Antonio García Teijeiro: “Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí”

Entrevista de María Obelleiro a Antonio García Teijeiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para ti este novo recoñecemento?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Após ter un premio europeo, que aquí non se valorou moito pero que é importante [o Pier Paolo Vergerio], que no Estado gañes o Premio Nacional cun libro de poesía en galego para min é a máis grande satisfacción, porque hai tempo que deixei a narrativa a un lado por escribir poesía. Sigo crendo que ese xénero esquecido é necesario, pero a xente tenlle moito medo.
– SG: E a que se debe ese medo?
– AGT: Débese a que a xente non foi educada na sensibilidade poética, porque a poesía sempre foi recitar como papagaios e poemas pouco axeitados cando se estudaba. Eu lembro, cando estudaba, que non había un poema que pagase a pena e a poesía case non existía máis alá do libro de texto, e algunha cousa só, para despois facer un comentario. Eu creo na poesía como medio de transformación da persoa, como medio de emoción, de cultivar as emocións e a sensibilidade. Igual que coa música. Son as miñas dúas grandes paixóns, a poesía e a música, e considero que a poesía ten que estar presente desde as primeiras idades para as nenas e os nenos. Loxicamente, desde hai moitísimo tempo, tratei de levar iso adiante. Como docente, as miñas clases empezaban sempre cun poema; nos últimos catro anos estiven dando obradoiros a rapaces de Secundaria e era unha pasada como eles se emocionaban a través da poesía… para min iso é fundamental. Eu manteño que os adultos, polo que che dicía, viven de costas á poesía, pero aos rapaces encántalles e iso é o que sempre me animou. Este premio reforza e dá azos para continuar por unha liña pola que creo que hai que seguir. Agora que estou xubilado, hai xente que está facendo cousas por min, cousas que eu facía, e iso éncheme de satisfacción.
– SG: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e agora Antonio García Teixeiro. Que riqueza de literatura infantil e xuvenil! Temos algo que envexarlle a outras LIX doutros sistemas?
– AGT: Temos unha literatura galega dun altísimo nivel. Eu leo moitísima literatura infantil e xuvenil, en castelán, catalán e en galego, e traducións do vasco, e podo dicirche que a nosa literatura está á altura de calquera. É unha auténtica referencia en literatura infantil e xuvenil a todos os niveis. Por iso eu estou moi satisfeito, porque se está a valorar moitísimo a nosa literatura e porque seis Premios Nacionais dunha lingua como a nosa é algo moi complicado. Isto débese a que hai moitísima calidade dentro. Ademais, son libros completamente diferentes os seis, non teñen nada a ver. É estupendo que haxa variedade e calidade. Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí. (…)”

Vigo: mesa-redonda coloquio O pergamiño Vindel de Martín Códax chega a Vigo

O luns 2 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal do Areal (Areal, esquina Oporto), en Vigo, terá lugar unha mesa redonda-coloquio baixo o título de O pergamiño Vindel de Martín Códax chega a Vigo, organizado polo Club Faro, no que intervirá Dolores González (vicerretora de estudantes da Universidade de Vigo) e Xosé Ramón Pena (catedrático de lingua e literatura galega) que serán presentados polo presidente do Colectivo Pertenza, Xacinto Barreiro. A entrada é libre ata completar o aforo.

Manuel Xestoso: “O libro parte da idea de que é a ruína a que realmente nos conforma”

