Artigo
de Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“Dous ou tres meses antes de morrer Neira Vilas recibiu a visita da Axencia Tributaria, que quería saber do seu estado de contas. Seica non lles cadraba que non recibise unha pensión de xubilación e que vivise tan austeramente dos seus dereitos de autor, que a Facenda considera rendas de traballo. Afortunadamente, todo estaba en orde, pero o sofocón foi o sofocón. E algunha discusión houbo. Cando en 1992 o autor de Memorias dun neno labrego fixou definitivamente a súa residencia en Galicia, tivo que renunciar á pensión que lle correspondía en Cuba («Cuba non paga divisas no exterior») e a súa economía fundamentábase no que lle producía a venda das súas obras, algunhas colaboracións na prensa e algunha outra axuda ocasional, entre elas a que lle concedeu no seu día a Fundación Barrié de la Maza. «Son un xornaleiro das letras», disque lle explicou ao visitante. «Teño 86 anos. Vivo do meu traballo. Mentres teña alento seguirei a escribir».
A cousa quedou en nada. Pero se Neira Vilas cobrase algunha pensión, e así llo advertiu a inspección, tería que responder por todo o seu traballo dende a data de xubilación, devolver o recibido, coa sanción correspondente, e o que é máis grave: tería que deixar de escribir. Ou a pensión, por cativa que fose, ou a produción literaria, que seica a partir dos 65 anos, por unha lei asinada no 2013, é incompatible coa xubilación retribuída, por máis que ao longo da súa vida laboral tivese cotizado escrupulosamente ao sistema.
A polémica que anda estes días nos xornais logo da denuncia dalgúns escritores que están a padecer semellante ignominia (Gamoneda, Eduardo Mendoza, Javier Reverte, Caballero Bonald), plantéase nestes termos: se o escritor, os creadores en xeral, pois tamén afecta aos pintores, músicos, etcétera, queren seguir producindo na madurez teñen que elixir entre continuar co seu labor, mesmo que teña retornos económicos ben escasos, ou manter os seus ingresos de xubilados. Penso en Miguel Delibes ou Francisco Ayala, por citar algúns nomes das letras españolas, xa falecidos, non digamos os que escriben ou producen en galego, como o caso de Neira Vilas. Os responsables da Facenda e do Ministerio de Traballo están moi preocupados porque a pensión dos escritores desestabiliza as arcas públicas.
A cuestión (o escándalo) non é tan grave polas consecuencias que medidas deste tipo teñen para a economía dos afectados, que son moi serias, como pola consideración que a cultura ten para os lexisladores e, en xeral, para a sociedade que consinte semellante situación.
Se o escritor está instalado nos éxitos de mercado (best sellers) aínda o pode ir levando, pero se o creador responde ás esixencias da propia creación, talante que caracteriza a esencia mesma da cultura, o único que lle queda é o silencio, ou a clandestinidade. Poucas contribucións tan valiosas (e tan xenerosas) para a cultura galega como a de Neira Vilas, que saliento nesta marea coma un exemplo práctico. Non se trata de facer comparacións, pero a alguén debería caerlle a cara de vergonza.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Neira Vilas
Compostela: estrea do documental O Espantallo Amigo
Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. Pode verse completa aquí.”
Compostela: representación de Querido Tomás, de Xosé Neira Vilas, por Noelia Toledano
55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego
Desde
Sermos Galiza:
“Esta terza feira 5 de xaneiro fanse 55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, o maior ‘best-seller’ da literatura galega, que ten sido traducido a ducias de linguas.
Tal e como lle dicía o propio Neira Vilas a Sermos nunha entrevista do pasado outubro, “Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns 800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante. Unha señora de Ponteareas tróuxome hai pouco sete exemplares para diferentes nenos”.
Contábanos tamén, orgulloso, que se estaba a traducir nese momento ao xaponés, ao esperanto en Nova York e tamén á lingua aborixe de Cabo Verde por Viviane Furtado, quen nunha entrevista con Sermos afirmaba que “a pesar de que a súa infancia transcorreu no interior galego e a miña nunha illa africana, hai moitas vivencias en que me sinto identificada com el”.
En Galaxia xa vai pola 35ª edición, e subindo. Pero a primeira edición saíu do prelo por vez primeira un 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires da man da editorial Follas Novas. A cuberta orixinal fora deseñada por Luís Seoane e a editora fora creada en 1957 polo propio Neira e a súa muller, Anisia Miranda. Aínda que, tal e como afirma a Academia Galega, “o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro”.”
Tabela dos Libros de xaneiro de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e bota a andar tamén unha nova xeira da Tabela dos Libros, desta volta cunha novidade importante: ao equipo habitual conformado por Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e un servidor únese un outro compañeiro, Mario Regueira, a quen damos a benvida.
