Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición

Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.

Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Narrativa:
Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Ensaio:
Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía:
balea2, Estevo Creus, Positivas.
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.

Teatro:
A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Anxo Tarrío.
Bieito Iglesias.
Iago Martínez.
Ramón Chao Rego.
Santiago Jaureguizar.

Literatura Infanto-Xuvenil:
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.

Tradución:
Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.

Mellor Blog Literario:
As crebas, Miro Villar.
Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
Criticalia, Armando Requeixo.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.

María Reimóndez: “Experimento co estilo”

Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
– María Reimóndez (MR): Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club da calceta achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutil ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
– RN: E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
– MR: As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
– RN: Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
– MR: Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta! (…)”.

Ramón Nicolás: “Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”

Entrevista a Ramón Nicolás en Dioivo:
“O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. (…) A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás (…).
Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba. A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. (…)”.

Marcos Calveiro: “Os personaxes mandan”

Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Calveiro en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): O seu O pintor do sombreiro de malvas, co que conseguiu numerosos premios, segue reeditándose. Cal cre que foi clave do seu éxito?
– Marcos Calveiro (MC): Supoño que a emoción. Unha historia emotiva e emocionante polo que me comentan os lectores. Unha historia na que tiven un guía extraordinario que nunca volverei ter: o propio Van Gogh coas súas palabras e os seus cadros. Gran parte do éxito débolla a el, á súa sensibilidade como artista e como persoa.
– RN: Centauros do norte foi a súa última publicación. Que pesa máis nela: a revisión histórica, o cinema, a acción?
– MC: O pasado, a miña propia memoria de infancia: a dun neno que quedaba pasmado diante do televisor vendo un western tras outro. O Sétimo de Cabalaría, Xerónimo, O xeneral Custer, O derradeiro mohicano, Shane, o Mississipi, as dilixencias, Grupo Salvaxe, A febre do ouro, Liberty Valance
– RN: Reclamou con frecuencia a relevancia da literatura infantil e xuvenil galega, por que?
– MC: As cifras e os datos, ás veces fríos, avalan neste caso a miña reclamación: a LIX é o máis traducido, exitoso, e premiado da literatura galega, pero aínda non se lle dá a importancia que debería ter. Só hai que ver a repercusión nos medios de calquera premio ou publicación de LIX para decatarse da súa escasa relevancia social en moitos casos. Cando publiquei a miña primeira novela para público adulto houbo moitos que descubriron que era escritor, cando xa levaba varias obras de LIX publicadas e premiadas.
A LIX é o primeiro elo na formación lectora, sen ela non habería futuro, os lectores, como os dinosauros, extinguiríanse. (…)”

Programa sobre Celso Emilio Ferreiro en Eirado, da TVG

Desde Xerais:
“O programa Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, dedicou un interesantísimo programa monográfico a Celso Emilio Ferreiro. Amais dunha magnífica reportaxe de Luís Méndez e de entrevistas sobre o poeta de Celanova co seu fillo Luís Ferreiro, co seu biógrafo Ramón Nicolás e coa responsable da edición da súa narrativa Mónica Góñez, o programa recupera do arquivo a actuación de tres músicos que cantaron os seus poemas: Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde.

Ramón Nicolás: Textos: «Problemas da crítica literaria», por Carlos Casares

Texto de Carlos Casares recollido por Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada Textos, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección A ledicia de ler que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado Problemas da crítica literaria, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son  as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario»  e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade». Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler  integramente premendo aquí e que  axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.”

Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”

Santiago: conferencia Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, de Ramón Nicolás

O luns 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conferencia de Ramón Nicolás baixo o título Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, organizada polo Ateneo de Santiago, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo. Vía Poesía galega.

Revista Arraianos 9

“A revista Arraianos, coordinada pola asociación do mesmo nome e publicada por Alvarellos, chega ao número 9 centrado no centenario de Celso Emilio Ferreiro. Co lema Celso Emilio fai 100 anos, o volume recolle unha serie de artigos sobre o poeta a cargo de nomes tan destacados como Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás ou Xaime Quessada entre moitos outros. Entre os contidos destacan dous poemas inéditos, un en galego e outro en castelán ou unha carta de Celso Emilio a Cunqueiro. A revista, da que se tiraron 500 exemplares, acompaña un CD no que Labregos dos tempo dos sputniks versionan o poema O meu reinado. Logo da presentacion oficial do volume, o pasado sábado 7 de xaneiro en Celanova, o vindeiro día 13 darase a coñecer esta entrega na libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, ás 20:00 horas.” Vía Cultura Galega.