A Coruña: Marcha das Buguinas 2014

O domingo 1 de xuño, a partir das 17:00 horas, desde a Praia de San Amaro da Coruña, sairá o roteiro A Marcha das Buguinas, organizado polo Colectivo In Nave Civitas pola contorna da Torre de Hércules, facendo bruar as buguinas ao tempo que se contarán paso a paso historias das pedras e dos percebeiros. Tamén haberá poesía e música, coa participación, entre outros, de Xurxo Souto.

A Coruña: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 29 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Felipe-Senén López Gómez e Xurxo Souto.

Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.

Coñécese o gañador do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada

“Reunido en Canido (Ferrol), o día 24 de abril de 2014, o xurado do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento, constituído por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García, Elia Rico Lagarón e Antonio Yáñez Casal, que actuou en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou outorgarlle o premio, por maioría, ao texto da contraportada da obra A Terra Queima, de Lalo Carnota e Xurxo Souto.”

Coñécense os finalistas do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada

“Reunido o xurado do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García, Elia Rico Lagarón e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo; As crónicas de Landereina: Bágoa de Lúa, de Sabela González; A Terra Queima, de Lalo Carnota e Xurxo Souto, e O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga.

Ferrol, 10 de marzo de 2014″