A Academia celebrou a literatura e o compromiso cívico co idioma de María Victoria Moreno

Desde a Real Academia Galega:
“Escritora, profesora, editora e activista da lingua e a cultura de noso, María Victoria Moreno foi tamén veciña ilustre de Pontevedra. Coma Castelao, non tiña partida de nacemento que acreditase tal condición, pero foi nesta cidade onde decidiu vivir e onde morreu en 2005, salientou Fina Casalderrey, unha das tres voces do Pleno da Academia que retrataron a autora na sesión extraordinaria celebrada hoxe no Teatro Principal da localidade co gallo do Día das Letras Galegas. A académica percorreu escenarios vitais e literarios desta muller “sabia e afouta” tras a análise que ofreceu Marilar Aleixandre das tensións entre a igualdade e os roles das mulleres na vida e na obra da escritora. Xesús Alonso Montero recuou ata o curso 1965-1966, cando a coñeceu en Lugo, onde foi docente dous cursos. Foi alí onde agromou o compromiso cívico e literario da homenaxeada co idioma, que a levaría a realizar en pleno franquismo “un apostolado lingüístico que non tiña precedentes en Galicia” e polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte. (…)
O presidente da Real Academia Galega abriu o acto logo da interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia a cargo do grupo Os de Algures, que tamén lle puxo o ramo á celebración coa interpretación do Himno. Víctor F. Freixanes destacou na clausura a faceta que a propia María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939 – Pontevedra, 2005) priorizaba, a de profesora, que consideraba “o mellor oficio do mundo”. Exerceuno contaxiando, igual que coas súas obras, dirixidas sobre todo ao público infantil e xuvenil, “a paixón pola literatura e a conciencia lingüística, sementando futuro para a fala”, expresou ante o público do Teatro Principal, entre o que se atopaban persoas que quixeron render tributo á súa antiga mestra.
Marilar Aleixandre abriu deseguido a quenda das alocucións académicas desde a perspectiva de xénero cunha intervención titulada “Escribir ou pasar o ferro: tensións entre a igualdade e os roles das mulleres en María Victoria Moreno”. “Os libros de María Victoria Moreno contribúen a desarmar estereotipos, a mudar representacións sociais que limitan os roles e actividades das mulleres. Os seus escritos autobiográficos revelan o modo en que ela, como moitas mulleres neses anos e aínda hoxe, se viu obrigada a escoller entre pasar o ferro ou escribir, a deixar de escribir por pasar o ferro. Malia estes atrancos, María Victoria foi quen de elaborar unha obra narrativa e ensaística de grande calidade, a contribuír coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil. Isto en tempos roubados ao sono e á cociña, en calquera espazo onde puidese encontrar un mínimo acougo. Temos a esperanza, que María Victoria de certo compartiría, de que cada vez sexan menos as mulleres que deban enfrontarse a eses dilemas”, concluíu a académica. (…)
O acto continuou co discurso de Fina Casalderrey, “María Victoria Moreno: Vento da terra”. O título elixido pola académica e amiga persoal da autora incorpora o pseudónimo co que María Victoria Moreno presentou en 1972 o Conto de Mariquiña ao Premio O Facho, que serviu de ganduxo nunha intervención chea de referencias á cidade que a acolleu, Pontevedra, e á súa personalidade a través de fragmentos da súa obra. “María Victoria Moreno é un vento de terra que, polo seu inmediato compromiso no sentir e no vivir, adquire por vontade propia a nacionalidade galega con ese compoñente consubstancial a todas as historias de amor, maior, sen dúbida, por se tratar de tempos nos que o vento non era precisamente brisa”, dixo parafraseando a protagonista destas Letras Galegas e o título da primeira novela que escribiu, Onde o aire non era brisa, ambientada nos anos do franquismo. (…)
O compromiso coa lingua galega da escritora agromou en Lugo e herdouno, segundo ela mesma dixera e recordou Fina Casalderrey, de Xesús Alonso Montero, quen centrou a súa intervención neste trazo central da traxectoria da autora. “María Victoria Moreno protagonizou unha auténtica proeza intelectual nun tempo e nun espazo cultural que esixía, por parte dela, convencemento fondo, afouteza e clara determinación”, arrincou o académico, que trasladou o público ao Lugo dos anos 60. Foi alí onde a coñeceu, no curso 1965-1966, cando se incorporou como docente de Lingua e literatura españolas ao Instituto Masculino, onde el dirixía o departamento destas materias. Empezou así unha estreita relación entre os dous, reflectida no seu primeiro libro, Mar adiante (1973), onde varios protagonistas levan os nomes dos fillos do académico. (…)”

