Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A pegada das mulleres desde a tradición oral a actualidade, con Antonio García Teijeiro

Abannerciclolixourense Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A pegada das mulleres desde a tradición oral a actualidade, que se desenvolve do 19 de outubro de 2015 ao 9 de novembro de 2015, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Facultades, Campus de Ourense (como chegar).

Todas as sesións serán ás 17:00 horas, e con entrada libre.

Información e coordinación: Isabel Mociño González, imocino@uvigo.es

9 de novembro
A poesía infantil. Música dende o colo materno.
Antonio García Teijeiro (mestre e poeta).
Clausura. Sigue lendo

Entregados os Premios da Crítica Galicia 2015

Premios da Crítica Galicia 2015 1Premios da Crítica Galicia 2015 2Premios da Crítica Galicia 2015 3Premios da Crítica Galicia 2015 4

Bases do I Premio Xosé María Díaz Castro de poesía

BASES

1.- O Concello de Guitiriz, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, convoca o I PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA.
2.- Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, cos seus poemas escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente da Real Academia Galega.
3.- Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital.
4.- Os e as participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ao seguinte enderezo:

I PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA
Concello de Guitiriz
Rúa do Concello, 4, 27300 Guitiriz

5.- As obras concursantes deberán ostentar un título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono, enderezo postal e correo electrónico, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
6.- O prazo de presentación das obras remata o día 31 de decembro do 2015. Poden presentarse no rexistro xeral de Guitiriz ou no seu caso, en calquera dos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, LRXAP-PAC.
7.- A dotación do premio, único e indivisible, que será de 2.000,00 euros, estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. Se o xurado o considera oportuno, o premio poderá ser declarado deserto. Así mesmo, o xurado poderá designar un ou máis accésits ao Premio que en ningún caso comportarán dotación económica, pero que serán recomendados á editora para a súa posible publicación.
8.- O xurado será designado polo Concello de Guitiriz e estará formado por tres persoas vinculadas á poesía e/ou á crítica literaria galegas. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un membro da corporación.
9.- O veredicto será dado a coñecer na primeira quincena de febreiro de 2016 directamente ao gañador ou gañadora e a través dos medios de comunicación. A entrega do premio terá lugar, salvo causas de forza maior, nun acto público coincidindo co natalicio de Xosé María Díaz Castro, o 19 de febreiro de 2016. As obras non premiadas poderán ser retiradas polas autoras ou autores nas dependencias do Concello de Guitiriz no prazo dun mes a contar a partir da data na que o xurado faga pública a súa decisión. Transcorrido este prazo, os orixinais serán destruídos.
10.- O Premio inclúe, ademais, a publicación da obra gañadora por Edicións Espiral Maior. O Concello de Guitiriz resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada en todas as linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor ou autora renuncia a favor do Concello, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existir posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o I PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA.
11.- A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas súas funcións adopte.

Guitiriz, 29 de outubro de 2015

A alcaldesa.”

Cuestionario Proust: Suso Lista

DesdeSuso Lista o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Suso Lista:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ter o allo no cu. É raro verme quieto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Apoio e compaña nos bos e malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasear. Ulir. Tocar…, sentir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A boa saúde. A paz. A serenidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xeólogo e astrofísico.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Amarelo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Unha orquídea amarela e azul que abunda aquí e que non sei como se chama.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo. Estou seguro que nas vilas identifican os humanos veciños deles. Leva xeracións cohabitando no mesmo entorno. Xunto coas andoriñas son os autenticamente nativos das nosas vilas e aldeas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos. Rulfo, Voltaire, Wilde… E sete ou oito máis…
14.– E na poesía?
– Walt Whitman.
15.– Un libro?
Pedro Páramo.
16.– Un heroe de ficción?
– Corto Maltés.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslongas.
18.– A súa música favorita?
– Toda menos o reguetón.
19.– Na pintura?
– Dalí. Ultimamente descubrín a Georgi Petrov e encántame.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña avoa Felisa. Nun mes morréronlle os cinco fillos que tiña, e volveu criar outros cinco, entre eles meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Gumersindo. Pola súa sonoridade.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A guerra.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tódolos ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– A reconquista de Perejil. Tamén admiro o ben que desfila a cabra que levan os lexionarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar como os corvos.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen causar problemas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ser bo non custa nada.”

Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde12193820_987603724596403_4700766935712179039_n o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”

Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro

Casa-Leiras-IIDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Esta que aquí vedes é a casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro. Veu ao mundo nela o 25 de outubro de 1854. Entón, a vía na que se atopa coñecíase polo nome de Rúa da Ronda (pois por alí discorría, en tempos, a vella muralla medieval da cidade) e a vivenda levaba o número 18. Hoxe chámase Rúa de Febrero (en honor a José Febrero, o famoso xurisconsulto mindoniense do século XVIII) e foi renumerada.
Temos constancia da súa nacenza nesta rúa porque así o testemuña o libro de bautizados do Arquivo Diocesano de Mondoñedo, tal como documentou no seu día Andrés García Doural nun seu estudo sobre a familia Leiras.
O que logo foi o primeiro dos grandes poetas mindonienses contemporáneos residiu en diferentes vivendas da súa cidade natal, pois foi dunhas a outras primeiro con seus pais —cando era neno aínda— e logo por si mesmo debido a diferentes causas (poño por caso, o seu casamento con María de los Milagros Andía Villar).
Leiras Pulpeiro é un acabado exemplo de mindonicidade xenuína, pois contados foron os períodos que permaneceu lonxe da súa raiceira (apenas o tempo dos estudos superiores, pois, unha vez licenciado en Medicina, regresou decontado a exercer en Mondoñedo). (…)”

Entrevista a Teresa Barro no Diario Cultural

DesdeTeresa Barro 064 pardo o Diario Cultural da Radio Galega:
“A ensaísta e tradutora Teresa Barro, no ciclo Nexos, na conmemoración dos 150 anos de Alicia no país das marabillas. “O interesante é desmontar o sistema. Eu vexo o patriarcado como un sistema que funciona case matematicamente”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, con Fran P. Lorenzo, o 7 de novembro

CartelPaseosVigoOutono2015Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, que teñen lugar do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.

Todos os paseos con saída ás 11:30 h. Sigue lendo

Vilalba: entrega do premio Chairego de Honra a David Otero

O David Oterosábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org