Carlos López gaña o XL Certame Literario Concello de Vilalba

Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Vilalba entregou os seus premios de poesía, que neste 2014 chegaban a súa XL edición, converténdose deste xeito nun dos máis lonxevos do panorama literario de Galicia.
No acto entregáronse os premios da edición anterior a Pablo Bouza, por Os privilexios dos somnámbulos, como gañador; e a Rafael Catoira, por Navegando cara a Ítaca, como finalista do XXXIX Certame Literario do Concello de Vilalba.
Para esta cuadraxésima edición o xurado do Certame, formado por Darío Villanueva, José Jesús Ramos, Fidel Fernán Vello, Xulio Xiz e José María García-Leira, actuando como presidente, decidiron outorgar por unanimidade o primeiro premio a Carlos López Fernández, pola súa obra Abrindo fiestras en carne viva. Como obra finalista quedou o poeta María Isabel Vázquez Rodríguez, que presentou a súa obra titulada Cinza de estrelas.
Tanto Carlos López como María Isabel Vázquez, ademais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, verán os seus poemarios publicados pola editorial Alvarellos, que leva dúas edicións editando os traballos gañadores.”

Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, gañador do 2º Premio Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente, comunica que onte, día 11 de xullo do 2014, reuniuse o xurado do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas María Canosa, María Lado e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, que resultou ser da autoría de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.
Na acta do fallo o xurado salienta a estrutura e forma do libro, un contido fresco e versos con moito simbolismo. Destaca así mesmo o ritmo da composición e que o libro ten un fío condutor consistente, e iso facilita a lectura.
O premio será entregado o día 19 de Xullo dentro nun acto que se abrirá coa actuación do grupo de Pandereteiras Abaladeiras de Muxía, a continuación impartirá unha conferencia o escritor e patrón da Fundación, Xosé Luís Méndez Ferrín, sobre a obra de Gonzalo López Abente, que será presentado por X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente da Fundación. Continuará coa entrega do premio na que participaran Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, e María Canosa e María Lado en representación do xurado. E pecharase o acto coa actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca de Muxía.
O premiado Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, recibira como premio a cantidade de 2000 € e unha escultura da artista Viki Rivadulla, secretaria de Fundación. O libro será editado por Edicións Xerais de Galicia.
Laureano Xoaquín Araujo Cardalda (Berna – Suíza 1964) é profesor de Alemán de ensino secundario en Santiago de Compostela. Tradutor, tendo traducido ao galego entre outras obras A morte en Venecia de Thomas Mann e Opinións dun pallaso de Heinrich Böll. É doutor en ciencia política e licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. E ten publicado e ditado conferencias sobre ensino, sociolingüística e tradutoloxía. Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, será o seu primeiro libro de poemas editado.

O colectivo galego no País Vasco premia un poemario de Concha Blanco

Desde GlobalGalicia:
“A escritora ceense Concha Blanco non deixa a actualidade literaria nin no verán. Á súa nómina de galardóns acaba de sumar o primeiro premio do certame poético Anduriña voandeira convocado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi.
Blanco presentouse ao concurso con A mentira é un tirizó, «un conxunto de versos, de metáforas continuadas que reflicten a desolación dun sector de poboación debido ás circunstancias sociais que se están a vivir». A entrega dos galardóns celebrouse o domingo 29 de xuño, pero a ceense non puido acudir.”

Mário Herrero gaña o II Premio de Poesía Figurante

“O xurado do II Premio de Poesía Figurante, reunido o 26 de xuño de 2014, decide, por unanimidade, premiar a obra presentada baixo o título Da vida conclusa, pertencente a Mário J. Herrero Valeiro.
Salientar desta obra, o dominio da linguaxe poética, alentada pola profundidade coa que nos achega á experiencia vital dun protagonista, tan próximo como universal, marcado polo estigma das imperfeccións dunha sociedade decadente. Podemos describir a súa escrita pola intensidade e a proximidade do seu discurso.”

