Para partillar da suscrición popular compre entrar na plataforma Goteo.org para facer a reserva. Os escritores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval coordinarán o volume cos textos literarios arredor do Monte Pindo. (…)”. Desde Sermos Galiza (tamén aparece en Que pasa na Costa).

O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede

“Xa están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.

Parlamento das Letras: Miro Villar

Entrevista de Armando Requeixo a Miro Villar, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miro Villar (MV): Na miña opinión visibilidade. O coñecemento (escaso) que hai da nosa literatura no exterior, ben sexa na Península (porque inclúo a Portugal) ben sexa en Europa ou en América, é debido case sempre a azares, provocados polo interese persoal de alguén que chegou a nós e que decide promocionar ese discurso literario porque lle di algo. Non é estraño que isto suceda así, porque o mesmo ocorre entre nós a respecto doutras linguas que están, pola razón que sexa, nas marxes, na periferia do sistema literario. A literatura galega (como as outras literaturas periféricas do estado español: a catalá ou a vasca) apenas se traduce e son moi poucos os autores, case sempre narradores, que son coñecidos fóra das nosas fronteiras. Aos poetas tradúcesenos pouco e case sempre en antoloxías colectivas, como A tribo das baleas (2001), que reúne trece poetas galegos dos anos 90 nunha edición trilingüe galego/castelán/inglés. Pero esta é unha iniciativa dunha editorial galega. As foráneas non se arriscan a publicarnos. Polo tanto, as dificultades á hora de promocionar a nosa literatura son inmensas. Cómpre xa crearmos un organismo semellante ao Ireland Literature Exchange ou o catalán Institut Ramon Llull que subsidian que a súa literatura propia sexa trasladada a outras linguas do mundo. Só lle teño lido unha opinión algo semellante ao editor Manuel Bragado nas súas Brétemas. E doutra banda, visibilidade aquí tamén, nas librarías e na prensa galega (feita en Galicia, pero con case todas as súas páxinas en castelán), porque calquera novidade editorial en español adoita ocupar máis espazo que a aparición dun libro en galego. Así sucede que a literatura galega é invisible no seu propio país. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Feraz, moi feraz, mais falto de lectoras e lectores. Os inquéritos son teimudos, metade da nosa poboación nunca le e das persoas que o fan tan só unha pequena porcentaxe é lectora na nosa lingua. Sempre boto de man dunhas palabras do poeta alemán Arnfried Astel: O home, para quen escribo/ non le. Velaí pois un dos maiores problemas. E como tamén dixo Jean Paul Sartre: “Por tanto, o autor escribe para dirixirse á liberdade dos lectores”, esa mesma liberdade que teñen para nos ignorar. Dicíalle isto a Ramón Vilar Lavandeira en Letraenobras hai uns meses á pregunta de como avaliaba o momento polo que pasa hoxe a literatura galega: “Coma unha moeda de moito valor e de escasa circulación. Explícome. Pola banda de arca a nosa literatura está nunha época feraz e de moito dinamismo, conviven nela varias promocións ou xeracións en plena produtividade, cultívanse todos os xéneros posibles (mesmo algúns que até hai moi pouco non tiñan tradición no noso idioma) e hai obras de moitísima calidade. En poesía, por exemplo, é algo recoñecido por autores doutros ámbitos como o poeta Antonio Gamoneda. Agora ben, pola banda de couso, temos dous graves problemas, que mesmo están incardinados. Velaí a situación regresiva da lingua que nos presenta un futuro pouco esperanzador, e non só polas continuas agresións que recibe o noso idioma senón porque a sociedade está a mudar e nesa muda semella desexar perder o seu maior signo de identidade. E, en paralelo, está a mingua do público lector atraído por novos soportes que está a levar a unha crise da literatura da que aínda non somos quen de agoirar a onde nos vai levar. Os meus amigos libreiros xa levan tempo advertíndome da crise de vendas, as feiras son agora case “descampados”, e non estou certo de que iso só teña a ver coa crise económica, senón coa tamén coa crise das humanidades, algo que apalpo todos os días nas aulas, como docente que son, onde o “lóxico” semella encarreirar o alumnado cara ás ciencias”. (…)”

Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil

O venres 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, inaugúrase en Arteixo a libraría Á lus do candil, na rúa Historiador Vedía, 3, baixo, codirixida por Modesto Fraga. No acto estarán presentes os poetas Miro Villar, Lucía Novas, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Marilar Aleixandre, que porán voz a poemas da súa autoría. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da intérprete galega María Xosé Silvar, “Sés”. Os asistentes poderán disfrutar, tamén, coa exposición pictórica do artista Nolo Suárez.
Crónica posterior en Sermos Galiza.

Miro Villar: “As Crebas é case un espello de min propio, para me ollar desde o outro lado”

Entrevista a Miro Villar en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Podemos definir As Crebas coma o caderno de observación dun poeta en terra?
– Miro Villar (MV): Adoito facer uso da palabra do léxico mariñeiro “bitácora” para me referir ao meu blogue, porque pretende facer unha función semellante á dun caderno de bitácora. En efecto, podería dicirse que se trata “dun caderno de observación dun poeta en terra” (moi atinada a vosa definición), pois é unha bitácora cultural e literaria, con preponderancia da poesía como temática, pois alén de moitas cousas considero que son en esencia poeta. Daquela naceu para visibilizar a miña propia creación literaria nun momento en que os espazos no noso idioma estaban máis debilitados ca nunca. E xa non digamos en poesía, pois pecharon coleccións e as que existen reducíronse á mínima expresión. E tamén para dar testemuño das literaturas que me apracen (nomeadamente a sección Poemas) en calquera lingua do mundo, mais dando preferencia aos poetas amados que teñan traducións ao galego, ao portugués ou ao español. Xa logo, para dar conta doutras preocupacións varias: arte, cinema, teatro… ou incluso os roteiros que realizo en épocas de camiñada. A política tamén ten o seu lugar, mais é minúsculo a respecto dos outros temas fulcrais. En definitiva, é case un espello de min propio, para me ollar desde o outro lado do espello. (…)
– LeO: Definitivamente, a literatura e todo o que a rodea xa está máis na rede que no propio papel?
– MV: Non o sei, mais non o creo aínda. Évos ben curioso, recibo un premio por un blogue cando sempre adoito definirme coma un “dinosauro” a respecto da rede. Amo, talvez demasiado, a literatura en papel. Na casa teño problemas de espazo por culpa dos libros que ateigan os meus andeis. Continúo a mercar e tamén a gozar dos libros como obxecto, mais aínda así é ben certo que a día hoxe xa leo tamén moita literatura na arañeira, que ten unha virtude incuestionable que é poder achegarte a calquera literatura do mundo, até da nación máis pequena, en cuestión de segundos. Poño por caso, até hai pouco nada sabía da esplendorosa poesía indíxena de México e grazas á rede coñecín esa literatura que é minorizada nos propios Estados Unidos de México (denominación oficial, por certo). (…)”