Carme Varela álzase co XXV premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns, cos XIV Barriga Verde para monicreques

Desde a Xunta de Galicia:
“Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios que a Xunta convoca bienalmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente. O XI Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto.
Para celebrar esta vixésima quinta edición do que é o galardón literario máis lonxevo de todos os do seu ámbito en Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade incrementou ata os 8000 euros a dotación económica para a obra gañadora do Álvaro Cunqueiro, mentes que os outros dous galardoados recibirán 6000 euros en cada caso. Ademais, estes certames comparten o obxectivo de estimular a creación literaria para teatro en galego e contribuír á súa maior proxección social, de xeito que as bases contemplan tamén a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Xunta mantén xunto con varias editoriais galegas.
Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Fefa Noia e del formaron parte como vogais Carmen Armesto, Carlos Biscaínho, Paula Carballeira, AveLina Pérez e Larraitz Urruzola. Para a emisión do seu ditame, valoraron os 107 textos presentados, dos que 50 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 22 ao Manuel María e 35 ao Barriga Verde (20 na modalidade infantil e 15 na de adultos).
O galardón para Carme Varela (Duomes de Arriba, A Baña, 1970) recoñece, en palabras do xurado, o “traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, amosan unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, ao tempo que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos”.
Como explica a propia autora, As desterradas xorde da idea de escribir un texto teatral para unha das actividades da asociación do patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, da que Carme Varela forma parte desde a súa fundación. A obra conta os últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente, adentrándose no enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual. Trátase, pois, da historia de resistencia deste pequeno grupo de relixiosas, que constituía unha reserva de independencia feminina fronte aos grandes poderes do seu tempo, a Coroa e o Papado, e que finalmente foron desposuídas das súas terras e dos seus bens.
Na súa modalidade para público adulto, o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques recaeu en Esther F. Carrodeguas por República Sideral, unha “farsa esperpéntica” que tamén ten unha inspiración histórica. Neste caso, a autora parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia, como foi a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934, e bota man do deostado teatro da cachaporra para propoñer unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.
O xurado salienta o humor deste texto e a boa caracterización dos personaxes, así como a “potencialidade escénica e a súa adecuación á modalidade do premio, cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles -con concreción dos obxectos empregados nun deseño dos movementos moi limpos- e réplicas sinxelas mais mordaces, polo que resulta idóneo para propiciar un diálogo interxeracional sobre feitos históricos”.
Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966) volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Desta volta, obtivo o Barriga Verde na modalidade para rapaces co texto Pois eu!, unha proposta metateatral, da que o ditame subliña a calidade da escrita dramática.
Segundo o xurado, a obra artella diferentes tramas que, con gran sentido rítmico, remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política. Ademais, inclúe o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos e integrándoo no conflito de maneira transversal.”

XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores

Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal:  Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.

DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos  conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou:  tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.

PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu  o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”

Carlos Labraña gaña o II Premio Platta – Galicia 2020

Desde Erregueté:
Carlos Labraña é o gañador do II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia coa peza Descociñando. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.
O xurado –composto por María Armesto, José Breijo “Topo” e Mercedes Pardavila, actuando de secretario con voz pero sen voto Xoán Carlos Riobó, da erregueté– valorou de xeito especial “a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do peronsaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama”.
Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.
O Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués).”

José Luís Baños De Cos gaña o III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020

Desde Galaxia:
“A obra gañadora do III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020 é A cámara escura.
O mércores 23 de setembro, ás 12:00 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020. O gañador José Luís Baños De Cos, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), a alcaldesa Eva García de la Torre, a concelleira de Educación, Lourdes Moure e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
O xurado, formado polo dramaturgo Zé Paredes, Delio García, en representación IES Ribeira do Louro, Inma López Silva, en representación de Editorial Galaxia, e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que, alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade. A temática é tamén de actualidade e sen didactismos, e preséntanos cuestións que poden ser de índole filosófica. É un texto actual e eminentemente teatral, xa que se lle pode sentir o pulso da escena.” (…)”

