Diana Kurich recibiu o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas nunha emotiva Cea das Letras

Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”

Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”

Gisela Mato Rivera obtén a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, obtivo a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades, de entre 74 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio. (…)
O xurado deste ano estivo composto por: Tamara Andrés, Oriana Méndez e Sara Plaza.”

Advertencias para un traxecto boreal, de Natalia Alonso Ramos, gaña o III Premio de Poesía Filomena Dato

Desde A Coruña na rede:
“Natalia Alonso Ramos resultou gañadora do III Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo co poemario Advertencias para un traxecto boreal. O xurado valorou do texto “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes de grande potencia poética e cheas de contido, a tenrura e a perspicacia”.
O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bergondo acolleu a deliberación do xurado que estivo composto por: Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Elvira Ribeiro Tobío, Tamara Andrés Padín e Dores Tembrás como vogais.
O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega. (…)
O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario ganador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía. (…)”

Beatriz Dourado gaña o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“«Beatriz Dourado naceu en Barcelona pero é de Lugo, porque os de Lugo nacen onde queren». Así introducía Anxo Baranga —o conductor da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán— á que despois se revelaría como a gañadora do certame deste 2022. O seu poema, Ancorar toda esta auga, foi o escollido polo xurado entre as máis de cento setenta propostas recibidas.
A entrega do galardón estivo a cargo de Emilio Vega, o único membro do xurado que onte estaba presente no Teatro Lauro Olmo do Barco. Os cinco restantes, non acudiron por diferentes circunstancias e mandaron vídeos celebrando que existise o certame e saudando ao público e aos finalistas. Entre eles, tamén faltaron dous ao evento, Fran Fernández Davila, a quen representou un amigo no acto, e Lois Pérez.
Estas ausencias arrancaron as bromas de Baranga, quen tirou de retranca convidando aos presentes a apostar: «O seguinte veu ou non? Que credes?». En todo caso, quen si estivo foron a premiada, Beatriz Dourado e as outras dúas finalistas, Ana Barja e Patricia Carballal, que tamén leron os seus poemas no escenario e recibiron o trofeo de finalista co rostro de Florencio de mans dos alcaldes da comarca, do Instituto de Estudos Valdeorreses e da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo.
Ademais da creación poética contemporánea, a outra protagonista da velada foi a comunidade educativa, moi activa neste ano de Florencio e a quen se lle quixo recoñecer a súa implicación na promoción das Letras dándolle un lugar especial no acto. (…)

Ismael Ramos gaña o Premio de Poesía Miguel Hernández

Desde Nós Diario:
“Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou a súa obra “pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”.
Aliás, o xurado sinalou que, como “bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro”.
Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).
En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de ‘As Librarías Recomendan’.
Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.”

Ledicia Costas gaña o Premio de Poesía Afundación con Ultraluz

Desde La Voz de Galicia:
Ledicia Costas, coa súa obra Ultraluz acadou a vixésima edición do Premio de Poesía Afundación entre os 32 orixinais que se presentaron. O xurado resaltou que o poemario da escritora viguesa, segundo recolle a acta, «é un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha clara vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».
A elección dos versos gañadores desta edición do premio que convoca Afundación xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia estivo moi igualada, resaltaron desde o xurado. Unha das cuestións que decantou a balanza cara a obra de Ledicia Costas foi que se trata dunha «poesía moi limpa, moi depurada. Ademais, prevaleceu que se trata dun libro que pode achegar lectores e lectoras á poesía», salientou Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e do xurado que se reuniu este xoves en Santiago, que estaba formado tamén por Xabier Castro, Ánxela Gracián, Estíbaliz Espinosa e Luciano Rodríguez.
Ultraluz, que foi presentado baixo o lema de “Kodama”, constitúe unha «aposta valente e fresca porque as referencias á ciencia ficción e o anime non son tan comúns na poesía e o libro gañador levounas moi ben a un terreo fácil de ler, que introduce elementos do mundo infantil, do mundo dos contos, pero nunha visión adulta, con luces e sombras, con madurez», salientou Estíbaliz Espinosa. Ultraluz, profundaron os membros do xurado, «é unha fantasía no bosque, un bosque que ten frescor e madurez». O traballo galardoado, segundo incidiron, «é algo novidoso e desmárcase do resto de traballos que se presentaron».
O galardón de Afundación implica a publicación do poemario na colección Arte de trobar e conta cunha dotación económica de 6.000 euros. (…)”

A falsa autónoma, de Yolanda Castaño, gañadora do Premio González Garcés

Desde a Deputación da Coruña:
“(…) A obra presentada baixo o título A falsa autónoma, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Yolanda Castaño, é a gañadora do XXI Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado, que se reuniu na mañá do 28 de setembro, estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sanches Arins, Ismael Ramos e Daniel Asorey –este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez-, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz.
No seu informe, o xurado valorou “o tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no eido laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero”.
Indica, ademais, que considera “positiva a orixinalidade do tema, escasamente abordado na poseía galega.” No plano formal, salienta “a ironía no discurso, as referencias meta-literarias e a pericia na construción do poema” (…)”