Compostela: actos destacados do xoves 5 na Feira do Libro

OFeira do Libro Santiago 2016 xoves 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

11:00 h. Inauguración da exposición A Historia da Literatura Fantástica, por Urco Editora.
19:00 h. Memorias contadas. Homenaxe a Neira Vilas, espectáculo de humor con Cándido Pazó.
20:00 h. Presentación da Antoloxía poética de Manuel María, a cargo de Darío Xohán Cabana, publicada en Galaxia. Con Víctor F. Freixanes.

Lugo: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”

OEduardo Estévez xoves 5 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Gato Neghro (Rúa San Roque, 32), en Lugo, preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto haberá un recital poético con imaxes e música en directo que correrá a cargo de Belén Bermejo e Andrés Díaz.

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o mércores 4

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o mércores 4 de maio:
19:00 h. Presentación de Historia do pensamento galego contemporáneo, de Marcelino Agís Villaverde, publicado pola Deputación da Coruña. Stand.
20:00 h. Compostela Colateral: Lampíricos, performance poética de Antón Lopo. No Centro Cultural Matienzo (Salón Grande).
20:00 h. Presentación de Las aventuras del Capitán Duchesnoy, tradución de O paso do noroeste, de Xavier Queipo, publicado por Ézaro. Presenta o acto Xavier Alcalá. Stand.
20:30 h. Presentación de Huinca Loo, de Xavier Alcalá (Ed. Mar Maior), versión en castelán de Nos pagos de Huinca Loo. Presenta o acto María Rosa Lojo. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
21:00 h. Proxección de A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Sala Gaumont.

De como acontece a fin do mundo, por Rosa Enríquez

ArtigoRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pareceume que escribir sobre un libro de poemas, aínda pendente de publicación, podería ser ben interesante. Estamos afeitas a ler reseñas de textos que xa saíron á luz. O obxectivo destas reseñas, fundamentalmente, é crear un interese na comunidade lectora, que, de o desexar, adquirirá o libro en bibliotecas ou librarías. No entanto, ao tratar de nos achegar a un poemario aínda inédito, a pregunta aparece no aire. Ten sentido escribir sobre algo que non pode ser ler lido polas lectoras ou lectores? Ao meu ver, si. É posíbel xerar expectativas igualmente. Neste caso en concreto, a miña pretensión, alén do interese que, modestamente, puidese suscitar con esta lectura persoal, é, por riba de todo, dar conta do diálogo interno que os poemas de Charo Lopes provocaron en min. Daquela, poño en valor, as reflexións que os seus versos inspiran, que, por outra banda, non teñen por que ser partillados, a posteriori, polas persoas que, no momento da publicación, decidan achegarse ao libro. Unha vez aclarado isto procederei a expor a miña visión sobre o poemario. Para iso, comezarei, non tanto polo título, De como acontece a fin do mundo, mais sobre as citas elixidas, alén de facer visíbeis os eixos nos que Lopes sustenta o seu discurso poético.
Desas citas iniciais, parécenme interesantes, por riba de todo dúas. A de Tjiske Jansen (1971), unha poeta holandesa, que eu descoñecía, tamén escritora de contos e actriz. A cita que Charo Lopes escolleu, é ben acaída, xa que nela se cuestionan esas verdades asumidas, transcritas en contos populares, ou mitos, que conforman o noso imaxinario. Selecciono pois, entre os versos citados, o seguinte: “Gosto de Ícaro que sabía que a cera iría derreter e no entanto voou en dirección ao sol”. Creo que, normalmente, poñemos o foco na imprudencia de Ícaro, nesa actitude temeraria de pretender voar cunhas ás domésticas, que derreterían ao achegárense ao sol provocando unha caída en picado. Directa ao abismo. Que significa ese sol contra o que se dirixe o protagonista deste mito? Podería ser interpretado coma un territorio de plenitude? En certo xeito si poderiamos velo así, na medida en que a luz é vista, no mundo occidental, como un espazo de boa enerxía, que favorece a realización persoal, que nos dispensa alegría. Entendemos entón, de maneira implícita, que a “cantidade de sol” que consigamos introducir nas nosas vidas servirá como medidor desa ledicia arelada, asociábel ás conquistas humanas como a solidariedade, a capacidade de loita, a defensa do propio. Porén, esta luz solar, tan vigorosa, non garante a plenitude, porque non existe tal luz, sen o seu contrario, a sombra. A pertinencia desta sombra é algo que fica pois no aire e que, dalgunha forma, cumpriría poñer en valor. Penso que Tjiske contempla a posibilidade da sombra, non só como contraste, mais como factor imprescindíbel no feito de querermos dar un salto. Digamos que esa sombra, na súa condición de ausente no voo de Ícaro cara a luz, constitúe o verdairo interese de Tjiske Jansen. Isto, consciente, ou inconscientemente, é recollido pola poeta galega, que, en todo o que escribe, retrata, fundamentalmente, eses espazos de grisalla ocultos, mais reveladores do noso estado de cómoda indiferenza. Interesa entón ter conta deles para sabermos que camiños habería que trazar, de querermos algunha mudanza política. Unha desas sombras é a presunta inhabitabilidade do presente, que se traduce nun deserto inhóspito, nun camiño, en apariencia, intransitábel, pero necesario. Neste punto, cómpre pararse noutra das citas que Charo nos propón, a da poeta María do Cebreiro. Velaquí a mesma: “O límite é o verdadeiro protagonista do espazo. O presente, outro limite, é o verdadeiro protagonista do tempo”. Nestes dous versos de María, volvemos ver a existencia da sombra, que, se nos fixamos ben, constitúe a visibilización do presente como único tempo posíbel. O que debemos é adentrármonos nel, habitalo, porque se algo somos é presente. A luz viría representada pola consciencia que si temos de que o límite é o protagonista do espazo. Isto é así, na medida en que, para nós, resulta obvia a existencia dun espazo físico, material, que podemos apalpar e que, evidentemente, coutamos coas ideas preconcibidas, que se reflicten nunha praxe política cartesiana, carente de imaxinación e vontade real de nos afacer a prácticas políticas máis creativas. Menos posibilisitas talvez? Podería ser. Non coñezo a reposta a esa cuestión, mais si vexo pertinente poñer a pregunta sobre a mesa, na medida en que é esa pregunta a que se infire dos textos de Charo. (…)”

