Artigo de Daniel Salgado para Sermos Galiza (cadro de Laxeiro):
“O maxisterio de Xohana Torres (1931-2017) foi intempestivo. Atravesou o seu propio tempo, impúxose á liñalidade das xeracións e confluíu coas poetas máis rebeldes das últimas décadas. A autora do depuradísimo e influente Tempo de ría (1992) dialogou de igual a igual coas novas promocións. E as fillas de Penélope responderon coa decisión de tamén navegar e socializaren a maxia, porque esta “existe e pode ser todas”.
“A voz de Xohana fica como o emblema de quen escribiu non en busca do poderío, senón da apertura”, sinala Olalla Cociña (Viveiro, 1978), gañadora do último premio Afundación con Vestir a noite. E salienta a conversa que estabeleceu coas escritoras e escritores máis mozos: “Natural, comprometida e afectuosa. Non podemos despegarnos dela, non podemos evitar buscar a súa palabra, que nos sostén entre o mar e o cosmos”. Coincide con Marta Dacosta (Vigo, 1966), para quen Torres serviu, ademais, á causa da emancipación poética.
“Eu son Penélope / e rexeito teas e fíos / non te vou agardar”, escribiu Dacosta no poema Ordenemos o universo de As amantes de Hamlet (2003), como ampliando a rebelión, levándoa máis alá, da célebre Penélope de Xohana Torres. “Dela aprendemos a ser mulleres que escriben sen veos”, esténdese, “e a min abriume a porta para falar coa miña propia voz. Eu aferreime ao poema de Penélope como a unha bandeira”. A que ergueron as poetas que, a partir dos anos 90, revolveron a literatura galega. De Ana Romaní (Noia, 1962) ou María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) a Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) ou a Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que onte, nas redes sociais e logo de saber da morte de Torres, se declaraba “escritora orfa”.
“A presenza que adquiriu na década dos 90 non se esvaeceu nunca”, considera Dores Tembrás (Bergondo, 1979), que coa tamén poeta Antía Otero (A Estrada, 1982) sostén a editorial Apiario, “e cando publicou a súa última entrega [Elexías a Lola, 2016], todas estabamos expectantes e esperanzadas por volvela ler. Foi un auténtico acontecemento”. A obra poética de Torres desprégase en só catro títulos: Do sulco (1959), Estacións ao mar (1980), Tempo de ría e Elexías a Lola. Como puídos, extraordinarios accesos ao enorme océano que se entorna nos seus versos.
Sobre o libro Os fillos da fame (2016) paira a sombra da poesía de Xohana Torres. Esa que, segundo o seu autor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), ten por corazón “a aspiración irrenunciable á verdade”. “É quen de nomealo todo desde a nada máis absoluta”, engade, e refírese a ela como “a escritora máis brillante do pasado século” en Galiza, “inclasificable en ningunha xeración, pero inspiradora para todas. Xohana é infinita”. As novísimas tamén recorren á palabra precisa e liberadora dos seus poemas, cuxa pegada, explícita ou implícita, se pode rastrear en Alba Cid (Ourense, 1989), Lara Dopazo (Marín, 1985), Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) ou Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016).
O congreso sobre poesía que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que transcorrerá en Pontevedra os vindeiros 6 e 7 de outubro leva por título unha variación da máis coñecida palabra de orde da súa poesía: Nós tamén navegar. “Non é unicamente unha afirmación feminista”, explica Marta Dacosta, que fai parte da organización do encontro, “senón tamén da poesía, da lingua, da nación”. Porque a Penélope de Xohana Torres non pedía permiso para se rebelar contra o destino. Fartara de “tanto novelo e tanta historia” e optou por se facer cargo da súa propia existencia. Optou, daquela, pola revolución.”
Arquivos da etiqueta: Olalla Cociña
“Os camiños que abriu Agustín”
Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“«Cos seus libros póstumos publicados ao longo deste ano semella que Agustín está aínda entre nós». O crítico literario Ramón Nicolás resume o sentir dos moitos lectores que tivo en vida Agustín Fernández Paz, de quen o vindeiro mércores se fai o primeiro cabodano do seu pasamento aos 69 anos. A recente publicación de Un mundo de palabras (Xerais) testemuña ese fenómeno dobre: dunha banda, propicia esa miraxe dun escritor en plena actividade; doutra, é un chanzo máis na obra dun autor que precisamente por vocación e calidade se situou sempre fóra do tempo.
