“Por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG”

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:

“A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.
A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden desfrutar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas.
Resulta alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego.
En canto á conveniencia de actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, desprézanse os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG.
Sr. Sánchez Izquierdo, Director Xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza
Sr. Román Rodríguez Rodríguez , Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

Queremos Galego 2020: “Este 17 de maio defendemos o galego desde xanelas e varandas”

Desde Queremos Galego:
“Este 17 de maio, malia todas as limitacións, voltamos a ter unha cita para que o galego non siga confinado.

Todo o día:
Pendura a bandeira galega da túa xanela ou varanda e os cartaces disponíbeis aquí (tamén para pintaren as nenas e nenos).

Ás 12 h:
Maniféstate nas redes con mensaxes escritas, vídeos, fotografías, audios… utilizando as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego

Ás 13 h:
Sae á xanela a cantar: A fala (letra: Manuel María; música Uxía-Sérgio Tannus)”

Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

Desde Queremos Galego:
“Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.
Fíxose, desde a mal chamada autonomía, o contrario do que a lingua galega precisaba. Ela, a lingua galega, necesitaba un constante e sostido exercicio de uso promovido desde os poderes públicos, desde todas as institucións; unha promoción atenta ao uso xurídico, ao uso comercial, ao uso eclesiástico, ao uso mediático, ao uso administrativo, ao científico, ao publicitario, ao uso cultural en xeral, ao audiovisual e cinematográfico, ao de novas técnicas de comunicación e difusión… Un exercicio de construción e de avaliación de resultados, para, sobre a marcha, irmos corrixindo e innovando todo o que fixer falta. O que vostede expresou tan ben no título dun artigo que case ten cuarenta anos: “O uso do galego para todo”. Tal necesidade non se atendeu; antes ben, desprezáronse as actividades, o combate pro-galego, a mobilización cívica de tantas e tantos galegos a prol de poderen viver con normalidade en galego, as 24 horas do día e os 365 días do ano, nen máis nen menos que en calquer lingua das que definimos como normais na sociedade respectiva.
Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade, isto é, a de todas e todos nós, galegas e galegos, que nos recoñecemos no povo do mesmo nome e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un deber inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor dignificador da lingua, amándoa con obras e non só con palabras que leve o vento. Este espello de responsabilidade querémolo ter sempre presente. Se a cuestión da lingua non se menciona especificamente como tal, creamos a impresión de que xa non precisa unha acción permanente ou, aínda pior, de que nos conformamos resignadamente co que hai: a compracencia na subordinación, na pequenez, na domesticidade mal entendida, na limitación vista como natural e inevitábel. O que vostede denominou “unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha lingua ferida de morte”. Así se pronunciaba vostede hai case cuarenta anos, e isto é mesmamente o que queremos conxurar de vez.
Unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos. Para isto precisamos que todas e todos os nosos compatriotas a sintan, a pensen e a practiquen como sinal irrenunciábel, como sacramento conferidor de personalidade, de todos nós, povo galego.
Don Ricardo, a persoa e obra de vostede foinos –e énos– axuda imprescindíbel nesta tarefa colectiva. Temos na lembranza unha súa intervención pública memorábel: foi, xustamente, a que clausurou o encontro sobre os problemas e as necesidades da nosa lingua de que derivou a constitución da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Tal aconteceu en Compostela, en Abril de 1986. Desde aquela data a hoxe, queremos comunicarlle que as nosas demandas, as nosas reclamacións, a nosa loita pro-galego foi ratificada e corroborada por non poucos organismos internacionais, desde a UNESCO até a propria ONU, pasando por diferentes instancias europeas. Todo isto nos conforta, mais, naturalmente, o campo de ampliación e de dignificación da nosa lingua seguímolo tendo aquí, na Galiza. Somos nós, galegas e galegos, os lexítimos proprietarios da nosa lingua. Somos, igualmente, os responsábeis de que ela perviva non como unha reliquia ou un monumento literario senón con toda a práctica que aínda lle falta: para a vida de todos os días, para toda a sociedade, para a fala e a escrita, para ouvila e para lela de forma xeral, para non ter que a procurar, cal detectives, en cápsulas controladas.
Conceder dereitos con tal de que non se exerzan é artificio cínico e malsán. Nós queremos exercelos con toda a consciencia e con todas as consecuencias prácticas e visíbeis. Como vostede indicou: Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano. Esta é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma. Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.
Neste Día das Letras Galegas, a vostede dedicado, manifestámoslle o noso afecto, a nosa memoria agradecida, a débeda con vostede contraída, débeda e exemplo que queremos converter en actos positivos para a lingua que vostede tanto e tan ben tratou e arrequeceu.
A nosa fonda aperta.

