No Courel de Novoneyra, o sábado 19 de xaneiro

O sábado 19 de xaneiro, desde as 18:00 horas, en Parada do Courel, a Fundación Uxío Novoneyra, no aniversario do nacemento do autor, convida a unha visita ao Courel, na que se desenvolverán os seguintes eventos:
19:00 h. Representación de O Asombro de Fantoches Baj, na casa-sede da fundación (Parada do Courel, 1), sobre o propio autor homenaxeado.
22:30 h. Visionado da longa documental: Uxío Novoneyra / Poeta Alén, de G6Audiovisuais, dirixida por Iván Gimeno, no pub Hydra de Seoane do Courel.
Prégase confirmar asistencia en orde a adecuar aforos e reservas nas distintas actividades (pode facerse tamén no correo electrónico uxionovoneyra@gmail.com).

Francisco Pillado: “O que chaman crise é un atraco das mafias financeiras”

Entrevista de Montse Dopico a Francisco Pillado en Dioivo:
““Con todo, durante algún tempo, o sistema funcionou. As formigas -obreiras coma nós-, chegaron a crer que tamén pertencían á élite, que en calquera momento podían converterse en raíñas. Esa foi a nosa condena”. Este é un anaco do texto de Olivia Pena en Banqueiros, o libro que, coordenado por Francisco Pillado e a través das achegas de 21 dramaturgos e dramaturgas do país, trata de denunciar a gran estafa disfrazada de crise. A dos bancos. E de convidar as formiguiñas obreiras a non seguir a ser as perfectas escravas. Como cando miraban para outro lado cando parecía que todo funcionaba. Malia que sabían que xa había abusos, corrupción e mentiras. O volume contén textos de Roi Vidal, Fidel Vidal, Diana Varela, Vanesa Sotelo, Henrique Rabuñal, María Xosé Queizán, Gustavo Pernas, Olivia Penas, Xosé Manuel Pazos, Zé Paredes, Manuel Lourenzo, Lois Diéguez, Ánxeles Cuña Bóveda, Santiago Cortegoso, Marica Campo, Lino Braxe, Afonso Becerra de Becerreá, Vicente Araguas, Xosé María Álvarez Cáccamo e Marcos Abalde, ademais do limiar do propio Pillado. (…)”.

Lugo: Dramaturxias do Baúl, no Museo Provincial

O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar no Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), a segunda edición das Dramaturxias de baúl, unha representación teatral que ademais serve como acto de clausura das accións formativas do ano 2012 do Proxecto teatral Buxiganga (II Premio da FEGATEA á animación teatral 2012) que promove a área de Cultura da Deputación de Lugo. Os participantes no obradoiro de dramaturxia, impartido por Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura), foron elaborando entre os meses de xuño e decembro diferentes pezas teatrais que serán representadas e lidas en diferentes espazos e salas do Museo Provincial. A representación está coordinada por Rubén Ruibal e conta coa participación de Brian Rodríguez, Anxo Manoel Lamelo, Pablo Iglesias (Germán Frasio), Elvira Velasco, Iria Acevedo, Conchi Madrina, Rubén Pérez, María Grandío e Simón Piñón. A entrada é libre e gratuíta.

Presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro en Vigo, e de Casa O’Rei, de Santiago Cortegoso, en Moaña

O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.

Santiago: Castelao. Símbolo de Galicia, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 15 de decembro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Castelao. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Miguel Anxo Seixas Seoane.
13:00 h. Cousas da vida (35 minutos). Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
13:35 h. Alba de Gloria. Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.

Presenta: Alfonso Paz Andrade.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Camilo Franco: “Na obra de Vidal Bolaño hai un retrato do país”

Camilo Franco deu a coñecer Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño. Un traballo no que tratou «de contar a vida e obra, pero máis a obra que a vida» do director, dramaturgo e actor pioneiro da escena profesional en Galicia. «Escollín entre as dez obras que me parecían máis importantes na súa traxectoria -sinalou- para colocalas cronoloxicamente e ao mesmo tempo que conto os pormenores, a repercusión, vou dando pequenos apuntes sobre a súa vida». Franco subliñou que se trata dun libro divulgativo, destinado a estudantes de bacharelato ou primeiros cursos de universidade, ademais do público que queira achegarse á figura de Bolaño. Segundo dixo, «se hai alguén que asumiu que había que producirse con criterios profesionais desde o punto de vista do traballo, e buscando un público desde un punto da repercusión, foi Vidal Bolaño».
A primeira das obras retratadas é Bailadela e a última Animaliños. «E desde un punto de vista literario ou artístico -engadiu- creo que hai unha importancia no que Vidal Bolaño escribiu, porque se repasas a obra en conxunto, hai un retrato do país. Se dis qué lle pasou a Vidal Bolaño, o que lle pasou a Vidal Bolaño foi o que lle pasou ao país. Hai unha liña que estableceu do país simbólico que eramos nos 70 en que todo o mundo cría que podía ser, e a cuestión de ir rescatar á cultura popular, ao contraste da realidade de hoxe, un país desesperanzado». (…)”. Desde La Voz de Galicia.