Que este 2016 vos traia felicidade e lecturas venturosas!”
Compostela: presentación de Romaría de historias, de Xosé Neira Vilas
O artigo póstumo de Neira Vilas
Desde
Sermos Galiza:
“Neira Vilas traballou até o último momento da súa vida e nos vindeiros meses verán a luz moitos dos proxectos aos que estaba a dedicarse nos últimos tempos. O primeiro en saír foi un artigo que enviara á Real Academia Galega sobre o Sempre en Galiza titulado “Un libro definidor”, no que conta como coñeceu e distribuíu este libro por toda América, “dende Punta Arenas a Toronto”, e tamén como fixo chegar esta obra de Castelao a Galicia ás agochadas.”
Trátase deste artigo, desde a Real Academia Galega:
“Refírome a Sempre en Galiza, de Castelao. Souben del en 1950, cando levaba un ano en Buenos Aires. Comecei a debullalo na biblioteca do Centro Galego. En 1953 fundamos as Mocedades Galeguistas e para autoformarnos estudabámolo en sesións sabatinas abertas, indistintamente nos centros Ourensán e Betanzos. Estudabamos en profundidade cada capítulo. Era o noso guía e moderador Bieito Cupeiro, de Fene, mestre exiliado.
Para mellor orientar aquelas análises, un compañeiro noso, Carlos Abraira, elaborou un índice temático da obra (Carlos estudou Medicina, instalouse en Chicago, convertiuse nun endocrinólogo de prestixio internacional, xubilouse, foi vivir a Miami e na actualidade está ingresado nun centro para enfermos de Alzheimer, triste destino).
Naqueles anos este libro esencial circulaba algo en Buenos Aires e en Montevideo. Cando Anisia e máis eu fundamos a editorial e distribiudora do libro galego “Follas Novas” incluímolo, naturalmente, no noso catálogo, que enviabamos a exiliados galegos, universidades, asociacións culturais e sociais, etc. de todo o continente, dende Punta Arenas a Toronto, e vendeuse certa cantidade. Quedaban en existencia, nun sótano do Centro Ourensán, algúns centos de exemplares, nada máis.
Un día propuxémonos reeditalo nós en “Follas Novas”. Falamos con Rodolfo Prada, aquel galeguista ourensán que fora amigo de Daniel. Queriamos reeditalo e divulgalo amplamente. Prada estivo de acordo, pero díxonos que había que engadir dous ou tal vez tres capítulos que Castelao non incluíra e que ía discutilo con Virxinia, a viúva. Pero Prada viaxaba moito, por Europa e América (era representante na Arxentina dos laboratorios Dr. Andreu, de Barcelona). Era tamén director do periódico Opinión Gallega, dos centros Ourensán e Pontevedrés, e deixábame a cargo do mesmo na súa ausencia.
No entanto comezamos a facer envíos a Galicia. Cada viaxeiro amigo traía un exemplar, que lían decenas de mozos, segundo fun sabendo, e servía para a súa formación galega. Isto beneficiou a centos de mozos. Tamén inventamos un membrete (coido que co nome dunha perfumería) e fixemos chegar exemplares por correo postal. Talvez fosen requisados algúns, pero os máis deles soubemos que chegaran e que foran igualmente útiles a multiples lectores.
A existencia deste libro foise coñecendo en Galicia e de aí que lle serviramos a unha distribuidora mexicana (Atrante S. A.), a través dun tal Alvarado que a representaba na Arxentina, todos os exemplares que quedaban para distribuílos clandestinamente en Galicia.
Tal era a demanda do libro que insistimos na reedición, é dicir, insistimos con Prada na decisión de incluír ou non eses capítulos que el ía discutir con Virxinia. Máis todo se foi demorando e na derradeira abandonamos o proxecto debido a que comezaramos a facer xestións para radicarnos en Cuba.
A reedición naquel momento tería axudado á formación política de moitos mozos e mozas de Galicia, pero as cousas cadraron así. Reeditaríao o Centro Galego de Buenos Aires moito despois. Fixo varias edicións (incluso unha en castelán) que tiveron grande acollida. Na derradeira puidemos contar todos, moitos anos despois, coa edición crítica monumental patrocinada polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Compostela.”
Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 5 no Culturgal
Do
4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horario de 11:00 a 21:00 horas o sábado 5, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, terá lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 5 son:
– 11:45 h. O recuncho do ebook. Espazo Foro.
– 12:15 h. Presentación revista cultural A Pedreira. Concello de A Lama. Espazo Libro.