María Pilar García Negro
Galiza, Maio de 2020″

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

“Xoán Costa, cos pés na terra”

Entrevista de María Obelleiro a Xoán Costa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coñece de primeira man Carvalho Calero. Que destaca das súas múltiplas facetas? Que supuxo para vostede o contacto de perto con el?
– Xoán Costa (XC): Coñecino primeiro como profesor. Despois traballei con el, sobre todo na definición da revista Agália. Destacaría del, primeiro, o seu pouco afán de protagonismo. Tamén destacaría a coherencia de pensamento, que era total e que nunca o levou a renunciar aos seus principios ideolóxicos, aínda que os tivese que adecuar ás circunstancias do momento. El prefería pór diante de todo a visibilidade da causa que defendía a ser protagonista principal dela. Vese perfectamente nas cartas a Fernández del Riego. Aí deixaba ver como era necesario constituír grupos de presión que influísen na Academia para levala cara a un determinado sentido na defensa da lingua e da literatura ou a idea de influír no sistema educativo coa edición de materiais alén dos clásicos libros de texto. Despois de Agália coincidín moito con el na preparación da edición de Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).
– SG: Participou moi activamente nos inicios da Associaçom Galega da Língua (AGAL), nun momento en que estaba moi candente o debate da normativa. Tamén foi autor de varias gramáticas.
– XC: Cando se fundou a AGAL eu estaba en Lisboa, polo que o meu carné de socio é posterior. Como membro da AGAL estiven na Comisión de Redacción do Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Tamén participei na redacción do Prontuário Ortográfico Galego. Era o tempo en que ten lugar a primeira polémica relativa á norma. O reintegracionismo mantivo unha posición moi forte contraria ás normas ILG-RAG (Instituto da Lingua Galega-Real Academia Galega), posición expresada desde o ponto de vista teórico mais tamén desde o ponto de vista do uso, sobre todo no ensino. Foi ese o primeiro paso do que foi a normativa de mínimos. Case todos os libros de texto que tiveron impacto no ensino foron publicados baixo esa norma da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura, en cuxa primeira asemblea Carvalho pronunciou a conferencia de clausura. Creo que a batalla normativa non se inclinou da parte da norma oficial até que a Administración conseguiu implantala no ensino.
– SG: Desde 2001 preside a AS-PG. Que representa para o ensino galego?
– XC: Sen dúbida ningunha, a AS-PG supuxo poñer diante da sociedade a evidencia de que as galegas e galegos temos particularidades específicas que deben ser representadas no ensino. As orixes da AS-PG remóntanse ás xornadas, interrompidas pola Garda Civil, que se ían celebrar no santuario dos Milagres de Maceda, auspiciadas por Francisco Carballo. Falamos de 1976. De alí xurdiu o primeiro sindicato de profesores de ensino, a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino da Galiza) e a AS-PG, que desenvolveu un traballo centrado primeiramente na formación do profesorado para o adaptar ou o situar nas técnicas pedagóxicas que os tempos demandaban. Tamén se ocupou de traballos máis sociais, como conferencias para pais e nais. Editamos materiais que non foron acollidos por outras editoras, como os libros de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, e discos dos nosos autores e autoras; convocamos concursos de relato oral e de vídeo; organizamos semanas do libro e da lectura. De feito, a primeira xornada de formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o profesorado organizounas a AS-PG en Pontevedra. E a Historia da Literatura Galega. (…)
– SG: Dirixiu Agália nos seus comezos, colaborou en A Nosa Terra, participou do nacemento de Sermos Galiza, onde é presidente do Consello de Administración, ademais de conselleiro delegado. Que representa para vostede o xornalismo galego?
– XC: A miña participación en A Nosa Terra era como representante da AS-PG en tanto que esta entidade formou parte do capital social da empresa. Na Agália asumín a coordinación e a dirección nos primeiros números e agora, Sermos. O xornalismo galego é unha necesidade que este país aínda non asumiu de maneira axeitada. Unha sociedade normal ten que estar informada na súa propia lingua e para iso son imprescindíbeis medios de comunicación que respondan tanto a criterios lingüísticos como a unha óptica galega. No caso galego, non se chegou a cubrir esa demanda, malia que o xornalismo galego arranca no século XIX. Na actualidade aínda estamos carentes dese medio que nos informe a diario e en papel. E digo en papel porque, a pesar de ser a forma máis tradicional, é a que segue a ter máis credibilidade. Estou en Sermos Galiza porque acredito en que é un proxecto imprescindíbel para o desenvolvemento do país. (…)”

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.

Como traballadoras da palabra, as escritoras e escritores en lingua galega non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego.

A falta dunha política verdadeiramente transformadora para a lingua, a nosa principal ferramenta de construción creadora, vese evidenciada máis unha vez polas institucións europeas, como continuidade das diferentes sentenzas xudiciais de ámbito galego que xa anularon algunhas das propostas involucionistas do goberno.

A presenza do galego é insuficiente en varias áreas da comunicación social e o seu incumprimento vén recollido no informe de expertos, mais é especialmente salientábel a recomendación primeira e prioritaria: «Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos».

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere lembrar que a esta situación se chegou por vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística.

Un informe que recibimos a seguir da publicación polo Instituto Galego de Estatística dos datos estatísticos que poñen en evidencia como a nosa lingua perde presenza entre os máis novos, posto que xa o 25% manifesta non saber expresarse na lingua de noso. Resultados que chegan após a imposición do Decreto 79/2010, que contou cunha amplísima oposición social e que, nove anos despois, se demostra como un elemento que non impediu os retrocesos e, por suposto, non supuxo ningún avance.

Somos traballadoras da palabra de noso que leva apegada nela a memoria colectiva e como tal reclamamos que as autoridades atendan co debido respecto as advertencias do Consello de Europa.

Entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia, após ser recriminado publicamente con tal contundencia e claridade. No entanto agardamos que polo menos sirvan para mudaren o camiño que nos leva á extinción lingüística e cultural.

Por iso a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega considera que cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias, para camiñarmos cara á galeguización do ensino como paso imprescindíbel para frear o descenso do uso da nosa lingua e recuperar o seu uso, así como garantir o seu futuro.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
19 de decembro de 2019