A Coruña: Rosalía no Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 de maio ás 20:00 horas.
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e no que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta.
“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. (…)”

Anxo Angueira: “A de Cantares é unha Rosalía de alborada”

Entrevista a Anxo Angueira en Radiofusión:
“Un século e medio despois e séguese a revelar inesgotable. “Cómpre lelo en claves distintas ás que se veu lendo, porque para nada é folclórico nin costumista”, explica Anxo Angueira, autor dunha nova edición crítica de Cantares Gallegos que vén de editar Xerais co gallo do 150 aniversario da publicación dos poemas que alumearon o Rexurdimento das letras galegas. “Rosalía era unha intelectual do seu tempo. Utiliza os cantares como un vestido, como un disfrace para lanzar o seu pensamento social, político, crítico e feminista, que é o importante”, abunda o tamén presidente da Fundación que preserva o legado rosaliano. En conversa con Radiofusión, Angueira resolveu que en Cantares Gallegos Rosalía “fala dun novo tempo, di “fóra a noite”, que acabaron os séculos escuros”, chama a vivir unha nova etapa con esperanza e, ao cabo, “esa é a mensaxe final do libro e que debemos recoller tamén nestes tempos nosos de tribulacións”. (…)”

A entrevista pode escoitarse completa aquí.

Taboleiro do libro galego (IX), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos máis vendidos na última quincena segundo os datos ofrecidos por dezaseis librarías galegas: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. Faneca Brava, de Manuel Portas. Edicións Xerais.
2º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos e  Ese mundo que teño de meu, de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia.
3º-. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, Pen Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).

ENSAIO-TEATRO
-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.
3º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
4º-. Do estigma á estima, de Valentina Formoso, Edicións Xerais.
-. Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro, Alvarellos Editora.

INFANTIL-XUVENIL
-. Xogos musicais, de Luís Prego, Edicións do Cumio.
-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. A galiña roxa, Pilar Martínez e Marco Somà, Kalandraka.
3º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Palestina, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
3º-. Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

A Coruña: presentación das novas edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro

O xoves 16 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntanse as edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro publicadas por El Patito Editorial e Edicións Xerais. No acto participan os seus editores respectivos, Pepe Barro e Anxo Angueira, xunto a Felipe Senén e Fausto Isorna.

O tuiteiro Paulo Calvo gaña o concurso #rosaliasempreporque da Editorial Galaxia

Desde Galaxia:
“Como anunciamos hai dez días, cando botamos a andar este novo concurso en twitter, hoxe, véspera do Día das Letras, habiamos dar a coñecer o nome do gañador ou gañadora do concurso en twitter no que se animaba aos tuiteiros e tuiteiras a explicar o por que da importancia de Rosalía para eles, para as súas vidas, para a nosa cultura…
Foron algo máis de duascentas as propostas. Logo de valoralas todas, inclinámonos polo chio de Paulo Calvo que di #rosaliasempreporque miña bisavoa levaba Cantares Gallegos cando ía ó monte coas vacas. (…)”