Acta do xurado do I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes

“Cando son as 18 horas do día 3 de xuño de 2014, reúnese no Centro Recreativo de Artes o xurado do I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes, formado por: don Manuel Cartea Gómez, dona Alicia Padín Otero e don Antonio Piñeiro Fernández, actuando como secretario don José Antonio Otero Sobrido coa única intención de emitir o veredicto deste concurso, e deciden de común acordo os seguintes puntos.

1º- O xurado valorou a cantidade e diversidade de obras presentadas, con estilos diferentes nas diversas categorías contempladas nas bases do concurso e agradece a participación de todos os autores e autoras, así como a organización deste concurso, xa que contribúe a dinamizar e potenciar a literatura e a lingua galega.

2º- Logo de lidas todas as obras presentadas neste concurso, co necesario consenso do xurado, as obras que se determinan premiadas son as seguintes nas distintas categorías:
– 1ª Categoría: autores de 9 a 11 anos.
Primeiro Premio: A noite.
Segundo Premio: A miña vida.
Terceiro Premio: A cegoña.
Abertas as plicas o nome dos autores resultou ser:
1º: Abel Sanlés Rivas.
2º: Miriam Pérez Pérez.
3º: Lucía Oujo Santos.
– 2ª Categoría: autores de 12 a 14 anos.
Primeiro Premio: Verbas sen son.
Segundo Premio: Cando chega a primavera.
Terceiro Premio: A liberdade esquecida.
Abertas as plicas o nome dos autores resultou ser:
1º: Pablo Pardavila Romero.
2º: Noelia Santiago Durán.
3º: Clara Romano Vilar.
– 3ª Categoría: autores de 15 a 17 anos.
Primeiro Premio: Oposicións para poeta.
Segundo Premio: Deserto.
Terceiro Premio: Deserto.
Abertas as plicas o nome dos autores resultou ser:
1º: Sabela Rodríguez Reino.
2º:
3º:
– 4ª Categoría: autores de 18 anos en diante.
Primeiro Premio: O pracer.
Segundo Premio: Diario de fotogramas.
Terceiro Premio: Inventario do devezo.
Abertas as plicas o nome dos autores resultou ser:
1º: Gonzalo Hermo González.
2º: Eli Ríos.
3º: Alicia Fernández Rodríguez.

3º- O principal criterio polo que foron seleccionadas as obras citadas é o seu alto nivel literario, o que contribuíu a un intenso debate ata decidir as gañadoras.
O xurado quere valorar expresamente na 1ª e 2ª categorías a alta participación do Colexio Bayón e a boa calidade da expresión dos seus participantes.
Na 3ª categoría o xurado considera que se trata dunha obra de gran calidade, e confía en que esta escritora, aínda nova, continúe o seu traballo para poder seguir lendo a súa poesía ao longo dos anos.
En canto ás obras da 4ª categoría quere o xurado facer constar as seguintes razón para premialas:
3º Premio: Inventario do devezo.
Pola orixinalidade da proposta, conectada con tendencias poéticas que o autor coñece e deixa acaer. Engade unha innovadora riqueza poética co emprego dos sons, imaxes fonéticas e mesmo o uso de termos estranxeiros, formais e non formais, ofrecendo unha sensación de conversa entre culturas a través dun diálogo entre corpos.
2º Premio: Diario de fotogramas.
Pola entoación do ser (o poético e o persoal) no seu contorno. Pola delicadeza descritiva á vez que autoafirmativa, que se acompaña en ocasións dunha intencionalidade comprensiva, máis propiamente celebradora.. Achega un punto de chamada ás raíces, aos berces paisaxísticos, aos protagonismos transcorridos e aos desexos de que perduren.
1º Premio: O pracer.
Polo dominio do oficio en todos os seus aspectos, pola súa fluidez poética. Ofrece unha lectura alén do tema (a sensualidade no cotián). Polo contido sutilmente insinuante clásico poético. Achega unha sensación de frescura que o xurado quere distinguir das outras dúas obras premiadas tras un intenso e argumentado debate.