Esta calidade inflúe na percepción do conxunto da súa escrita: «Éme difícil avaliar se se produciu algunha modificación na avaliación da súa obra en conxunto na sociedade lectora pois para min sempre foi un dos grandes autores contemporáneos: coidadoso na súa obra ata a extenuación abriu, ademais, camiños polos que novas xeracións transitan agora», analiza Nicolás, quen tamén invoca a atemporalidade dos libros de Fernández Paz: «Ao tratarse, a súa, dunha obra con clara vocación de permanencia non é difícil conxecturar que, co paso de tempo, vaiamos notando máis a súa ausencia, malia que sempre teñamos o consolo de atopalo nos seus libros».
«Confío que a medida que pase o tempo, a figura de Agustín Fernández Paz ocupará o espazo que merece na literatura galega de entre séculos, tanto polo seu papel fulcral no desenvolvemento do subxénero infantil e xuvenil como, e sobre todo, pola súa forma de entender a fluidez da escrita narrativa», vaticina o seu editor, Manuel Bragado, director de Xerais. Neste selo aparecerá no 2018 A patria da lingua, «unha obra que Agustín deixou planificada aínda que non puido finalizar completamente» sobre cuestións de política lingüística. Sobre a mesa está tamén a posibilidade de publicar outro inédito, un texto de teatro para monicreques, mentres Xerais continuará co «proceso de comunicación do conxunto da obra de Agustín» e a súa colaboración co premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome e que resolverá a súa primeira convocatoria este outono en Vilalba. (…)
A poeta Olalla Cociña (Viveiro, 1979) pertence a unha xeración que, malia a diferenza temporal, conectou de xeito inmediato coa proposta literaria de Agustín Fernández Paz. Cociña representa tamén a ese grupo de persoas que empezaron a ler a Fernández Paz para logo converterse en autores, un proceso ao que non foron alleas as súas lecturas do escritor. «Coñecino sendo adolescente porque tiven a sorte de formar parte do xurado do Premio Merlín», lembra a autora. Caímonos ben. «Eu era lectora devota, e comezamos a escribirnos. Abría as súas longas cartas coidadosamente mecanografadas sentíndome importante: el contábame os intríngulis da escrita, os libros nos que andaba, e tamén cousas da vida, sen escatimar tempo nin estilo nin espazo. Eu respondíalle coas miñas movidas, falabamos de igual a igual», rememora. O propio Fernández Paz era consciente desta influencia en lectores máis mozos e, malia ser alleo aos excesos do ego de tantos creadores, comentábao con orgullo contido. (…)”
Entrevista a Olalla Cociña sobre Vestir a noite no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O impacto dun cambio social acelerado. Unha linguaxe rota. Que facemos con esta herdanza? Olalla Cociña Lozano publica Vestir a noite, a obra coa que gañou o XIV Premio de poesía Afundación. Pode escoitarse a entrevista aquí.”
Entrevista a Olalla Cociña sobre Vestir a noite
Entrevista a Olalla Cociña no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego entrevista a escritora lucense Olalla Cociña, que recolleu a semana pasada o XIV Premio de Poesía Afundación polo seu poemario Vestir a noite, que se publica na colección Arte de Trobar. Pode accederse á entrevista aquí.”
Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”
Compostela: II Lecturas poéticas en Fonseca, homenaxe a Fran Cortegoso
Entrevista a Olalla Cociña no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Olalla Cociña fálanos de Vestir a noite, a obra coa que gañou o Premio de Poesía Afundación. Pode accederse á entrevista aquí.”
Olalla Cociña acada o Premio de Poesía Afundación
Desde Sermos Galiza:
“A poeta de Viveiro vén de facerse coa XIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro Pen de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 33 obras.
O poemario gañador -titulado Vestir a noite– é, en palabras do xurado, “unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos. Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. Vestir a noite achega ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.
O xurado, que emitiu o seu dictame na segunda feira 5, estaba composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. (…)”