Vigo: actividades destacadas do martes 7 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 martes 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
19:45 h. Presentación do último número da revista Grial.
20:30 h. Homenaxe poética a María do Carme Kruckenberg, organizada pola Editorial Galaxia e presentada por Mercedes Queixas Zas. Pechará o acto o grupo musical Xardín Desordenado.

Vigo: actividades destacadas do luns 6 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 luns 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:30 h. Miguel Ángel Alonso Diz asinará exemplares de O valente coello que quixo soñar e outros libros seus na caseta da Libraría Andel.
19:45 h. Xosé María Álvarez Cáccamo e Fernando Casás, presentan Arqueoloxía da memoria, publicado polo selo editorial Niké de Urco Editora.
20:30 h. Antonio Piñeiro presenta A identidade fascinada, publicada por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Ramón Nicolás e Carlos Lema.
21:15 h. Concerto presentación do CD Aprendendo a ladrar, por Xardín Desordenado recollendo a poesía musicada de poetas galegas.

Santiago: VI Bienal Literaria en Compostela

Bienal Literaria PEN Clube 1Bienal Literaria Pen Clube 2

Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo

Á procura dos trazos que nos describan

Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.

No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Gondomar: homenaxe do Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro

O venres 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Gondomar Lois Tobío terá lugar un espectáculo musical en homenaxe a Rosalía de Castro. O acto contará coa participación do escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e a intervención dos grupos musicais: 2naFronteira, Son do Val, Kogito-Ska feito na Galiza, Conservatorio de Música do Concello de Gondomar, Xardín Desordenado e o Coro Tradicional Cantares do Brión. Conducirán o acto Marta Dacosta e Rexina Vega. Por razóns de seguridade, a organización foi requirida para que garanta que non se superará o número de prazas habilitadas no local referido. A tal efecto, os asistentes deberán retirar unha entrada, no propio auditorio, nos momentos previos ao comezo da función, entrada que será indispensable para acceder ao local. Estes boletos irán numerados correlativamente, pero iso non significa unha reserva de asento, senón só unha reserva de praza. Unha vez completa a cabida, non poderá acceder ningunha persoa máis. Esperamos e desexamos que estas medidas esixidas non entrañen ningunha molestia. A actividade enmárcase nas homenaxes preparadas polo Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro, as que inclúen a celebración do Xantar Rosaliano (de prazas limitadas) a desenvolverse o sábado 20 nas instalacións do Pazo da Escola en Mañufe.

Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.