Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Xosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.
Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen. (…)
En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga unha pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.
De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora un ano.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Neira Vilas
Compostela: mesa redonda Os nenos de Neira Vilas e doutras literaturas
Un ano do pasamento de Xosé Neira Vilas
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Un ano do pasamento de Xosé Neira Vilas. Pode accederse ao vídeo aquí.”
Carlos Casares, Letras 2017 e incorporación de Marilar Aleixandre á RAG
Desde
Sermos Galiza:
“Finalmente o Pleno da Academia Galega resolveu homenaxear Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) nas Letras Galegas do vindeiro ano. Así o comunicou o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, en comparecencia de imprensa este mediodía.
Casares era o favorito entre a listaxe de nomes -todos masculinos- que compuñan as distintas candidaturas a valorar pola Academia. O que foi director de Galaxia e renovación do ‘piñeirismo’ presidiu tamén o Consello da Cultura Galega e foi deputado independente nas filas do PSOE en 1982.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares foi un autor polifacético e “unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”, sinalan desde a Academia nun comunicado público após a deliberación do pleno.
“Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega”, acrecentan desde a institución.
Neste senso, entenden que “que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017″. Pois, subliñan, “con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria”. (…)
O Pleno da Academia tamén aprobou a incorporación da escritora Marilar Aleixandre, como nova integrante substituíndo o falecido Xosé Neira Vilas. Aliás, oficializou a candidatura de Chus Pato como proposta para se incorporar -se así o decide o Pleno na vindeira sesión- á Academia pasando a ocupar a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o domingo 10
O
domingo 10 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:
Domingo 10
– 18:30 h. Actividade musical infantil de Servando Barreiro arredor do libro A música das árbores, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, publicada por Difusora. Participa, xunto á autora, Roberto Pascual. Haberá unha represenación teatral de fragmentos da obra, a cargo de Mercedes Pimentel e Raquel Lodeiros.
– 20:30 h. Actuación de Cándido Pazó, co seu espectáculo Trangallada en homenaxe a Xosé Neira Vilas.
Compostela: actos destacados do xoves 5 na Feira do Libro
O
xoves 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 11:00 h. Inauguración da exposición A Historia da Literatura Fantástica, por Urco Editora.
– 19:00 h. Memorias contadas. Homenaxe a Neira Vilas, espectáculo de humor con Cándido Pazó.
– 20:00 h. Presentación da Antoloxía poética de Manuel María, a cargo de Darío Xohán Cabana, publicada en Galaxia. Con Víctor F. Freixanes.
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o mércores 27
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o mércores 27 de abril:
– 12:00 h. Conferencia de Ramón Villares na Universidade San Martín. Inclúe un encontro con profesores. Presentación de Historia de Galicia (Mar Maior).
– 17:00 h. Presentación de Cheiro de choiva, de Rodolfo Alonso, publicado por Barbantesa. Introduce o acto Luís González Tosar. No Stand.
– 18:00 h. Presentación de Emigrantes galegos, transportes e remesas (1830-1930), con Ramón Villares, Alicia Bernasconi e Alejandro Fernández, publicado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié. No Stand.
– 19:00 h. Presentación de Querido Tomás, audiovisual baseado na novela de Xosé Neira Vilas. Presenta Fina Casalderrey.
– 20:00 h. Presentación de Teño uns pés perfectos, de María Solar, publicado por Kalandraka.
Dez obras significativas da LIX galega, segundo Helena Villar Janeiro
Desde
Lermos.gal:
“(…) A grande escritora Helena Villar Janeiro proponnos unha listaxe dos 10 títulos máis significativos da LIX galega de todos os tempos.
– A galiña azul, Carlos Casares.
– A Marela Taravela, Xosé Neira Vilas.
– Os soños na gaiola, Manuel María.
– A expedición do Pacífico, Marilar Aleixandre.
– Abracadabras, Marica Campo.
– Contos por palabras, Agustín Fernández Paz.
– O misterio dos fillos de Lúa, Fina Casalderrey.
– A nena de auga e o príncipe de lume, Xabier P. DoCampo.
– O segredo de Marco Polo, Francisco Castro.
