“A Crítica da razón perralleira ou por que os galegos son, de seu, un “pobo anarquista que non pode vivir sen caciques””

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Santiago en Praza:
“A que non se terán enfrontado Mofa e Befa. De Shakespeare e Valle-Inclán. De Diderot a McDonagh. De Quevedo a Calderón. Ningún texto, escenario ou público deu vencido o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. E parte do segredo está na súa filosofía: se non hai solución, inventa unha. Improvisa. Xa o demostraron hai ben tempo co seu Manifesto para un Teatro Perralleiro, un dos seus primeiros espectáculos.
Mais van alá xa máis de 25 anos e agora parece máis claro ca nunca, pois así o confirma a Cranios Privilexiados ou Crítica da razón perralleira, a súa última montaxe, dirixida por Carlos Santiago, na que percorren nada menos que a Historia da Filosofía. Apuntando ademais algunhas irrebatibles teorías sobre o ser galego -co seu carácter “anarquista”- ou sobre temas de actualidade que, como mostra da “estupidez” hexemónica, superarían o talento creativo do máis retorcido dos pensadores. Falamos con Carlos Santiago aproveitando o paso de Cranios Privilexiados polo Teatro Principal de Santiago.
– Praza (P): O texto é teu e de Pepe Sendón. Atopei algunha información que dicía que tamén era autor Quico Cadaval…
– Carlos Santiago (CS): É que inicialmente iamos ser Pepe, Quico Cadaval, Manolo Cortés e eu pero, despois, por circunstancias varias, quedamos só Pepe e eu. Ao principio foi como unha choiva torrencial de ideas. Xuntamos tanto material que tiñamos un tocho descomunal e, despois, fomos desbotando cousas. Fomos traballando con eles dous, con Evaristo e con Víctor, para pulir o texto e pasalo pola turbomix imbatible do dúo. Foi un proceso moi guai, moi divertido.
– P: O público podería preguntarse, pero, Mofa e Befa van poñerse serios? Mais Mofa e Befa teñen feito de todo…
– CS: Son dous actorazos de recursos ilimitados que teñen tocado todos os paus: o teatro isabelino, o barroco español…. Esta vez tocoulle á filosofía, xa en plan rachar coa pana. (Ri).
– P: A obra estreouse no FITO. Leva xa unhas cantas funcións. Como andas indo e vindo a Portugal, non sei se puideches acompañalos moito…
– CS: Estreouse no FITO, si. Eu estiven en todo o proceso, claro, despois fun un tempo para Portugal e xa volvín coa xira avanzada. Mais aínda lle demos unha volta despois da estrea. Quedaban algúns filósofos por meter e decidimos meternos con eles en masa, na escena do Philosophical Freak Show, que acaba por ser unha psicanálise aldeá da historia da filosofía.
– P: Cando comezaba a obra, a min facíame pensar na túa outra peza Finlandia
– CS: Algo pode ter que ver, é parte do meu estilo… Pero a verdade é que este traballo está pensado a medida deles, co tema da filosofía como pretexto. A obra está feita en función deles, que levan xa 25 anos sendo Mofa e Befa. O xogo foi partir da súa propia filosofía escénica, que declararon hai dúas décadas e media no Manifesto do Teatro Perralleiro. A idea era retornar o formato inicial deles: o dúo cómico, o biombo… pero cunha volta filosófica. (…)”

Anxo Manoel, de Lucecús Teatro: “Tentamos facer teatro social en clave de comedia”

Entrevista a Anxo Manuel, de Lucecús Teatro, en Erregueté:
“A compañía Lucecús estreou no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, Logos, a súa última produción. Formada por Isa Herrero, Anxo Manoel e Rubén Pérez, a compañía volve a apostar pola dirección de Santiago Cortegoso e incorpora ao equipo artístico ao actor Borja Fernández para achegar o universo distópico deseñado en Logos. Despois de ser presentado en Rianxo, falamos co actor e autor do texto, Anxo Manoel, para coñecer algunhas das claves sobre a compañía e este novo proxecto no que a liberdade, o consumo, a comunicación e as novas tecnoloxías se mesturan para reflexionar sobre o futuro e o propio presente.
– Erregueté (E): Despois de A órbita do lucecú e PingüiSOS, Lucecús presenta Logos: unha distopía sobre as relacións humanas. Como nace esta proposta dentro da traxectoria da compañía?
– Anxo Manuel (AM): Na compañía, desde o comezo, fixemos a aposta de traballar con textos propios, en ocasións escritos a varias mans, xa que Isa Herrero e Rubén Pérez tamén escriben; outras veces traballamos en base a improvisacións e no caso de Logos, partimos dun texto xa escrito. Logos nace dun interese persoal por falar da sociedade de consumo, da publicidade, da tecnoloxía e das relacións entre estas tres cousas. Como as compañías, gobernos e medios de comunicación poden influír en nós, manipularnos e incluso illarnos. Tamén quería falar de como podemos recuperar os espazos públicos e a nosa identidade privada, que a través destes medios nos foi arrebatada. Como quería facelo dun xeito cómico optei pola distopía. Deste xeito podería esaxerar as cousas para poder falar de algo tan triste no fondo, baixo un prisma de parodia. Tamén foi clave o tema das relacións humanas, como cada un entende a liberdade, ou a felicidade, como encaixa o diferente, como buscamos o noso sitio no mundo, creamos e cambiamos o noso discurso segundo imos tendo máis información e coñecemento.
– E: A órbita do lucecú falaba dos esforzos do ser humano para acadar as súas metas e nela mesturábanse, como en Logos, os novos medios de comunicación e as dificultades de relación nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica. Se pensamos nestas claves como temas recorrentes da compañía, que outros aspectos conforman as liñas de traballo de Lucecús?
– AM: Por un lado, é unha aposta da compañía buscar temas e códigos que podan interesar ás xeracións máis novas, porque temos o firme propósito de achegalos ao teatro, de facer que se namoren del, que o vexan e desexen repetir a experiencia unha e mil veces. Eles son o futuro. Por outra banda, ao longo da nosa breve traxectoria e pola nosa forma de entender o teatro, intentamos facer cousas que estean apegadas á realidade, falar do que nos afecta e preocupa, daquilo que nos provoca carraxe ou calma e o máis visceralmente posible, teatro social pero en clave de comedia. Os nosos medos e as nosas ilusións están aí, reflectidas nas nosas obras. É inevitable. Os nosos textos poden non ser excesivamente literarios, buscamos unha naturalidade nós mesmos, con diálogos rápidos, nos que as personaxes se pisan ao falar, cambian de tema constantemente e cústalles seguir un fío único, cousa que nesta sociedade da información e da rapidez é unha constante en calquera conversa que podes ter con amigos, familia ou compañeiros de traballo. Na parte que me toca a min, sempre cargo un pouco cara á ciencia e o progreso, son biólogo de formación e interésame moito o feito de como os avances científicos, o progreso, que en principio buscan a mellora na vida das persoas, sempre acaban convertidos en armas contra nós mesmos. (…)”

