O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Arquivos mensuais: Xaneiro 2011
Ferrol: presentación de Ferrol. Patrimonio e sociedade, de Rosa Méndez Fonte
O venres 28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro Ferrol. Patrimonio e sociedade, de Rosa Méndez Fonte. No acto acompañarán á autora Fernando Bores, Germán Castro e Carlos Miragaya.
Santiago: actividades de xaneiro de Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, na Cidade da Cultura
Os sábados 15 e 29 de xaneiro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terán lugar estas actividades:
– 15 de xaneiro. Rosalía, a voz dun pobo:
12:00 | Relatorio: María do Cebreiro Rábade Villar. Poeta, profesora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente desenvolve un estudio no que aborda diferentes aspectos da obra de Rosalía de Castro.
13:00 | Ao raso coas lebres (60’), da compañía CasaHamlet. Textos de Rosalía de Castro dramatizados e musicados a cargo desta compañía dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Presenta: Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro.
– 29 de xaneiro. Manuel Antonio: “venador” de horizontes:
12:00 | Relatorio: Xosé Luís Axeitos. Catedrático de Lingua e Literatura Castelá e Secretario da Real Academia Galega. Experto na obra de Manuel Antonio, ten publicado varios libros sobre a poética do visionario rianxeiro.
13:00 | Manuel Antonio e mais dispois (35’). A poeta performática María Lado acompañada polo xenial pianista Nacho Muñoz interpretan textos de Manuel Antonio que mostran a súa concepción radical da creación artística.
Convocado o XXVII Premio de poesía Cidade de Ourense
XXVII premio de poesía Cidade de Ourense, a través de Cultura Galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 29 de abril de 2011.
Euloxio R. Ruibal: “Estamos secuestrados”
Entrevista a Euloxio R. Ruibal en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): O texto non chegou a ser representado por unha decisión pouco cultural, senón máis política.
– Euloxio R. Ruibal (ER): É unha obra [Azos de esguello]que vai máis alá do que eu pensara. Loxicamente hai unha intencionalidade na súa escrita pero pertence a unha época na que a nosa sociedade estaba en plena convulsión. Acababamos de saír da ditadura e non estaban asentados os alicerces dunha sociedade que cambiou do día para outro. Nesta sociedade había lugar para todo tipo de picaresca. Naquel momento, empezaban os negocios fáciles e pequenas corruptelas. Non está baseada en ningún caso concreto senón en moitos casos e nos distintos poderes que daquela ían collendo as rendas: era xente nova, que nunca se dedicara á política, empresarios agresivos cun espírito e unha ideoloxía liberal que se presentaban a si mesmos como demócratas…. pero realmente había moita falsidade en todo iso. Empezaba a haber pola miña parte un desconcerto e un desencanto. Despois de sufrir unha ditadura, tiñamos esperanzas pero viamos que esas esperanzas empezaban a esvaecerse. Había poderes que comezaban a degradarse. A obra foi máis alá do que eu quixen. Molestou porque estaba tocando algunhas teclas incómodas. Loxicamente, a obra gañara un premio oficial e ía ser representada pero houbo xa por parte de dous directores intentos de desbotala dalgunha maneira sibilina. Desaparecera a censura pero foise renovando: agora segue a habela e practícase doutra maneira. Non era censura oficial pero había outros medios máis sutís para evitar que se chegase a representar. Eu sabía que non ía poder ser pero protestamos para poñelo a descuberto.”
“Un avance demasiado lento”
Homenaxes a Castelao no 125 aniversario do seu nacemento
O domingo 30 de xaneiro conmemórase o 125 aniversario do nacemento de Castelao. Con tal motivo a Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura, organiza en colaboración coas entidades federadas, unha serie de homenaxes co obxectivo de facer visíbel esta grande figura, exemplo de compromiso co noso país:
– O domingo 30 de xaneiro, na Praza do Toural de Santiago, a partir das 13:30 h., desprégase a faixa conmemorativa desde o balcón do Pazo de Bendaña, con leitura de textos de Castelao e a actuación do cantor compostelano Pepe Constenla. O acto está organizado pola A. C. O Galo, coa colaboración da Concellaría de Cultura de Santiago.
– Ese mesmo día, na Praza do Conde de Fontao de Foz, a partir das 13:00 h., haberá unha leitura de textos do autor rianxeiro e a actuación do grupo A Subela.
– Mentres, ás 17:00 h., na Praza do Concello da Estrada, producirase o despregamento da faixa conmemorativa e leitura pública de textos de Castelao.
Esta nova aparece recollida tamén en Galicia Hoxe. Crónica posterior na mesma Galicia Hoxe.
A Coruña: entrega de O Facho de Ouro a Bernardino Graña
O sábado 29 de xaneiro terá lugar a entrega do Facho de Ouro, concedido pola Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho a Bernardino Graña Villar, como testemuña e recoñecimento á súa longa traxectoria na defensa da dignidade e da cultura do País. O acto cívico será acompañado dunha cea homenaxe que se celebrará ás 21:00 horas no Hotel Riazor da Coruña. O prezo por persoa é de 30 euros, podendo facerse as reservas nos teléfonos 981.269.663 (tardes) e 698.147.851, ou ben no correo electrónico lobezan@yahoo.es.
Gloria Sánchez protagoniza o Salón do Libro Infantil de Pontevedra
Pontevedra: presentación de A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo, de María Dolores Villanueva
(Galicia Hoxe. Entrevista posterior tamén en Galicia Hoxe.)