Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim (Nin en soños vou perder a miña lingua), de Sechu Sende, foi elixido en 2010 como mellor libro publicado en curdo nese ano. Era a tradución, publicada pola Editorial Avesta, de Made in Galiza, onde xa figuraba un relato co mesmo título. O texto foi convertido nunha obra de teatro polo dramaturgo turco Mehmet Atak. O resultado é Merheba, que se representou o xoves 29 de xaneiro en Estambul, e que xa esgotou os billetes. O texto xa fora adaptado hai uns anos nunha curtametraxe, realizada pola Editorial Avesta.
A obra, segundo destaca o propio Atak, céntrase en dúas grandes liñs argumentais: a primeira “a prohibición das linguas maternas realizadas por tiranías militaristas (coma os casos do galego, o vasco ou o catalán en España durante a ditadura franquista, ou do curdo, o armenio e o grego en Turquía”. A segunda é a constatación de que “cada lingua sitúase ela propia como centro e construtora de xerarquías, de marxinacións e é terriblemente patriarcal. A través da linguaxe constrúese constantemente unha enxeñaría social dominada polos homes”. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Manuel Núñez Singala: “Os galegos usamos os preconceptos contra nós mesmos”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Manuel Núñez Singala en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Instrucións para tomar café recompila relatos curtos cuxa temática é común en cada unha das partes nas que se divide o libro. Nace xa o volume coa estrutura co que finalmente saíu?
– Manuel Núñez Singala (MNS): Xa me gustaría! En realidade, o que fun facendo ao longo do tempo, durante varios anos, é escribir relatos. Vas acumulando e chega un momento no que te dás conta de que existe certa unidade na preocupación, no tema, no contido. Aí nese momento pode que escribas algún relato a mantenta para incluílo na mesma liña e que descartes algún que finalmente non encaixan.
– B: O relato é un formato buscado?
– MNS: Non. É a historia a que se vai colocando en cada dimensión. Ás veces non aparece o tamaño así de primeiras. Na novela que estou escribindo arestora todo parecía indicar que o tema daría para un relato de dez follas. E pouco e pouco foi pedindo máis. O que non se pode facer nunca é inflar os textos. Ben ao contrario, hai que traballalos para lles quitar a palla. Recoñezo que ese é un labor que me gusta, moldear as historias para puílas, para que realmente parezan acabadas. (…)
– B: No seu libro, o humor é algo máis ca un recurso narrativo, parece un mecanismo de coñecemento.
– MNS: O humor é o lubricante que permite que ao lermos determinadas cousas sobre nós mesmos, poidamos parar un minuto e pensar: “Isto é así”. En Galicia o humor é especial, funciona cuns códigos que nós comprendemos e que nos serven para decatarnos de que moitas cousas son certas. Se esas mesmas cousas, defectos ou teimas, por exemplo, apareceran nun ton máis ríspido, pois quizais habería unha posición de resistencia, de negación. Mais se o lemos nunha linguaxe á que estamos afeitos e que detectamos como non agresiva, coido que nos é máis fácil recoñecernos e incluso querelas cambiar. (…)
– B: A relación da lingua galega coa literatura popular non é doada.
– MNS: Quizais houbo un momento no que as nosas letras quixeron demostrar que podían ser excelsas e se descoidou o contacto co público porque polo xeral a literatura máis elevada é tamén máis minoritaria. Coido que hoxe iso xa está superado por parte dos escritores e editores; non sei até que punto se decataron do cambio os lectores. O que temos que ter claro é que se queremos que a nosa sexa unha lingua normalizada, cómpre incluírmos todos os xéneros e públicos. (…)”
Xosé Vázquez Pintor: “Esta novela [Antípodas] é un lóstrego na noite”
Betanzos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto e De Liverpool ás Sisargas, de Xabier Maceiras e Fernando Patricio
O venres 6 de febreiro, ás 20:30 horas, no Salón Azul da Aula Municipal de Cultura de Betanzos, dentro das Xornadas Oceánicas organizadas pola A. C. Roxín Roxal, preséntanse Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, e De Liverpool ás Sisargas: a derradeira viaxe do Priam, de Xabier Maceiras e Fernando Patricio, publicado por Embora.
