Bertamiráns: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria “Mastervers. Petiscos poéticos”, con Carlos Negro

O Obradoiro de creación literaria Mastervers. Petiscos poéticos, impartido por Carlos Negro, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

Obradoiro de versos para mentes creativas que desexan poñer en xogo a imaxinación e a intuición, usando unha multitude de ingredientes da nosa hora literaria.
Sempre coa mirada aberta e o oído delicado, poñendo o mundo ao revés.

Calendario e inscrición

– Días: sábados 10, 17 e 24 de novembro; e sábado 1 de decembro.
– Horarios: de 11:30 a 13:30 h.
– 20 prazas para persoas maiores de 15 anos (número mínimo de asistentes: 10).
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en normalizacion@concellodeames.gal, indicando os seguintes datos:
  • Nome e apelidos
  • Idade
  • Teléfono

As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida da Peregrina, 16 –como chegar-).

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Lois Pérez: “Podes pedir en galego cervexas e outras bebidas en Portugal, Brasil, Cabo Verde e mesmo en Sanjenjo”

Entrevista a Lois Pérez en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que representa para ti gañar este premio?
– Lois Pérez (LP): Pra min representa unha ledicia e un bonito espellismo: o de recibir un premio de poesía e albergar a dubidosa ilusión de que eu fose poeta; tamén, a de gozar do apoio da xente que me aprecia e que me votou (ben polo afecto, ben pola poesía; ou incluso malia a miña poesía!) así como ser lido polas comunidades educativas das Escolas de Idiomas galegas e portuguesas; xa era premio abondo figurar de finalista canda outras poetas que admiro enormemente.
– GC: Como valoras a situación actual da poesía en Galiza?
– LP: Penso que hai unha visibilización moi importante de novos talentos, en especial das mulleres, que sempre estiveron aí, pero que non sempre tiveron a oportunidade de visibilizar a súa obra como acontece agora. No tocante á situación actual, vivimos nun país desfeito por demasiados gobernos do Partido Popular… E a poesía nace da dor, en parte. Nese senso, sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario. Así e todo, non aspiro a cambiar o mundo, confórmome con cambiar o meu mundo. Resumo: a poesía é un arma cargada de futuro, o carallo é que o futuro é do Banco Santander Central Hispano.
– GC: Que fortalezas atopas no uso do galego como escritor?
– LP: Fundamentalmente que reflicte sen filtros o que eu penso, e penso sempre en galego; non é unha garantía pero en chinés sáeme peor. E unha lingua é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego. Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo. E acontecen achádegos lingüísticos froito do diálogo inter-incultural: en Portimão, na Taberna da Maré -onda o Restaurante Dona Barca- pedín un “café sozinho” e a camareira preguntou: “sozinho mesmo?” E eu díxenlle: “sozinho mesmo… Case abandonado”. (…)”

Lugo: crónica fotográfica da Homenaxe a Isidro Novo

Estas son algunhas das fotografías da Homenaxe a Isidro Novo que tivo lugar en Lugo o pasado sábado 3 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Antonio García Teijeiro: “Este libro é unha viaxe cara Rosalía e con Rosalía, e todo aquilo que un sente cando viaxa polos camiños do sentimento”

Desde Xerais:
Televigo emitiu unha entrevista con Antonio García Teijeiro sobre o libro: Paseniño, paseniño, ilustrado por Marcos Viso.
A entrevista pode verse nesta ligazón.”

Entrevista a Yolanda Castaño arredor de O puño e a letra

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Falamos con Yolanda Castaño sobre a súa nova publicación, O puño e a letra. O primeiro “Comic Poetry” en galego editado por Xerais. 40 poemas interpretados en viñetas por outros tantos artistas da banda deseñada. A entrevista pode escoitarse aquí.”