Carme Adán e Núñez Seixas incorpóranse ao plenario do Consello da Cultura

Desde Sermos Galiza:
“O máximo órgano do Consello da Cultura Galega vén de renovar catro dos seus membros electivos. Así, a profesora de filosofía e ex deputada do BNG Carme Adán, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, a matemática Elena Vázquez Cendón e o xornalista Xosé Ramón Pousa incorpóranse ao plenario da institución.
Os novos membros ocupan o lugar do músico Maximino Zumalave, o politólogo Ramón Máiz, o xornalista Xosé López e a bibliotecaria Concepción Varela. A xuntanza do órgano de goberno do Consello da Cultura tamén renovou no seu posto ás “conselleiras” -denominación dos membros do plenario- Dolores Vilavedra (filóloga e crítica literaria) e María Xosé Porteiro (xornalista e ex deputada do PSdeG).
A maiores, segundo informa a propia institución -“órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galiza de carácter asesor e consultivo, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego”-, o plenario tamén aprobou a constitución dunha comisión temporal para a elaboración dun “informe sobre a provisión de postos directivos nas institucións culturais de Galiza”
O plenario do Consello da Cultura Galega presídeo Ramón Villares, historiador. A presidencia de honra correspóndelle ao presidente da Xunta, neste caso Alberto Núñez Feixóo. Hai unha serie de integrantes “representativos” entre os que figuran o conselleiro de Educación e Cultura -Román Rodríguez-, o presidente da Real Academia Galega –Víctor Freixanes– ou os reitores das universidades.
Ramón Villares achégase ao final do seu segundo mandato -preside o Consello da Cultura desde 2006, cando substituíu Alfonso Zulueta. Entre os nomes que soan para ocupar o posto salienta o da filóloga e académica Rosario Álvarez.
A institución conta este ano, 2018, cun orzamento de 2.547.225 euros, fornecido pola Xunta.”

Víctor F. Freixanes: “A efectos da fala, Feijóo é Feixóo”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: O Freixanes escritor, resiste ou non resiste?
– Víctor F. Freixanes: Mal, mal, mal. Cando decidín xubilarme en Galaxia ou aquí na Universidade -aínda que aquí me fixeron a honra de me nomear profesor ad honorem-, pois eu tiña dúas novelas empezadas, un libro de ensaio, tencionaba recuperar algunhas cousas. Recuperei Unha ducia de galegos, agora O Triángulo inscrito na circunferencia sae co texto definitivamente fixado… Porque eu como editor, non sei se fun bon ou mau, xúroche que me envorquei cos autores, traballei con eles todo o que fun capaz, mais como editor de min mesmo… un desastre! Todos os meus libros descatalogados, todas as miñas novelas están esgotadas… Ben, é certo que teño moi parada a miña historia como escritor. Non o levo ben. De cando en vez éntrame o arrebato. Teño aquí [sinala o computador] algunhas cousas. Mais despois cando as releo dígome a min mesmo: “Pero a quen lle interesa isto?”. Ora, tamén teño reconciliación cos leitores. Hai unha lenda urbana que vén dicir iso de que “as novelas de Víctor son moi dificiles”. Ben, nós cando eramos rapaces líamos cousas moitísimo máis complicadas. Hoxe estase a producir unha mudanza nos hábitos sociais e hai que se perguntar se a xente le ou non le e que tipo de produtos culturais consomen. Por exemplo, os meus alumnos xa non ven televisión ningunha, todos están enganchados a Youtube ou descargan as súas series nos computadores, venas nos móbiles! Ora, despois atópaste co caso dunha profesora, Olga, que dá clases en Curtis, que leu o Cabalo de Ouros [a súa última novela, publicada por Galaxia en 2011], que lle gustou moitísimo e que lla deu a ler aos seus alumnos de primeiro de bacharelato. Ben, hai en Youtube un vídeo dunha rapaza de 16 anos falando durante sete minutos de Cabalo de Ouros que xa quixera eu que moitos críticos literarios fixesen o que fai esa moza. Alén de ser moi simpática e tal. Fun ao instituto. Falei cos rapaces. Uns 40. Con moita información sobre a novela, con moita curiosidade polo tema do wolfram, non sabían que existían os cantares de cego, que é iso, e tal, perguntaban. Que quero dicir con isto? Pois que cando saín dalí, volvín pensar: “Voume pór escribir outra vez”. Por que? Porque a literatura se alimenta do cariño das leitoras e dos leitores. Cousas como esta de Curtis cárganche as pilas. Logo, claro, sempre hai quen che di: “Home, xa sei que escribes moi ben, pero eu cheguei á páxina 70 e non dei pasado de aí”. Pero, ben, así é este oficio. Non hai que facerlle.”

Compostela: Abril Oteriano. Os anos máis felices: Otero en Compostela

A Coruña: homenaxe da Real Academia Galega a Xohana Torres

A Primavera das Letras de María Victoria Moreno arrinca no CEP Marcos da Portela

Desde a Real Academia Galega:
“O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.
Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.
Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).
Os propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. (…)”

Bergondo: homenaxe a Filomena Dato, “A Poeta das Mariñas”