Desde Galaxia:
“Con grandes doses de entusiasmo e profundo convencemento de estaren ante unha proposta literaria “refrescante, poderosa, pousada e brillante”, os integrantes do xurado encargado de fallar o XXXVII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) deron a coñecer o 24 de abril á autora, que se sumará a nómina de gañadores deste prestixioso galardón, impulsado polo Concello da Estrada coa colaboración de Editorial Galaxia. Trátase de Nerea Pallares Vilar, que presentou ao certame unha novela baixo o lema Das arañas brancas. A reunión do xurado comezou ás 11.00 horas no consistorio estradense. Estivo composto por Noelia Gómez Calvo, Eulalia Agrelo Costas, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, este último exercendo como secretario. Unha vez lidos os orixinais presentados e despois de distintas seleccións e contraste de opinións previas á xuntanza do día de hoxe, chegouse a esta resolución por unanimidade. O fallo refírese á obra coma “unha novela coral ambientada en Camariñas, na Costa da Morte, que entrelaza realismo social, memoria colectiva e elementos mitolóxicos para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro”.
“Ganduxada como unha nova Lisístrata, co mito de Aracné sempre ao fondo, esta narración abraia polo tratamento de temas como a transmisión interxeracional, a resiliencia, a sororidade, a violencia patriarcal, a precariedade laboral e a importancia dos coidados. A estrutura fragmentaria, a multiplicidade de voces e rexistros (do coral ao poético e do realista ao mítico) e a presenza constante do mar e do encaixe como metáforas do entrelazado das vidas e dos destinos, fan da novela unha peza de gran riqueza literaria e simbólica, tecida co máis fulgurante palillado de palabras”, recolle o xurado.
Nerea Pallares naceu en Lugo no ano 1989 e actualmente traballa en Madrid. Ademais de novelista, é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten un Mestrado en Literatura Comparada na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e foi bolseira na Fundación Antonio Gala. Ten xa dous libros publicados en castelán. Un deles é un libro de relatos, Los ritos mudos (2021) e o outro leva por título Sidecar (2015). Ten tamén presenza importante en revistas culturais e literarias que son referentes en Galicia e no resto do Estado, dende Dorna a Granta. Na novela gañadora da presente edición do Premio Manuel García Barros faise unha importante reivindicación do poder feminino e do papel da muller na sociedade, “dende as meigas ata as tiktokers”, detallaron os compoñentes do xurado. Afondaron en que ofrece ao lector un xogo interxeracional entre o pasado e o presente. “É unha revolta das mulleres e un apoderamento feminino”. A novela arranca cunha morte ante a que o conxunto dunha patriarcalizada sociedade non responde. Son as mulleres as que toman a iniciativa, nunha “verdadeira revolta comunal dende a tradición á modernidade”. “E todo isto recreado nun contexto como é o de Camariñas, feito que lle dá aínda máis poder, polas súas mulleres afoutas”, subliñaron.
A metáfora é tamén unha constante, a través dese tecido que fan as mulleres en comunidade. Velaquí tamén o simbolismo do lema (Das arañas brancas): “Están tecendo unha grande arañeira, que se reflicte mesmo na exposición física do texto, no que hai un experimentalismo moi grande”, sinala o xurado. E é que, dende o punto de vista formal, a obra presenta tamén unha arquitectura moi ambiciosa, con xogos caligráficos e imaxes, como as dos diferentes nós e puntos que encabezan cada capítulo. “Son precisas novas voces, voces frescas que apelen a unha renovación atrevida dentro da produción literaria”, valoraron dende o equipo encargado de fallar un premio que se entregará, nun acto público,o vindeiro mes de xuño, coincidindo coa publicación da obra gañadora por parte de Editorial Galaxia.
O xurado escolleu a peza escrita por Nerea Pallares despois de teren lido case medio cento de orixinais nunha edición na que destacan “un moi alto nivel”. Fíxose unha primeira escolla de 15 obras, seguida doutra de 5 finalistas. Tras acadar a unanimidade no seu fallo, a edil de Cultura, Lucía Seoane, sumouse á reunión para chamar á gañadora e trasladarlle os parabéns en nome do Concello da Estrada. O Premio Manuel García Barros é un dos certames máis destacados e consolidados do panorama literario galego. O galardón ten vencellada unha dotación económica de 9.000 euros.”
Arquivos da etiqueta: Noelia Gómez
Noelia Gómez: “Quixen poetizar o desenfoque e buscar o sublime dentro da dor”
Entrevista de Pilar G. Rego a Noelia Gómez no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Alguén agarra as miñas mans e pronuncia o frío /
di que pense en algo fermoso/
imaxino a escrita
este é o inicio
Son estes versos de Desenfoque, o último poemario de Noelia Gómez editado por Apiario. Un libro onde as fracturas e a memoria son xeitos de nomear a perda. Porque Noelia Gómez toma a man da cirurxiá e atravesa o proceso da escrita. A entrevista pode verse aquí.”
Vídeo da presentación en Vigo de Desenfoque, de Noelia Gómez
Vigo: presentación de Desenfoque, de Noelia Gómez
Pontevedra: Teñamos a poesía en Paz, con Daniel Salgado e Noelia Gómez
Vigo: Bolsa poética. Encontro de accións poética alcistas, os 18 e 19 de xaneiro
Vídeo da presentación en Vigo de Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa
Compostela: presentación de Desenfoque, de Noelia Gómez
Vigo: presentación de Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa
Sara Martínez Bello gaña o V Premio de poesía Filomena Dato coa obra Eira
Desde o Concello de Bergondo:
“Sara Martínez Bello resultou gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Eira.
O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto), Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Sara Martínez Bello valorando do mesmo que se trata dunha “lectura que sostén o interese da lectora de comezo a fin, polo traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos e revelando conceptos como a violencia contida e a dignidade do común, o desenvolvemento dunha psicoxeografía propia, o uso coidado da linguaxe”. Igualmente, o xurado salientou o “emprego e control de diferentes estruturas do poema que desembocan nunha conxunción entre forma e fondo, subliñando unha sensación de verdade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato.
Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.”