Arquivos da etiqueta: Paco Martín
Outeiro de Rei: presentación de Regato do Cepelo, de Fernán López
Radiocrítica 15-06-2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 15 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva da novela O viaxeiro radical de Xerardo Quintiá (0:50); da escolma Un bosque novo. Antoloxía da poesía gaélica contemporánea, traducida por Carmen Rodríguez Alonso (7:07); do volume colectivo No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola literatura universal, coordinado por Pilar García Negro (13:18), e do relato A rula, o peluche e a nena, de Paco Martín (18:14).”
Lugo: Paco Martín na Feira do Libro, o sábado 16
O sábado 16 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destaca:
– 19:00 h. Paco Martín presenta A rula, o peluche e a nena, ilustrado por Belén Martín, e publicado por Xerais. No acto participan, xunto a autor e ilustradora, Manuel Bragado.
A Casa-Museo Manuel María énchese na homenaxe a Rosalía
Desde Sermos Galiza:
“Máis de 300 persoas déronse cita este sábado na Casa-Museo Manuel María para homenaxear a Rosalía de Castro na fase final do concurso escolar de recitado de poemas Rosalía sempre viva. A casa na que naceu o poeta abriu ese día as súas portas para acoller o acto central da iniciativa e o auditorio quedou pequeno para crianzas e familiares que participaron da xornada.
Un xurado formado, entre outras persoas, polos escritores Paco Martín e Marica Campo ou a profesora Anxa G. Refoxo valorou o recitado das composicións por parte de 74 estudantes, entre 5 e 18 anos. Na xornada lembrouse que o propio Manuel María se declaraba “un auténtico devoto” da obra de Rosalía e, nese sentido, a Fundación acolle cada ano diversas iniciativas arredor da escritora fundadora da nosa literatura contemporánea. Desta volta, a Casa de Hortas foi a sede desta primeira edición do concurso escolar para alumnado de todas as etapas do ensino non universitario Rosalía sempre viva.
Até Outeiro de Rei chegaron estudantes chegados de moi distintas localidades galegas como Vilagarcía de Arousa, Moraña, Coristanco, A Coruña, Cervo, O Carballiño, Lugo ou Mesía que foron seleccionados na fase inicial que se desenvolveu nos propios centros de ensino.
O premio ao mellor recitado na 1ª Categoría -dividida por idades- recaeu no grupo de 1º de Primaria do CPI de Xanceda (Mesía); o premio da 2ª Categoría foi para Irea Ferreiro López, do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); o premio da 3ª Categoría foi para Fátima Barros Monteagudo, do CPI Santa Lucía (Moraña); e o premio da 4ª Categoría foi para Alejandro Sánchez Cela, do IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O CEIP de Albeiros (Lugo) foi tamén recoñecido como centro que máis alumnas e alumnos finalistas conseguiu situar na fase final do concurso.”
Lugo: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix
A Coruña: Paco Martín falará sobre Á lus do candil, de Ánxel Fole
Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas
O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco Martín → Marica Campo → Darío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.
A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira
Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”
Lugo: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo
O mércores 29 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas, publicada por Xerais. No acto, xunto aos autores, participan Paco Martín e Manuel Bragado.