Xesús Rábade Paredes gaña o primeiro premio Caldaloba

Desde La Voz de Galicia:
“O xurado da primeira edición do certame de poesía Torre de Caldaloba, que promoveu o Concello de Cospeito, concedeu o premio a Xesús Rábade Paredes; mentres que o ouresán Paulino Peña Vázquez recibiu o segundo premio. Na categoría de menos de 18 anos, a gañadora foi Andrea Sanjurjo (A Pobra do Caramiñal), mentres que segundo foi Yaré Brea (A Coruña). O xurado valorou a obra gañadora, precisamente sobre a Torre de Caldaloba, “pola súa imaxinación e riqueza”. O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, amosaba a súa satisfacción polo éxito de participación, con 52 traballos presentados, e pola calidade dos mesmos, como destacou o xurado. Ademais, indicou «que foi unha sorpresa agradable que o gañador fose nado en Cospeito e unha figura relevante das nosas letras». O premio entregarase o sábado 15 de decembro, ás seis da tarde, no local social de Pino. O gañador recibirá 1.500 euros e a publicación da obra.”

Obras premiadas no XXXII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro 2018

“O sábado 24 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (Barcelona) que este ano acada a súa XXXII edición, no que se lle concedeu o primeiro premio a Isaac Xubín polo seu poema Antígona.
Un día que comezaba cheo de cultura e literatura galegas co recoñecemento e homenaxe que a A.C.G. Rosalía de Castro quixo ter co Patriarca das Letras Galegas en Cataluña, o Catedrático Don Basilio Losada Castro entregándolle a medalla da entidade de recoñecemento á súa labor de difundir e posta en valor a Cultura e a Literatura galegas en Catalunya, desde a súa actividade educativa na Universidade de Catalunya, así como a súa colaboración e apoio a colectividade galega a través das diversas entidades galegas, e moi especial coa A.C.G. Rosalía de Cornellà, acto ao que asistiron ademais dos compoñentes do Xurado do Certame de Poesía así como numeroso socios da Entidade tamén estivo presente o Secretario Xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, que se desprazou a Cornellà para imporlle a distinción honorífica ao homenaxeado.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido dunha conferencia a cargo do Profesor Armando Requeixo, que baixo o titulo A Irmandade literaria Galego-Catalana nos deu unha exhaustiva e esplendorosa lección sobre as colaboracións culturais e literarias de ambas as dúas culturas, desde os tempos do medievo ata a actualidade, un relato de autores e textos nos que se amosa esa irmandade cultural. O acto contou coa asistencia de numeroso publico, así como a presencia do alcalde de Cornellà Antonio Balmón, que se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración do conferenciante coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é fundamental.
Pola noite e no transcurso dunha Cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por:
Presidente: Armando Requeixo, Investigador, Profesor e Crítico Literario.
Vicepresidente: Míriam Ferradáns, Poeta galega.
Vogal 1: Ana Vázquez, Documentalista, Licenciada e Doutora en Hispánicas.
Vogal 2. Xulio Simón, Profesor Licenciado en Galego e Portugués.
Vogal 3: Xosé Lamela, Enxeñeiro e Escritor galego.
Secretario: Xulio Cougil, Profe. Licenciado en Galego e Portugués, Xubilado.
Deu a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 32 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que son os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Isaac Xubín, da Coruña, polo seu poema titulado Antígona: o alento que embaza o vidro.
– Segundo premio: para Manuel Antonio Piñeiro, da Coruña, polo poema Larega.
– Terceiro premio: para Gonzalo Hermo, de Barcelona, polo seu traballo Memoria do Cervo.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial ao poema Foise silandeira, mainamente, de Azucena Arias Correa, de Pontevedra.

Cornellà, 25 de novembro de 2018
Antonio Díaz Fernández”

Berta Dávila gaña coa obra Limiar o primeiro premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“A santiaguesa Berta Dávila Fernández obtén o primeiro premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo. A obra que resultou gañadora na XIX edición deste certame leva por título Limiar.
O primeiro premio neste certame, que ten por finalidade estimular a creación poética entre os mozos e mozas, recoñécese con 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio foi para Alexandre Fernández Peón de Pontevedra, pola creación Crónica bélica da devastación en cinco minutos. O pontevedrés recibe 600 euros, placa e diploma. Mentres, Laura López Esteban, de Lugo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Renacer.
O xurado que fallou os premios estivo integrado por Áurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.
Entrega dos premios
A entrega dos premios terá lugar nun acto celebrado polo Concello de Mondoñedo o sábado 1 de decembro a partir das 12:15 horas no Salón de Plenos.
O Concello de Mondoñedo amosa un ano máis o seu compromiso “de aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega”. Dende a administración local lembran que Mondoñedo é “o berce de grandes mestres da literatura e da poesía” e, neste senso, lembran a convocatoria non só do premio de poesía que honra a Díaz Jácome, senón tamén o premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro.”