Publicación por entregas de Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en formato dixital
Desde o blogue de Xavier Alcalá:
“Desde o 4 de febreiro publícase por entregas Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en Palavra Comum e Praza Pública, en formato dixital. (…)
Esta revisión de Tertúlia contén unha nova novela interior, O Abrigo do Sol, que non coincide máis que en parte do seu tema básico coa novela interior de Tertúlia: a ben coñecida e reeditada Cárcere verde.
Novidades de Galicia Encantada
“Para celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”
Antonio Tizón: “A novela negra é tamén unha forma de retratar unha sociedade corrupta”
A Coruña: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
O mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase A antesala luminosa, de Antonio Tizón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Juan Carlos Díaz del Valle, Cándido Barral, Rosalía Cotelo e Manuel Bragado.
María Xosé Queizán: “Non estou en contra da fantasía, pero si dos que puideron contar cousas e non o fixeron, desprezando o realismo”
Entrevista de Montse Dopico a María Xosé Queizán en Praza:
“(…) – Praza (P): Na túa visita a Punta Arenas, en Chile, viches unha boneca que che fixo pensar na de A Esmorga de Blanco Amor. Como foi?
– María Xosé Queizán (MXQ): Fun a Punta Arenas dúas veces. A primeira visitei o cemiterio que mandou construír Sara Braun. Despois regresei coñecendo xa mellor a cidade e sabendo máis dos que ían ser os personaxes da novela, que son colonizadores do século XIX. Punta Arenas é un lugar con moita historia. Foi alí onde Magalhães abriu o camiño para pasar ao Pacífico. Despois foi un penal, -que inspirou a miña anterior novela Meu pai vaite matar-, e despois chegaron os colonizadores, que eran xente con moito ollo para os negocios e moita capacidade para buscar a vida. Fun ver a casa de Sara, que aínda que o arquitecto era francés tiña algo da arquitectura inglesa: un boínter, que ademais neste caso estaba exento. Alí estaba a boneca. Vina e tiven a convición de que era a boneca de Blanco Amor. Como sabía que Blanco Amor estivera alí… (…)
– P: A Blanco Amor tamén lle reprochas que non fose quen de deslindar a opresión de clase da de xénero.
– MXQ: Blanco Amor non era feminista, senón máis ben o contrario. Pero é verdade que cando fala da opresión da clase obreira, decátase de que as mulleres son peor tratadas, teñen que traballar máis… Non ve a misoxinia, a opresión de xénero, pero é certo que por exemplo en A Esmorga as mulleres non saen mal paradas. As mulleres prostituídas non están desprezadas: son mulleres enteiras… Tamén aparece a moza violada… (…)
– P: A novela tamén ten bastante de relato da decadencia dun estamento social, -o que queda da nobreza-, e de ascenso da burguesía. O pai de Aurelio Andrada é conservador. Os avós, socialistas, coma el.
– MXQ: Si, son os restos do Antigo Réxime, fronte ao ascenso da burguesía. Para contar isto, ademais, non me servía falar de nós. Porque aquí a burguesía que houbo eran os cataláns que se instalaron nas Rías Baixas, os maragatos e casteláns que chegaron a Ourense… E iso foi determinante para o futuro da lingua. Que sexamos un país de pequenos propietarios rurais tivo consecuencias para o avance económico, social e cultural. (…)”
Taboleiro do libro galego XXX (xaneiro 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí o “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de xaneiro de 2015. Grazas, nesta ocasión, a un total de doce librarías galegas colaboradoras como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
2º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
3º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
6º-. A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, Galaxia.
7º-. Flash-Back 13, de Ramón Caride, Urco Editora.
POESÍA
1º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
3º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
4º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
5º-. Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. Livros que nom lê ninguém, de Isaac Lourido, Através Editora.
3º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
4º-. De Beiras a Podemos, de Anxo Lugilde, Meubook/Praza.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
2º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
3º-. O veleno da risa, de Santiago Jaureguízar, Xerais.
4º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres, Apiario.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
4º-. O homiño vestido de gris e outros contos, de Fernando Alonso, Kalandraka.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Pan de millo, de Migallas e ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre poemas de Rosalía de Castro, Galaxia.
6º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
7º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Cidade de cristal, de Paul Auster, El Patito Editorial (adaptación ao cómic: Paul Karasik; debuxos: David Mazzucchelli; tradución: Xavier Queipo).