Entrevista de María Obelleiro a Manuel Xestoso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): As ruínas de Europa consegue a amálgama precisa entre a historia e a actualidade: desde a destrución de Pompeia até o drama das persoas refuxiadas. Como construíches a obra?
– Manuel Xestoso (MX): Ben, antes de nada debo dicir que a alusión ao drama das persoas refuxiadas é unha interpretación túa que eu nin subscribo nin desminto: ante a idea de que o autor debe explicar os seus libros eu opoño a de que son os libros os que explican o autor. Por outra banda, a actualidade non me parece un terreo particularmente atractivo para sementar nel a palabra poética. Ao contrario, o libro parte da idea de que é a ruína a que realmente nos conforma. A ruína é aquilo que sobrevive á destrución, aquilo que se resiste á desaparición; é, xa que logo, o único que perdura á acción erosiva do tempo e da Historia, un indicio de permanencia ao que podemos agarrarnos.
O libro foi construído case como a crónica da viaxe por unha paisaxe crepuscular, unha viaxe de inverno por esa Europa posterior a Auschwitz na que, segundo Adorno, xa non se pode escribir poesía. Claro, cada libro de poemas que se escribe desde aquela debería pensar en como é posíbel refutar as palabras de Adorno, e con esa conciencia está escrito As ruínas de Europa. Tendo en conta, ademais, que a historia europea recente non fixo máis que engadir argumentos a favor de Adorno.
– SG: Falabas de Adorno. Precisamente, unha das principais características ten a ver coas múltiplas referencias filosóficas e literarias que agochan os poemas. Un trazo derivado da túa faceta como crítico?
– MX: Trátase de refutar o poema como aquilo que se definía como “expresión do eu íntimo”. O discurso poético está cruzado por infinidade de voces –ruínas, talvez– que proceden de, entre outros lugares, a propia tradición literaria. Enfrontarse con esas voces supón pasar da lectura como produción de sentido á relectura como produción de realidade. Desde Lacan sabemos que a conciencia está condicionada pola orde simbólica e, xa que logo, cuestionar e interrogar esa orde transfórmase nun deber de quen toma a palabra no espazo público.
Por outra banda, un dos detonantes na escrita deste libro foi precisamente o cuestionamento sobre a voz do crítico. Quen fala a través desa voz? Por soberbio que pareza, eu creo que o crítico debe falar en nome da comunidade, expresar as súas necesidades e, dalgún xeito, avaliar en que medida as obras que aborda contribúen ao ben común da sociedade á que se dirixe. Nun sistema cultural como o galego, sometido a circunstancias que impiden teimudamente a súa normalización, iso require unha responsabilidade e un esforzo suplementario que pode ser extenuante. Facer uso dunha voz na que ese compromiso se atenuase transformouse case nunha necesidade persoal para definir o lugar desde o que escribía. (…)”

Rafa Vilar gaña o Victoriano Taibo de poesía cun libro “de amor e vida”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Foi unha das voces máis prolíficas da xeración de poetas aparecida nos 90. Pero levaba tempo en silencio. Case unha década. O premio Victoriano Taibo recupera para o público a poesía de Rafa Vilar (Cee, 1968), e faino con Erosións, un libro “de amor, de amor e vida para ser máis preciso”. O xurado do certame referiuse á “sinxeleza e intensidade lírica” dunha obra “intimista e apaixonada”.
Un cento de poemas breves e de “linguaxe que intenta ser o máis precisa posíbel e tamén evocadora”, en palabras de Vilar, conforman o seu regreso á escena literaria. Pasaron nove anos desde Migracións (2008). “Non hai ruptura respecto á miña obra”, considera, “pero si unha maior depuración da lingua, que é máis espida”. Esta terza feira penduraba nas redes sociais unha mostra: “un mar tatuado / tras a noite // un silencio / que se embosca // as miñas unllas / sendo terra / en ti // a túa boca / no meu ventre”.
Neste demorado hiato, Vilar si escribiu para cativos –Acuarelas (2009), Patente de corso (2012) ou Animalario estrafalario (2013)- pero, sobre todo, aproveitou “para ler e para vivir”. “Foi un período moi longo”, apunta sobre o seu paro poético, “o que pasa é que ás veces cómpre deterse e que se vaia formando un substrato. Tamén precisaba un pouco de distanciamento”. Desde o seu debut en 1993 con Liques da memoria, Vilar convertérase nun dos rostros máis activos e visíbeis da súa promoción, ao primeiro desde o Batallón Literario da Costa da Morte. Na historia da literatura galega consta o seu arrepoñerse contra o teito de cristal que freaba os poetas novos e que encolerizara o mesmo Uxío Novoneyra.
Xustamente a outros autores e autoras novas menciona Rafa Vilar cando fala de “novas voces moi interesantes”. “Despois da eclosión dos 90 e de inicios de século”, engade, “parecía que non xurdían poetas significativos. Agora si, e estamos convivindo cun conxunto de autoras moi potente”. Ao seu ver, renovan linguaxes, temáticas e “mesmo a forma de se mostrar en público”. “A verdade é que resulta fascinante”, conclúe.”