Martiño Maseda gaña o premio de poesía Leiras Pulpeiro

Desde Sermos Galiza:
“Con Mapa de xeografía emocional, Martiño Maseda (Vilalba, 1970) acaba de se facer co premio de poesía Leiras Pulpeiro. 1.500 euros, placa e diploma conforman un galardón que convoca o Concello de Mondoñedo coa colaboración da Deputación de Lugo.
O Leiras Pulpeiro, que atinxiu a súa sétima edición, outorga ademais outras dúas distincións. O segundo premio levouno Alberte Momán (Ferrol, 1976) por 1(41)1 -dotado con 600 euros-, e o terceiro, Xurxo Alonso (Bos Aires, 1956) por Documentos do escribinte -300 euros.
O xurado do Leiras Pulpeiro formárono Armando Requeixo, Áurea Ramil e José María Felpeto. O Concello de Mondoñedo anunciou que, en 2019, publicará un libro cos poemas dos gañadores e gañadoras das sete edición do certame.”

Amauta Castro obtén a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

“Amauta Castro (pseudónimo literario de Rafael X. Muñoz Castro), nado Euskadi en 1981, obtivo a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Amauta Castro, titulado A tarde. O desacougo de entre 34 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
O autor galardoado é poeta e tradutor. Di que naceu en Euskadi por accidente, fillo dunha galega e un andaluz emigrados na marxe esquerda do Nervión. Criouse en Vigo pero, en 2004 emigra por razóns de traballo a Salt (Girona) onde actualmente reside. Participou en diversas publicacións colectivas e antoloxías como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Andar21, O Ollo Público, O poliedro da soidade ou a Revista Ligeia. Ten colaborado co suplemento “Altermundo” de Galicia Hoxe. Levou a súa voz a diversos festivais e acción poéticas coma o “X Festival de Poesía a les Caves” (Sant Sadurní d’Anoia) e o “Proxecto Catalitzador 2013” (Barcelona). En 2017 resultou gañador do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro.
A entrega do premio terá lugar o próximo sábado 17 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Manuel Forcadela, Berta Dávila e Míriam Ferradáns.”

Mario Regueira gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde La Voz de Galicia:
Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o gañador da 13.ª edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado en Malpica pola asociación Caldeirón, co apoio do Concello. O seu traballo, Marco Livornio, foi seleccionado polo xurado de entre os vinte que concorrían, e o seu nome, como premiado, foi dado a coñecer durante a Cea das Letras celebrada na Casa da Cultura de Seaia, onde tamén se presentou a obra gañadora da edición pasada, Diáspora de amor balea, de Andrea Nunes e María Rosendo. Previamente, Xabier Xil presentara o seu libro Detéxtonos.”

No interior do vento, de Xurxo Alonso, gaña o XXII Premio de Poesía Avelina Valladares

Desde Fervenzas Literarias:
“O poeta vilagarcián Xurxo Alonso vén de gañar o XXII Premio de Poesía Avelina Valladares, que organiza o Concello da Estrada dende o ano 1997, polo seu poemario No interior do vento. Alonso recunca co Avelina Valladares, que xa acadara no ano 2000 co seu libro Dime, Alexandría.
O xurado desta edición estivo composto por Guadalupe Porto, Neves Soutelo, Rosalía Morlán e David Otero, actuando como secretaria do mesmo Dolores Araújo.
O xurado, que seleccionou No interior do vento gañadora do XI Certame por maioría, destacou que se trata dun poemario cun interesante uso da linguaxe onde a explosión expresiva persegue a coherencia. Harmonía a diferentes ritmos onde a singularidade motiva a construción comprensiva dende a diversidade temática dos poemas e na que os versos demandan a complicidade lectora. En resumo, un vento con contido para que a lectora e o lector sexan quen de lle dar a forma precisa. (…)”

A escritora Eli Ríos gaña o Premio González Garcés de poesía con Ningunha tortilla é mala

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Eli Ríos é a gañadora da 29ª edición do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña coa súa obra Ningunha tortilla é mala. Silvia Penas, con Subministro, é a finalista do certame.
O xurado composto por Vicente Araguas, Emma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde como gañadora da edición anterior, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de sección, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optou por Ningunha tortilla é mala, de Eli Ríos, como gañadora do Premio González Garcés de poesía entre os 92 orixinais presentados ao concurso. Como finalista, o xurado escolleu o libro Subministro da poeta Silvia Penas.
O xurado destaca que na obra de Eli Ríos, “hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística” e nela atopan tamén “humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira”. “O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo lingüístico no que se vale dunha estética do silencio”, apunta o fallo do xurado que fala dunha obra “moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo.
En canto á obra de Silvia Penas, o xurado apunta que “reflexa a poesía do cotián, co pano de fondo do mundo do traballo das mulleres; o texto utiliza o humor, atemperado pola boa linguaxe poética e pode considerarse unha actualización do mito da torre de marfil na que vivían os poetas”. (…)
O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña dentro da colección do Premio González Garcés.”

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.”