Tallo, Ponteceso: Polafía no Día Mundial da Poesía

CartelPolafiaTalloMarzo2015Coa participación de:
– Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
– Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
– Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
– Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
– Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.

O profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía, xunto ás regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.

A parte musical correrá a cargo de Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.

Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio

MA_CARTEL_ANUNCIADOR

A Coruña: Escoito cisnes, recital con poesía, música e pintura

OEscoito cisnes venres 20 de marzo, ás 20:00 horas, en Maquinaria Pesada (Avenida Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar un recital con poesía, pintura e música, baixo o nome Escoito cisnes, No acto, presentado e conducido por Óscar de Souto, participan Claudia Castro, Teresa Ramiro, Miguel Melero, Mar Veres e María Xestal.

Carlos Callón: “Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida”

EntrevistaCarlos Callón de Montse Dopico a Carlos Callón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que o título Atravesar o fantasma?
– Carlos Callón (CC): Nun dos paratextos do libro puxen, a xeito de brincadeira, “(e aquí iría unha cita de Lacan)”. Tamén é unha maneira de colocar algo de humor antes de tanta transcendencia. A psicanálise de Lacan paira despois pola obra enteira. Atravesar o fantasma é un concepto lacaniano. É o camiño que na psicanálise se percorre polo que nos determina na vida. É, dunha banda, o que nos contamos a nós mesmos da nosa propia vida, -o fantasma consciente-.
Atravesar o fantasma é ver o mundo doutra maneira. Tamén ten unha parte inconsciente, relacionada cos soños que todas e todas temos. Os soños que ás veces parécenos que non teñen que ver coa vida,e que nos conmoven especialmente. Hai poemas, no libro, que obedecen a unha situación biográfica concreta. Outros poderían responder máis aos significantes que aparecen nos soños.
– MD: Así que che interesa a psicanálise, como che interesaba a historia da homosexualidade, que te levou a escribir Amigos e sodomitas.
– CC: Curiosamente, eu coa psicanálise comecei sendo moi crítico. Cando Chao Rego escribiu A condición homosexual, eu sacara unha reseña que se titulaba: “Unha vela a Deus e outra a Freud”. Felicitaba o autor polo adianto que supoñía o libro no panorama ensaístico galego, pero criticaba a psicanálise. Eu daquela tiña prexuízos: que Freud era machista e todo iso. Coa práctica clínica lacaniana comprendín moitas cousas.
Transformou a miña maneira de vivir e de ver o mundo. É verdade que nos ambientes culturais, coñécese moitas veces a Lacan polo que Žižek di del, que non é a mellor maneira de coñecelo. A psicanálise, si, é un dos meus grandes intereses desde hai anos. Penso que pode mellorar moito a vida das persoas.
– MD: Esperaches para publicar os teus poemas ata que cumpriches 35 anos. Por algún motivo especial?
– CC: Ata hai uns días non tiña resposta para esa pregunta. Mais matinando din co concepto de contratransubstantación. A transubstanciación é un concepto católico, do momento da Eucaristía no que o sacerdote colle o pan e o viño, o corpo e o sangue de Cristo. E hai que ter en conta que, para a Igrexa, isto non é unha metáfora, senón algo real. Mesmo morreu moita xente por discutir isto.
A cuestión é que houbo momentos na miña vida que estiveron cargados de dor, como cando morreu meu pai sendo eu un neno. Coa psicanálise conseguín deixar atrás o pan deusizado, facelo pan comestible. Sabendo que a ferida continúa, pero doutra maneira. Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida. Iso é o que di o último poema do libro. Nesta obra falo de cousas que me produciron moita dor. Cousas das que agora xa podo falar. (…)”