Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021

“No Museo Meirande, Rande-Redondela, o sábado 11 de decembro de 2021, anunciouse o ditame da XXXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

O neno de lume de Ledicia Costas
Premio Merlín de Literatura Infantil 2021
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O neno de lume», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas e corresponde ao título O neno de lume.
O neno de lume en palabras do xurado:
O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade. (…)
Ledicia Costas ao coñecer o ditame do xurado dixo:
Recibir o Premio Merlín faime viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta, foi recoñecida con este mesmo galardón e a miña vida mudou dun día para outro. Coido que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo.
«O neno de lume» é unha novela ao xeito dos contos clásicos. Unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares. Creo que isto é o que máis me emociona: que o xuri premie unha historia coma esta.

Un elefante na sala de estar de Berta Dávila
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Elefante», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Un elefante na sala de estar.
Un elefante na sala de estar en palabras do xurado:
Un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.
O xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento.
A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.
Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente.

Os seres queridos de Berta Dávila
Premio Xerais de Novela 2021
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Seres queridos», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Os seres queridos.
Os seres queridos en palabras do xurado:
«Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás». Desta rotunda afirmación dedúcese, sen dúbida, que a cerna da obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai.
A protagonista de Os seres queridos queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade. A crianza deriva en sensacións de culpa e arrepentimento, así como en dúbidas sobre os propios sentimentos cara ao fillo causadas fundamentalmente polo temor de ter que se defender do que os demais pensen sobre as súas decisións.
Estes recordos, xunto con abundantes reflexións sobre o proceso creativo literario como unha forma capaz de canalizar os seus pensamentos, entrelázanse cunha narración meticulosa dos acontecementos vitais que lle van ocorrendo e que van conformando a historia.
Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade. (…)
Berta Dávila ao coñecer o veredicto dos xurados, dixo:
“Síntome agradecida e afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso. Só podo darlle as grazas ao xurado do premio Xerais por escoller como obra gañadora Os seres queridos, un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne: é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento.”

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.

Vigo, 11 de decembro de 2021″

José G. Barral Sánchez gaña a II edición do premio de novela Camiño de Santiago

Desde Galaxia:
“A segunda edición do premio de novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, e o patrocinio de Aluminios Cortizo, xa ten gañador.
Despois de analizar a decena de obras presentadas, o xurado decidiu conceder o galardón a Cruzados polo Camiño. Conxecturas compostelás sobre un Papa ilustrado, un orixinal presentado por José G. Barral Sánchez.
“O autor narra con solvencia narrativa e un sutil humor que sobrevoa cada páxina as aventuras dun sacerdote algo ‘sui géneris’ que investiga estraños atentados contra o patrimonio de importantes igrexas vinculadas á peregrinaxe a Compostela, ao mesmo tempo que as autoridades se preparan para recibir coa seguridade necesaria unha visita do Papa a Compostela. O autor é capaz de construír unha historia que mestura o xogo de investigación coa reflexión sobre os retos da relixiosidade en épocas de tendencia secular, mantendo o auxe e levándonos polos escenarios simbólicos, emocionais e reais do Camiño”, explican os integrantes do xurado na acta que recolle a concesión do premio.
O autor galardoado, José G. Barral Sánchez, profesor xubilado nacido en Vigo en 1959 e residente en Baiona, xa publicou dúas obras con anterioridade: Por catro perras. Guía de tascas e tabernas de Vigo e a novela Último peaje. Agora, ademais de recibir os 3.000 euros cos que está dotado este segundo Premio de Novela Camiño de Santiago, a súa obra será editada tanto en galego como en castelán pola Editorial Galaxia a través da súa colección literaria e do seu selo Mar Maior, respectivamente. (…)
O xurado deste certame estivo integrado polo presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; Francisco Castro, director da Editorial Galaxia; Mercedes Corbillón, propietaria da librería Cronopios; Armando Requeixo, profesor e crítico literario; Pilar Falcón, xornalista e escritora, e o académico Ulises Bértolo, como secretario. Ademais de decidir a obra gañadora, os membros do xurado acordaron outorgar un accésit, sen dotación económica, pero con diploma acreditativo, a Óscar Vázquez Lima e María Teresa Chamorro Álvarez por A túa pegada no meu Camiño.”

Virxilio Rodríguez gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

Desde Nós Diario:
“A obra Off the record, do profesor de Dereito Penal Virxilio Rodríguez Vázquez, gañou a sexta edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta. Así o acordou por unanimidade o xurado deste galardón, reunido na tarde do sábado 30 de outubro no Pazo de San Roque, en Compostela.
O xurado -composto polos membros da Fundación Xosé Neira Vilas Juan Andrés Fernández, Henrique Neira e Fernando Redondo, así como polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo– destacou a estrutura da obra ao alternar o relato en primeira persoa e as informacións que achegan testemuñas nunha gravadora.
Ademais, quixeron resaltar a “pulcritude estilística” da historia de Off the record, que “avanza, imparable, até un sorprendente final”, segundo destaca nun comunicado a Fundación Xosé Neira Vilas.
Por outra banda, o xurado puxo o foco no “estimábel nivel de participación e a calidade de varias das obras presentadas”, o que confirma “a boa saúde” da que goza este certame.
O vencedor da sexta edición, Virxilio Rodríguez Vázquez, é profesor de Dereito Penal na Universidade de Vigo. Recibirá o premio esta terza feira, 3 de novembro, nun acto público na Casa do Romano de Vila de Cruces (Pontevedra), sede da Fundación Xosé Neira Vilas.
O galardón está dotado de 1.000 euros e a obra seleccionada será publicada a través de Edicións Embora.”

Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Lois Pérez Díaz é o flamante gañador do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, polo seu libro A gruta da torre, presentado baixo o lema Un peso sempre se gastou, segundo o ditame do Xurado emitido o 23 de outubro de 2021, unha vez rematada a reunión levada a cabo no local do IESCHA, na Casa da Cultura de Vilalba, e que se deu a coñecer no acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa.”

Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa 2021 con Virtudes (e misterios)

Desde Galaxia:
“Xesús Fraga vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa 2021 pola súa obra Virtudes (e misterios). Unha gran noticia e un galardón máis que se suma ao libro gañador do Premio Blanco Amor 2019.
Este premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu esta obra “por amosar cunha prosa moi coidade, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”.
Ademais, o xurado sinala: “Con esta novela contemplamos a inmigración, cos seus claros e escuros, desde as súas dúas beiras, a dos que marchan e a dos que quedan e tamén desde o punto de vista dos que viven a cabalo entre dous mundos”.
Xesús Fraga constrúe en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.”

A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”

Acta do xurado do VI Concurso Balbino de relatos

Pablo Nogueira gaña o XVIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é o gañador do XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destacou da obra premiada, O clube de coleccionistas de selos (presentada baixo o pseudónimo “Catro latas”), “a súa perspectiva inclusiva e que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, salientando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
O xurado sinala a grande calidade das obras presentadas, destacando do traballo de Nogueira que se trata dunha obra “cunha escrita moi coidada, na que emprega moitas referencias a personaxes históricos e literarios, o que promove a posibilidade de diversificar os itinerarios lectores e o fomento da lectura. Elo converte á obra nun bo recurso literario para mestres e o seu traballo na aula”. O xurado, presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, estivo formado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño e Ana Malingre (secretaria).”

Alberto Lema gaña o XXXIII premio de novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“O xurado do premio de Novela Manuel García Barros, composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario, fallou, na mañá do mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema Suárez pola obra Pazo de inverno.
O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.
Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.
Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.
O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.”