– O meu pesadelo favorito, María Solar.”
Marilar Aleixandre: “É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas”
Entrevista
de Montse Dopico a Marilar Aleixandre en Praza:
“(…) – Praza (P): Todo apunta a que vas entrar na RAG como membro numerario en substitución de Neira Vilas… Que significa para ti?
– Marilar Aleixandre (MA): Estou de candidata. Candidata única, pero tampouco hai que dalo por feito, porque a candidatura someterase a votación no vindeiro pleno. En calquera caso, para min tería un significado especial pola relación que tiven con Neira Vilas. Un home entrañable ao que lle tiña moito cariño, e penso que el tamén a min… Eu xa fora proposta como candidata outra vez, e fora el unha das persoas que me propuxeran. Ademais do seu compromiso coa lingua e coa cultura, tamén se destacou polo seu compromiso coa xustiza social, encarnada nesa oposición que fai en Memorias dun neno labrego entre Balbino e Manolito. Balbino non se resigna, desde logo. Neira Vilas tiña ese espírito, e unha vitalidade moi grande. Era unha persoa moi reivindicativa. Ía onde o chamasen. (…)
– P: Hai tempo que se está a falar de fórmulas para que a RAG se abra máis á sociedade, ou que sexa percibida por esta como unha institución realmente decisiva para a lingua e a cultura. Cando entrou Margarita Ledo, por exemplo, dábase así entrada ao audiovisual…
– MA: É moi importante que haxa xente cun perfil variado, si. Que entrase Margarita Ledo foi tamén, si, un recoñecemento á importancia do cinema na cultura galega. No meu caso, supoño que podo representar, metade e metade, a literatura e as ciencias. E pode ser un xeito de visibilizar que as ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia. Tamén é a ciencia. Ademais, fun unha das primeiras persoas en escribir manuais de ciencias en galego. Un deles tivemos que publicalo clandestinamente, porque cando se ía publicar foi o golpe de Tejero. Decidimos autoeditalo. Despois, no 88, xa saquei en Xerais un libro de ciencias naturais, Sete estrelo.
Iso é parte da miña biografía, e ademais parece que agora volvemos a aquel tempo, porque hai unha lei que exclúe o galego das clases de física e matemáticas. É moi importante, neste contexto, persuadir a xente de ciencias de que o galego é tan válido como calquera outra lingua para aprender matemáticas ou física, e sobre todo na Universidade. En primaria e secundaria hai máis profesores de ciencias que imparten docencia destas materias en galego. Carvalho Calero fora o primeiro profesor en dar aulas na Universidade en galego. Despois viñeron outros, como Antón Santamarina. Pero de ciencias o primeiro foi Manolo Bermejo. (…)
– P: Foi habitual, nese tempo, que os propios profesores comezasen a escribir literatura infantil e xuvenil en galego, en parte pola necesidade que vían de lecturas nesta lingua para o alumnado.
– MA: Si, pero eu non era profesora de lingua nin de literatura. Eu daba aulas de Bioloxía. Non foi por iso polo que comecei a facer literatura. Do que si me decataba era da falta de materiais de ciencias en galego. Por iso comezamos a escribir os primeiros materiais didácticos. A formiga coxa, por certo, comezou sendo un conto que lles contaba aos sobriños. E era unha cascuda, que ao pasar ao papel transformouse en formiga. (…)”
O Pleno da RAG oficializa a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a vacante de Xosé Neira Vilas
Desde
a Real Academia Galega:
“No Plenario ordinario celebrado pola Real Academia Galega o venres 4 de marzo oficializouse a proposta de Marilar Aleixandre para cubrir a vacante producida polo pasamento do académico de número Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. A candidatura someterase a votación no vindeiro Pleno.
A vacante de Xosé Neira Vilas proclamárase o pasado 11 de decembro, no primeiro Plenario ordinario celebrado tras a súa produción, tal e como establece o Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. De igual xeito, na sesión do venres declarouse a vacante rexistrada polo falecemento de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro.
As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do Plenario posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe ir avalada polas sinaturas de tres membros de número da Academia. Unha vez oficializadas, sométense a votación no seguinte Pleno. (…)”
