Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Barcelona: presentación de Terra baixa, de Àngel Guimerà, traducida por Afonso Becerra
O 9 de decembro, no Centre de Recerca en Arts Escèniques (Universitat Autònoma de Barcelona, Campus da UAB, Edifici B, Facultat de Filosofia i Lletres, Carrer de la Fortuna, s/n, 08193 Bellaterra), Afonso Becerra presenta a súa tradución ao galego da obra de Àngel Guimerà Terra baixa, publicada por Laiovento. O acto poderá seguirse en Teams na seguinte ligazón.
Compostela: presentación de Carnívoras e domésticas, de Jorge Rodríguez Durán
Iria Collazo: “Escribín un libro trala morte do meu avó nunha residencia para lembrar a toda esa xeración”
Entrevista a Iria Collazo na Movida:
“(…) – Movida (M): Cando decidiches que querías escribir sobre os teus avós?
– Iria Collazo (IC): Cando meu avó comezou cos primeiros síntomas da demencia con corpos de Lewi, eu empecei a escribir algúns fragmentos, que simplemente eran liñas soltas. Non pretendía con elas artellar un texto máis grande; quería que servisen nada máis como notas ou recordatorios. Pouco a pouco ás memorias sobre el fóronse sumando outras sobre miña avoa e o resto da familia. Á fin e ao cabo, falar dos avós é falar dunha comunidade. Cando finalmente ingresou na residencia DOMUS VI de Monforte e observei de primeira man a degradación do seu corpo e da súa mente naquel lugar en menos dun mes, e despois de asistir con impotencia á súa morte tras unha chea de despropósitos e falta de atención e coidados, souben que o seguinte paso, despois de interpoñer as queixas e denuncias debidas, era crear un texto que o recordase, a el, a miña avoa e a toda esa xeración que axudou a conformar a miña existencia.
– M: Os mortos que amei é unha visión moi fermosa e necesaria sobre a vellez. De feito ti falas sobre uns anciáns, Antón e Celeste, que desexan vivir de forma activa, que non queren ser relegados. De onde naceu esta visión?
– IC: Supoño que provén da miña propia experiencia cos avós. Nunca os vin como seres desfasados da realidade ou ancorados nun tempo pasado. De feito, en moitas ocasións sorprendíame a súa modernidade e a relación vital e alegre que mantiñan con nós, seus netos, pero tamén con amigos e co resto da familia. Coido que boa parte desa percepción provén do humor, e é que tiven a sorte de ter uns avós irreverentes e gamberros. Estou convencida que, de seren máis novos e viviren noutras latitudes, os meus avós serían punkies.
– M: Tamén están aquí os sentimentos das persoas que aman esas persoas maiores, eses avós que os coidan moitas veces e que despois se fan maiores e morren. É esta unha forma, quizais, de non esquecer, ou de facer por lembrar?
– IC: Si, escribir as notas para Os mortos que amei en moitas ocasións foi un intento desesperado de absorber a esencia daquelas persoas e daqueles anos. É obvio que foron tan importantes que serían inesquecibles, pero o que tiña medo a perder eran os pequenos detalles, as expresións, algunhas palabras, certas historias que nos contaron e que pertenceron a outras persoas e que por nada do mundo quería deixar que desaparecesen.
– M: Esta é a túa primeira incursión na narrativa para adultos, despois de libros para o público xuvenil. Cres que hai diferenzas na forma de abordar os proxectos dependendo do público ou non pensas niso a priori?
– IC: Os dous primeiros libros, Coma unha áncora e A soidade das medusas, tiveron moito éxito entre o público adulto, quizais máis ca entre o xuvenil, pese a estaren os dous inseridos na colección Costa Oeste, de Galaxia. Penso que incluso na editorial houbo dúbidas á hora de encadrar estes dous libros nunha colección ou noutra. Creo que fago moi mal, pero cando escribo, non penso nunca no público. Escribo para min, que ao final son a crítica máis feroz dos meus textos. (…)”
Compostela: manifestación Altri non!, o 15 de decembro
Vídeo da presentación en Vigo de Retorno, de María Reimóndez
Compostela: inauguración da exposición Pingas de humor crítico, de Xoán Andrade
A Coruña: entrega de premios do XIV Certame de Curtas da AS-PG
O xurado do XIV Certame de Curtas da AS-PG, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración co Concello da Coruña coa finalidade de explorar e divulgar a Literatura Galega a través do cinema, formado por:
Lucía Catoira Pan, Directora de Fotografía
Manuel González, guionista, ensaísta e investigador cinematográfico
Martin Pawley, produtor, programador, crítico de cine e divulgador cinematográfico.
Acordou por unanimidade declarar finalistas da XIV edición do Certame a:
– 1. Categoría Mellor Curta da XIV edición
Orzán, de Omar Rabuñal Varela
Sen ti, de Feyrouz Serhal
– 2. Categoría Centros de Ensino da XIV edición
A luz traza o camiño, do IES Ramón Cabanillas de Cambados
Ara Princesa de Corazón, do CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas
Eu fixen ouigha co espírito de Castelao, do CPI PL. de Vedra
A entrega de premios terá lugar o martes 10 de decembro ás 18:00 h na Filmoteca de Galicia, Rúa Durán Loriga 10 – A Coruña.
Ourense: presentación de Ben mantidos, de Xavier Castro Pérez
A Coruña: Congreso de Narrativas 2024
Destacado
O Congreso de Narrativas, actividade da AELG que conta co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, é un encontro cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás escritoras e escritores.
Terá lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña (Avenida Gramela). A asistencia é libre e gratuíta. As persoas interesadas deberán anotarse até o mércores, cuarta feira, 11 de decembro, no correo electrónico: oficina@aelg.org
Agardamos poder contar coa túa participación, para así determinarmos da forma máis plural posíbel as conclusións que nos permitan establecer as liñas de traballo a seguir nos vindeiros anos. Este é o programa previsto:
Sábado 14 de decembro
Presentación 10.15h
Mesa 1 10.30h-12.00h
Outras narrativas: historias e relatos na rede, na prensa e no audiovisual
Relatoras/es: María Yáñez, Ismael Ramos e Álvaro Gago
Modera: Berta Dávila
Pausa café 12.00h-12.30h
Mesa 2 12.30h-14.00h
Moito conto: contar o mundo que soñamos
Relatoras/es: Lara Dopazo, Xabier Paz, Xurxo Borrazás e Santiago Jaureguizar
Modera: Xavier Queipo
Mesa 3 16.30h-18.00h
O mundo na palma dunha man
Relatoras: Marica Campo, Érica Esmorís e Fina Casalderrey
Modera: Beatriz Maceda
Pausa café 18.00h-18.30h
Mesa 4 18.30h-20.00h
A narrativa galega máis nova: temas, enfoques e perspectivas
Relatoras/es: Sica Romero, Fabio Rivas e Alba Guzmán
Modera: Xosé Monteagudo
Peche musical 20.00h
A Lingua do Eléctrico
Lois Pérez
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.