Xavier Alcalá presenta Cartas ao Cholo

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xavier Alcalá recolle neste libro as cartas que se enviaba con Antonio Rei Flórez, máis coñecido como Cholo, durante os anos 1994 e 2001 nos que o Cholo viviu na Arxentina. Cartas ao Cholo é a homenaxe de Alcalá ao seu amigo, finado en 2018. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Boiro: IX Romaría das Letras no Barbanza

Tabela dos libros. Maio de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Héctor Cajaraville: “Fálolles aos rapaces de Antonio Fraguas, pero tamén moito da época que lle tocou vivir”

Entrevista a Héctor Cajaraville na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Vostede naceu e criouse en Santiago, a cidade onde Antonio Fraguas se estableceu definitivamente en 1959. Tivo oportunidade de coñecelo? Que imaxe tiña vostede del antes de escribir a biografía para a colección Merlín e como foi cambiando?
– Héctor Cajaraville (HC): Xerais non me escolleu pola vinculación directa que puidese ter co homenaxeado, senón porque antes escribín un libro biográfico sobre frei Rosendo Salvado –Nova Nursia (Xerais, 2018)- e considerou que podería ser a persoa indicada para achegar a figura de Antonio Fraguas a rapaces. Á editorial non lle pareceu un impedimento que non o coñecese, viu interesante que alguén que non estivese condicionado por un coñecemento previo del puidese facer un achegamento máis libre e, digamos, aséptico á súa figura. Cando empecei a documentarme e a descubrir a Antonio Fraguas, quedei un pouco fascinado. Supoño que sempre pasa cando afondas na vida e na obra de alguén, pero neste caso estamos a falar dun home que fixo tantas cousas durante tanto tempo! Tivo relación máis ou menos directa con todo o que se fixo no ámbito da cultura e do galeguismo ao longo do século XX e, claro, é normal que quedes abraiado!
Por riba de toda a traxectoria académica e intelectual, todo o mundo co que fun falando para obter máis información sobre el destacaba o boa persoa que era, sempre xeneroso e disposto a axudar, e ese é o mellor recordo que pode deixar alguén. Que máis dá se es máis ou menos preciso nos teus traballos intelectuais se despois non deixas esa pegada humana que el si deixou. Descubrir isto foi unha das cousas que máis me gratificaron no proceso de achegamento a Fraguas.
– RAG: Tendo en conta o público ao que se dirixe esta biografía, un dos maiores esforzos debeu de ser a recreación da súa vida dun xeito ameno e cun estilo sinxelo.
– HC: Si, despois de reler todo o que se escribiu sobre el, entrevistas que lle fixeron ou artigos que completaban algunha perspectiva, o seguinte foi centrarme en filtrar e adaptar a información para un rapaz de 12 ou 13 anos que non coñece de nada a Antonio Fraguas, como é natural, porque polo menos ata o momento non era unha figura excesivamente coñecida e tampouco ten obra dirixida especificamente ao lectorado desta idade. O meu obxectivo é que cando remate o libro diga: “Agora entendo por que lle dedicaron o Día das Letras Galegas”. Con esta proposta de partida, centreime nos aspectos que me parecía que poderían ser de máis interese para un rapaz, e por iso me centrei na figura humana e non no puramente académico, nos seus traballos etnográficos ou xeográficos. (…)”