– 12:30 h. Concerto presentación do disco libro Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
– 12:45 h. Presentación de Romaría de historias, de Xosé Neira Vilas, publicado por Galaxia. Espazo Libro.
– 13:15 h. Recital e conversa con María do Cebreiro (autora de O Deserto) e Gonzalo Hermo (autor de Celebración), promovido por Apiario. Espazo Libro.
– 13:30 h. Presentación dos especiais da Revista Luzes sobre política e cultura. Espazo Foro.
– 16:15 h. Os modos do mármore + 3 poemas, de Ondjaki, publicado por Através Editora. Espazo Foro.
– 16:45 h. Mesa redonda: Literatura de fantasía en galego, promovida por Urco Editora. Espazo Libro.
– 17:00 h. Sinatura de exemplares de O Deserto, de María do Cebreiro e de Celebración, por Gonzalo Hermo. No stand de Apiario.
– 17:00 h. Sinatura de exemplares de De paseo con Crunia e De paseo con Paulo, de Cristina Corral Soilán. No stand de Edicións Embora (81b).
– 17:30 h. Recital poético de Isaac Xubín co poemario Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, publicado por Kalandraka. Espazo Libro.
– 19:00 h. Recital poético A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. Espazo Foro.
– 19:00 h. Presentación da Axenda Feminista 2016. Elas na ciencia, por Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo Libro.
– 19:00 h. Sinaturas de Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville. No stand de Xerais.
– 19:30 h. Conversa con Marcos Calveiro, autor de Fontán (Premio de Narrativa Breve Repsol), Manuel Portas, autor de Lourenço, Xograr (Premio García Barros) e Arantza Portabales (Premio de Novela por Entregas de La Voz con Sobrevivindo), publicados por Galaxia. Conduce o xornalista Tino Santiago. Espazo Libro.
– 19:30 h. Sinatura de Manuel Rivas. No stand de Xerais.
– 20:15 h. Conversa con Érica Esmorís, autora de Nena e o mar (Premio Merlín), Andrea Maceiras, autora de Europa Express (Premio Jules Verne) e Héctor Cajaraville, autor de De remate (Premio Xerais). Conduce o xornalista Tino Santiago. Xerais. Espazo Libro.
– 21:30 h. Dar de contar a quen pasa. Con Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, María Lado e Lucía Aldao. Espectáculo de pago. Auditorio.
Taboleiro do libro galego XXXVIII (novembro 2015), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas ás librarías colaboradoras: Libros para Soñar, Andel, Casa do Libro, Librouro e Cartabón de Vigo; O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Airas das Letras de Allariz, Suévia da Coruña, Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios de Santiago e Pontevedra.
NARRATIVA
1º-. O último día de Terranova, de Manuel Rivas, Xerais.
2º-. Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, Galaxia.
3º-. Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, Xerais.
4º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
5º-. Fontán, de Marcos Calveiro, Galaxia.
6º-. Lourenço, Xograr, de Manuel Portas, Galaxia.
7º-. De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais.
8º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
9º-. seique, de Susana Sánchez Arins, Através.
10º-. A verdade nos espellos, de Pablo Rubén Eyré, Sotelo Blanco.
POESÍA
1º–. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. Ensaios, de Daniel Salgado, Inés de Castro Edicións.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Poemas de Amor en Outono, de Tono Núñez, autoedición.
5º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, autoedición.
6º-. Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
7º-. s/t, de Emma Pedreira, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos, de Julia Fernández Rodríguez, Ed. Galaxia.
2º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
4º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
5º-. Machismos: de micro nada, do Grupo Fiadeiras, Embora.
6º-. Poesía hexágono, Apiario.
7º-. Fernando Alsina e o seu Diario de guerra, de Ricardo Gurriarán, Alvarellos Editora.
XUVENIL
1º-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
2º-. Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas, Xerais.
3º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
4º-. O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda, Galaxia.
5º-. Europa Express, de Andrea Maceiras, Xerais.
6º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
7º-. Os papacalcetíns, de Pavel Šrut e Galina Miklínová, tradución de Moisés Barcia, Sushi Books.
8º-. Ons, de Carlos Meixide, autoedición.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
2º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
3º-. A árbore xenerosa, de Shel Silverstein, tradución de Chema Heras, Kalandraka.
4º-. Despois da chuvia, de Miguel Cerro, tradución de Manuela Rodríguez, Kalandraka.
5º-. O xardín de Irene, de Xosé Neira Vilas e Leandro Lamas, Embora.
LIBROS CD-DVD
1º-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Canta o cuco, de Uxía e Magín Blanco, Galaxia.
4º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
5º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
6º-. Traca-Traco, de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, Edicións do Cumio.
BANDA DESEÑADA
1º-. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
2º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
3º-. Marcopola 3, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.