Taboleiro do libro galego XLIII (abril de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de maio velaquí unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar e Librouro de Vigo; Airas das Letras, de Allariz, Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Suévia da Coruña; Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).

NARRATIVA
1º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
2º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
3º-. Xavier QueipoOs kowa, Galaxia.
4º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
5º-. Antía Nara, Cara ao leste, Xerais.
6º-. Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, Xerais.
7º-. Manuel Núñez Singala, Camiños na auga, Galaxia.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.
10º-. Antonio M. Fraga, Querido H. P. Lovecraft, Urco.

POESÍA
1º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.
2º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Xerais.
3º-. Manuel Veiga e Xosé Lastra, Manuel María. Versos e rebeldía, Xerais.
4º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
5º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
6º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
7º-. Antonio G. Teijeiro, Poemar o mar, Xerais.
8º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
9º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
2º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
4º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
5º-. Luzia Oca, Caboverdianas en Burela, Sotelo Blanco.
6º-. Xabier Pérez Davila, Alén da casta, Laiovento.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Carlos Vila, O enigma de Caronte, Galaxia.
4º-. Pere Tobaruela, Formig4s. Misión Nova York, Xerais.
5º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
4º-. Anna Llenas, O Monstro de Cores, Flamboyant.
5º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
6º-. Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, O valente coello que quixo soñar,  Nova Galicia Edicións.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Nani García / Manuel María, A berenguela, Galaxia.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.
5º-. Carmen Gil/Mamá Cabra, A bruxa Discordia, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero IV, Edición do autor.”

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o luns 2

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o luns 2 de maio:
10:00 h. Diálogos con estudantes: Xesús Alonso Montero. Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol.
11:00 h. Proxección de 100% Celso Emilio Ferreiro, dirixido por Aser Álvarez. Sala Gaumont.
18:30 h. Homenaxe ao escritor Lorenzo Varela no seu centenario. Con Xesús Alonso Montero. Presenta Francisco Lores. Proxección de Exilios, de Xan Leira. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina (Sala Arturo Cuadrado).
19:00 h. Son un libro galego. Poemario oral a cargo de Antón Lopo.
20:30 h. A novela negra en Galicia. Coloquio con Elena Gallego, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).