4º- A decisión do xurado comunicarase no día de mañá, se é posible, aos autores e ás autoras galardoados solicitándolles que garden o segredo ata o momento de facelo público.

5º- A entrega pública do premio ás persoas galardoadas terá lugar o vindeiro sábado 28 de xuño no Centro Recreativo de Artes. Neste mesmo acto daránselles a coñecer aos medios de comunicación e á cidadanía os título das obras e autores premiados.

Sen máis asuntos que tratar, asinan cada un dos membros que forman o Xurado do 1 Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes, estendéndose a presente acta da que eu, como secretario certifico.

Asdo. Manuel Cartea Gómez

Asdo. Alicia Padín Otero

Asdo. Antonio Piñeiro Fernández

O Secretario
Asdo. José Antonio Otero Sobrido”

Carlos Penela gaña o XVII Premio de Poesía Miguel González Garcés, sendo designado Baldo Ramos como finalista

Carlos Penela, vigués do ano 1975, é o gañador da XVII edición do Premio de poesía Miguel González Garcés que convoca a Deputación da Coruña.
Así o decidiu o xurado, reunido o xoves 19 de xuño na sede da institución provincial, tras valorar “o rigor na elobración do conxunto, a súa capacidade de reflexión metapoética e de aprehensión do mundo pola linguaxe, con moi suxestivas referencias culturais da tradición europea”.
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Arte de fuga, é licenciado en Filoloxía portuguesa pola USC e actualmente vive en Viena. Ademais de escribir, dedícase tamén á tradución e á docencia.
Entre o seu currículo destacan o Premio Espiral Maior de Poesía en 1997, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2000 ou o accésit do Premio Esquío de poesía no 2004. Ademais, no ano 2007 gañou o Premio de poesía Caixanova coa obra Sombras, rosas, sombras.
Agora, como gañador do Miguel González Garcés, recibirá 6.500 euros e a edición da obra.

Os membros do xurado decidiron tamén designar como finalista ao poeta e artista plástico de Celanova Baldomero Fernández Ramos, coñecido como Baldo Ramos, pola obra Amado estranxeiro. Este último será recoñecido coa edición dunha obra que, segundo reflexa a acta de concesión do premio, destaca “pola súa capacidade de sorpresa no uso da imaxe, pola perspectiva equilibradamente visionaria e o seu sentido rítimico”.
O xurado do premio de poesía que convoca a Deputación estivo presidido por Mariel Padín, vicepresidenta primeira da institución e responsable da área de Cultura, e comisariado por Xavier Seoane. Tomaron parte tamén nas deliberacións Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramón Neto, Henrique Rabuñal, Manuel Forcadela e Alexandre Nerium.

Xavier Rodríguez Baixeras, Premio Cidade de Ourense con A luz extinta

Desde Sermos Galiza:
A luz extinta é o título do libro que lle valeu ao escritor Xavier Rodríguez Baixeras a trixésima edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense. Un xurado composto por Amadeu Baptista, Irene Veiga Durán, Miguel A. Fernán Vello e Millán Picouto destacou a “precisión formal na construción do poema” que mantén unha “tensión elexíaca” e leva a “lingua a unha decantación extrema”. Rodríguez Baixeras constrúe un novo libro arredor da memoria e a experiencia vital, “un discurso lírico que procura en todo momento a emoción do lector”, dixo. (…)”

Fallo do II Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María

“Hoxe, 24 de maio, na Casa Galicia en Gipuzkoa fíxose público o fallo do II Certame de poesía en lingua galega Manuel María. O xurado composto por Xosé Estévez, Paulo Lema, Rocío Dourado e Miriam López como secretaria sen voz nen voto acordaron que os premiados foran os seguintes:

1º premio: Cruz Martínez Vilas (Vigo). Obra: O lánguido ocaso dunha dalia.
2º premio: Pura Tejelo (A Coruña). Obra: Éramos deuses entre a herba seca de agosto.
3º premio: Tito Pérez Pérez (A Coruña). Obra: Despece.

Eli Ríos gaña o XVIII Certame Francisco Añón de poesía

Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral

“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”