A MIT de Ribadavia outorga o premio de honra a Marta Pazos

Desde Nós Diario (foto: Miramemira):
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de anunciar que Marta Pazos, directora artística e de escena de Voadora, será recoñecida nesta edición co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas. A MIT de Ribadavia, que se celebrará do 17 ao 27 de xullo, renderá homenaxe a unha profesional que define como “unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo” e que, co seu labor, “propiciou a consolidación dun equipo interdisciplinar no que priman a música e a suxestiva plástica escénica como principais sinais de identidade”.
“Este premio é a constatación dos valores que fomos descubrindo, do acompañamento que este festival foi realizando, das portas que nos fomos axudando a abrir e do moito que lle queda por voar a esta creadora galega universal”, apunta a dirección da MIT nun comunicado. Neste senso, a organización do encontro escénico salienta “a actividade crecente, as investigacións constantes na linguaxe artística contemporánea e a fulgurante proxección de Marta Pazos”, que se manifestan “na cantidade de convites que recibe para dirixir, estrear ou coproducir proxectos con diversas institucións de prestixio no ámbito escénico coma o CDG, CDN, Festival de Almada ou o Teatro Español”.
Pola súa banda, Pazos agradeceu o recoñecemento e definiu a mostra como “moito máis que un festival ou punto de encontro”. “A MIT é unha casa á que volver e da que sempre saímos renovadas polo cariño, apoio e os novos horizontes que abren”, sinala, ao tempo que lembra que o festival, nos últimos anos, coproduciu dous espectáculos de Voadora que naceron a partir de textos de William Shakespeare: Soño dunha noite de verán e A Tempestade. Ao fío, Pazos avanza que o espectáculo que fechará esta triloxía de pezas clásicas, Othello, tamén será coproducida coa MIT e basearase na posverdade e nas violencias machistas.”

Raúl Dans gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais

Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.”

Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.
O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola “forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural”. Considera que o poemario se converte nunha “vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías”.
“Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética”, conclúe o xurado. (…)
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eduardo Estévez e Francisco Valeiras. “

Unha obra de Xavier Lama sobre policías infiltrados nos movementos sociais, premio Laudamuco de teatro

Desde Sermos Galiza:
Na miña alma ouvea un lobo é o título da peza coa Xavier Lama (Guntín, 1962) gañou a primeira edición do premio Laudamuco de teatro, organizado polo Concello de Brión. Baseada en feitos reais, trata da infiltración de policías nos movementos sociais ingleses. O texto, publicado por Edicións Positivas, acaba de chegar ás librarías.
“Esta é unha obra de ficción conectada cunha casuística real que ten a súa orixe na Gran Bretaña”, explica o autor nunha nota introdutoria, “en 2011, no xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos: uns 80 policías realizaran labores de espionaxe utilizando a identidade doutros tantos nenos mortos”.
A infiltración policial, desenvolta entre 1969 e 1994, sucedeu en agrupacións ecoloxistas, antinucleares ou nas denominadas “antisistema”. E chegou a tal punto que “polo menos 40 mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos”.
O xurado do Laudamuco conformárono Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín. Salientou de Na miña alma ouvea un lobo “a capacidade do autor para explorar con notable eficacia dramática a través de sucesos e personaxes tomados da realidade zonas escuras de funcionamento dos Estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”.
As “potencialidades escénicas” dunha obra estruturada en pequenas escenas foi outra das características destacadas, xa que “favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.
O premio Laudamuco recolle o seu nome da peza de Roberto Vidal Bolaño Laudamuco, señor de ningures, estreada o 16 de maio de 1978 e considerada unha das primeiras funcións profesionais do teatro galego. Está dotado con 7.000 euros e a edición en libro da obra da man de Positivas.”

A obra Amorodo agre, de Fernando Castro Paredes, gaña o XIX Premio de Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“Coa súa obra Amorodo agre, o escritor e profesor Fernando Castro Paredes converteuse en gañador do XIX Premio Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O autor é profesor no IES Fernando Blanco de Cee, traballa no ámbito do teatro escolar e afeccionado e gañou, entre outros, o Varela Buxán e Vidal Bolaño de textos teatrais.
Un xurado composto pola actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor, investigador e especialista en Arte Dramática, Carlos Vizcaíno Fernández, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Ernesto Is, escolleu por unanimidade entre as 46 presentadas a obra Amorodo agre que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Fernando Castro Paredes.
O xurado destaca a “elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza”. O fallo do premio valora tamén a “traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos que fan que a acción avance con tensión dramática até o remate”. Á hora de escoller a obra poñen en valor tamén a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas. (…)”