Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Fisterra: presentación do Centenario do manifesto Máis alá
Ferrol: conversa ao redor do centenario do manifesto Máis Alá
Francisco Carballo e os paratextos na web da AELG
Artigo de Santiago Prol na páxina web do autor:
“O 29 de novembro cúmprense 8 anos do pasamento de Francisco Carballo, un dos grandes fillos sobranceiros de Maceda. Deixounos [con 89 anos] lonxe da terra, no seu exilio último en Santa Marta de Tormes [Salamanca]. Agora ben, descansa na campa de Asadur [Maceda], pois esa era a súa vontade [coa axuda necesaria da súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixo valer a súa arela derradeira diante das autoridades dos PP Paúis en Salamanca].
Reparamos hoxe nos paratextos que tiveron a ben inserir na web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Alí atopamos máis de cen documentos que axudan a mergullarnos aínda máis na súa traxectoria [artigos, capas, cartelaría, críticas e reseñas, entrevistas, extractos da obra, fotobiografía, homenaxes, obra divulgativa, outras novas do autor na prensa, presentación de libros propios, relatorios…].
Exhumamos outra volta un deses paretextos da nosa autoría. Xestouse co gallo da homenaxe que lle fixemos en Maceda, o 4 de agosto de 2000, cando tiña 75 anos de idade. Apareceu imprentado no semanario A Nosa Terra o día anterior. Pasaron 22 anos. Resiste ben o paso do tempo, polo que aínda temos moito que facer a prol da súa dignificación. ¡Que lle sexa leve a terra! ¡Beizón!:
“A Galicia oficial ningunea a Francisco Carballo. Non lle concede medallas a quen escribe Castelao contra a manipulación. A Universidade oficial apenas recoñece a Francisco Carballo. Non nomea doutor honoris causa a quen impulsa unha historiografía autenticamente Nosa e promove toda unha escola de historiadores. A Igrexa oficial omite a Francisco Carballo. Ignora con teimosía un dos seus máis prestixiosos especialistas. A Literatura oficial non considera canónico a Francisco Carballo. Non inclúe nas súas escolmas ningún dos seus ensaios. O Xornalismo oficial non lle concede premios a Francisco Carballo. Sabe que non se vende aos poderes de turno. Amósase Francisco Carballo incómodo para os folclorizantes. Asina manifestos e adhesións con outros intelectuais. Publica ensaios comprometidos co Noso País. Reescribe a Historia oficial que nos contaron. Insire certeiros artigos no xornal A Nosa Terra. Non claudica. Faino cunha dignidade exemplar. E sempre, sempre dende a mesma trincheira: a dos bos e xenerosos”.“
A Coruña: conferencia “Luz Pozo Garza: fusión de poesía e vida”, por Olivia Rodríguez González
O 30 de novembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Olivia Rodríguez González, profesora de Filoloxía da UDC e comisaria da exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza, poesía, arte e vida (1922-2022) exhibida de xuño a novembro de 2022 na Biblioteca de Galicia para conmemorar o centenario da poeta, falará sobre “Luz Pozo Garza: fusión de poesía e vida”.
Destaca en Luz Pozo Garza a capacidade artística de converter a experiencia vital en poesía. Pódese así reconstruír, na lectura dos seus textos, momentos biográficos que deveñen símbolos diante do misterio da vida. A poeta deixou escrito que quería contribuír ao poema total axudando a desentrañar ese misterio, cunha obra ofrecida como a forma persoal de prender unha chama, de acender unha lámpada.
As persoas interesadas deben enviar os seus datos a través deste formulario.
Desde a AELG animamos á lectura do poema de Ramón Cabanillas dedicado á loita de Sobredo, no seu 100 aniversario
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a petición do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, IEAMSo, propoñémosvos que este 28 de novembro, data en que se cumpren 100 anos dos Sucesos de Sobredo (Tui), exemplo das loitas agraristas que mobilizaron o primeiro cuarto do século XX e que tanta influencia tiveron na literatura nosa, leades este poema de Ramón Cabanillas dedicado á súa loita.
Sobredo e Tui: actos de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo, os 27 e 28 de novembro
“No día 28 de novembro de 1922, hai cen anos, producíronse os Sucesos de Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui. Neles, por disparos da Garda Civil, perderon a vida a labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ambos os dous do municipio de Salceda de Caselas, e mais dunha ducia de persoas resultaron lesionadas ben por feridas de bala ou contusións diversas, cando participaban nunha concentración solidarizándose cun veciño da localidade que non pagou rendas de foro e opóndose ao embargo xudicial de bens por dito impago.
Para conmemorar a efeméride destes tráxicos acontecementos o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) vén organizando diversas actividades. Unha delas foi instar do Parlamento de Galicia unha “Declaración de recoñecemento ao agrarismo galego“, que foi dada a coñecer na sesión do Pleno do Parlamento, do 23 de novembro (achegamos enlace).
Pola súa vez, prográmanse actos de conmemoración, nos días 27 e 28 de novembro, que se indican de seguido:
No 27 de novembro (domingo) a partir das 11:00 hs: Acto de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo; achegase programa.
No luns, día 28 de novembro, data do Sucesos de Sobredo:
Ás 17:00 H (cinco da tarde), en Tui, na confluencia coa Av. da Concordia, acto de descobrimento da placa que da nome á “Rúa Mártires de Sobredo“.
Ás 19:00 H (sete da tarde), na sala de conferencias do edificio Francisco Sánchez (antiga área panorámica):
– Conferencia polo historiador Bieito Alonso, “Sobredo na memoria“.
– Interpretación musical de Samuel Diz.”
Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde
Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, autora que foi homenaxeada co Premio Boa e Xenerosa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en 2009, e que representa desde o anonimato o colectivo exiliado e represaliado, cuxa memoria cómpre restaurar.
Reproducimos a continuación parte do texto co que a AELG homenaxeou a súa figura:
MARIVÍ VILLAVERDE OTERO NO RONSEL DAS BOAS E XENEROSAS
“Ela é escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví Villaverde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas. Ela decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para entrar na historia da nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa común e o desexo de construír un mundo mellor. Historias de cicatrices que atravesan todas as alfándegas. Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío. Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu traballo diario.”