Santiago: presentación de “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez

O martes 30 de abril, ás 12:00 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, preséntase “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con edición de Henrique Monteagudo, e que ten por obxecto o estudo e edición dun conxunto de composicións poéticas medievais que foron descubertas recentemente nun arquivo familiar en Lugo. No acto, xunto ao seu editor, participa tamén Ramón Lorenzo.

Codeso, Boqueixón: homenaxe a Xosé Neira Vilas

Desde Galaxia:
Xosé Neira Vilas segue recibindo recoñecementos por todo o país. E así, este domingo 28 de abril, ás 17:00 horas, serán os seus veciños de Codeso os que llo darán cun amplo programa de actos que se celebrará no Local Sociocultural de Codeso..
Na homenaxe participarán José Antonio Solano (cónsul de Cuba), Mini e Mero, Luz Fandiño, As Pandereteiras de Codeso, Afonso García Penas, O grupo de gaitas Pena do Couso, Concha Rousia, a Escola de Teatro do CPI de Vedra, A Porta Verde do Sétimo Andar, o Grupo de Teatro da ANPA A Infesta de Pontecesures, Iolanda Aldrei e O Ghusto do Boi. (…)”

Ferrol: acto poético-musical polo 39º aniversario do 25 de abril

No acto intervirán o músico Manolo Bacallao, os poetas Xosé Leira, Lorena Calaza e Fernando Ocampo. Enrique Barrera fará unha pequena escolma da Revolución dos cravos. Tamén se proxectará o documental Proxecto Zeca, de Pablo Portero (2012), dedicado á figura do poeta e músico Zeca Afonso.

Madrid: coloquio-recital de Vicente Araguas e Luz Pichel, o xoves 25, e aniversario da revista Madrygal, o venres 26 de abril

O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”

Convocatoria Un milladoiro para Corcoesto, dentro da III edición de Enarborar o Bosque

O sábado 1 de xuño terá lugar a III edición de Enarborar o Bosque en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, con recitais poéticos, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre. Os organizadores, Delio Sánchez, de Factoría DELIdeas, e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, convocan explicitamente a levar versos escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que se montará unha instalación adicada á protección de Corcoesto e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto. Tamén se pode enviar a pedra ao Apartado 223, C. P. 15660, de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.
Máis información aquí, ou tamén no evento creado en facebook.

Betanzos: presentación de Meliflua Moradía, de Lino García Salgado

O venres 26 de abril, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Liceo de Betanzos, preséntase Meliflua Moradía, de Lino García Salgado, publicado por A Porta Verde do Sétimo Andar, nun acto organizado pola Asociación Cultural Eira Vella, onde participa, xunto ao autor, Manuel López Foxo.