Desde a Deputación da Coruña:
“Raúl Santos Ageitos coa novela Cornucopia e María Cureses de la Vega coa novela Ni luz ni llanto son os gañadores da XXXIII edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A concesión do xurado fíxoa pública esta mañá o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios do premio en lingua castelá e en lingua galega, Susana Pedreira e Ramón Rozas.
“Hoxe é un día feliz para a literatura deste país e para a literatura en xeral, porque dous novos nomes veñen sumarse á nómina dos Premios Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña” asegurou Xurxo Couto, ao tempo que indicou que “este é un un dos premios máis veteranos dos que convoca esta institución e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego”.
Neste sentido, os dous comisarios fixeron fincapé en que as dúas persoas gañadoras da presente edición son un autor e unha autora que están comezando no mundo literario. “Congratulámonos de que a persoa gañadora vaia ver a súa primeira obra publicada grazas a este premio porque unha das vocacións do Torrente Ballester é o de abrir camiños e situar novos nomes no panorama literario” asegurou Ramón Rozas. Pola súa banda, Susana Pedreira tamén se referiu a esta circunstancia asegurando que “o Torrente Ballester descubriu a grandes escritores como Ignacio Martínez de Pisón que gañou hai 30 anos e despois chegou a ser Premio Nacional de Narrativa, e premiou hai 25 anos a Manuel Rivas que tamén foi Premio Nacional de Narrativa, e quen sabe se a actual premiada, María Cureses, seguirá o mesmo camiño”.
A novela Cornucopia de Raúl Santos, de Ribeira, foi proposta como gañadora por unanimidade por un xurado composto por Xesús Fraga, Montse Dopico, María Marco, Nazaret López e Ricardo Losada. Na acta, o xurado indica que “é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. No mesmo informe tamén salienta que “se apoia sobre nunha estrutura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sen por iso ser compracente”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Premio de Narrativa Torrente Ballester
“A novela dos últimos días de Manuel Antonio”
Entrevista a Xosé Ricardo Losada no Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Ricardo Losada novela en O rosario e a buguina as últimas semanas de vida de Manuel Antonio contrapoñendo a voz do poeta rianxeiro coa de súa nai, dona Pura, unha mestra conservadora e profundamente relixiosa. Losada xa abordara a vida de Manuel Antonio nunha biografía e con esta obra de ficción conseguiu o premio Torrente Ballester 2020. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: encontro co xurado do Premio Torrente Ballester 2021
Bases do XXXIII Premio Torrente Ballester en lingua galega (data tope para envío de orixinais: 15 de xuño)
Bases do XXXIII Premio Torrente Ballester en lingua galega
O escritor X. Ricardo Losada gaña o Torrente Ballester da Deputación da Coruña cunha obra sobre a relación do poeta Manuel Antonio coa súa nai
Desde a Deputación da Coruña:
“O rosario e a buguina de X. Ricardo Losada Vicente foi a obra escollida polo xurado como gañadora do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello, a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat. como secretaria. O premio está valorado en 6.500 € máis a publicación da obra gañadora.
O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.
X. Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extrema unción e a negativa del a aceptala”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.
Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora. (…)”
A Coruña: presentación de O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello, e Granito, de Álex Alonso, o 2 de outubro
Bases do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega
Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña
Desde
a Deputación da Coruña:
“O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xabier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As liñas do paraíso e Crónica denigrante que, unha vez abertas as plicas, resultaron ser da autoría dos escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso. O premio está dotado con 25.000 €, que repartirán os dous autores, máis a publicación da obra.
O xurado destaca que as dúas obras gañadoras están apegadas á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, o xurado considera que se trata dun texto “no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúen as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflectindo moi ben a súa dramática situación”. O fallo fai constar tamén que a obra “conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atinxe a todos”
Por outra parte, Crónica denigrante trata, segundo o xurado, dun “texto no que existe un grande esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza”. (…)”