Esther Carrodeguas vén falarnos de #Camiños, a nova montaxe de ButacaZero

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Propostas que xa están aquí, outras que veñen polo camiño, e nunca mellor dito porque #Camiños é precisamento o título da nova montaxe de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego. Vai permanecer no Salón Teatro ata o domingo 28 de xaneiro. Para falarmos desta montaxe e dos seus últimos traballos convidamos a Esther Carrodeguas. Pode verse aquí.”

Galaxia promove dúas obras teatrais sobre novelas de María Victoria Moreno e outra sobre a súa vida

Desde a Real Academia Galega:
“Ubú Teatro, tras adaptar o pasado ano A galiña azul de Carlos Casares, volver levar aos escenarios da man de Galaxia unha obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. Desta volta será a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os fontaneiros, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor. Limiar Teatro asume o reto de adaptar a novela máis recoñecida de María Victoria Moreno, Anagnórise, que narra a fuxida de Nicolau, un adolescente que escapa da casa, acompañado da muller que o recolle facendo autostop.
Limiar Teatro representará ademais unha segunda obra baseada na vida de María Victoria Moreno, unha traxectoria que tamén poderá percorrerse a través das páxinas da biografía que preparou para Galaxia a profesora Montse Pena Presas. O libro sairá do prelo a finais de xaneiro baixo o título A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Máis adiante, en colaboración co Consorcio de Santiago, a editorial publicará nunha edición especial É a lúa que baila, un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas de Federico García Lorca prologado polo académico Xesús Alonso Montero.
Galaxia está a reeditar desde 2017 títulos de María Victoria Moreno que son parte do seu catálogo. É o caso das novelas xa mencionadas, A festa no faiado (1983), ¿E haberá tirón de orellas? (1997) ou Guedellas de seda e liño (1999), así como Onde o aire non era brisa, novela escrita nos anos 60 en castelán e traducida ao galego en 2009.”

A compañía ButacaZero estrea no Salón Teatro o espectáculo #camiños en coprodución co CDG

Desde Agadic:
“ButacaZero e o Centro Dramático Galego (CDG) presentaron en Santiago a estrea da súa coprodución #camiños, que terá lugar este xoves no Salón Teatro. O espectáculo poderá verse ata o domingo 28 na sede da compañía da Xunta, onde o equipo ultima a posta en escena desde o día 15 dentro do programa En Residencia do CDG.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, e o director de #camiños, Xavier Castiñeira, interviñeron nesta presentación, durante a que parte do elenco ofreceron varios fragmentos da montaxe, con dramaturxia de Esther F. Carrodeguas.
Na súa intervención, Sutil incidiu na relevancia da liña de coproducións que a Agadic vén desenvolvendo a través do CDG co fin de “posibilitar unha maior capacidade de todas as nosas estruturas teatrais” e dentro do que –explicou– se insiren tamén títulos como Elisa e Marcela, de A Panadaría, ou os próximos proxectos de Pistacatro (Arnoia, Arnoia) e Pablo Fidalgo (Anarquías). “Estamos a falar dun incremento de actividade medible non só en termos económicos, como xeito de fortalecer financiamentos, senón tamén na optimización de recursos públicos que se poñen ao servizo das compañías privadas”, continuou o director da Agadic. (…)
A memoria do pobo galego
#camiñosé unha peza de teatro físico, poético e político coa que ButacaZero pecha unha triloxía sobre a memoria da que tamén forman parte as xa estreadas Voaxa e Carmín, que abordaba a memoria histórica, e Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], a memoria individual. A que é a terceira montaxe desta nova compañía, creada en 2016, volve estar encabezada polo tándem Carrodeguas-Castiñeiras para levar ás táboas a memoria do pobo galego nunha proposta que xorde a partir dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas en Galicia.
O espectáculo analiza como ve a xeración dos millennials as súas raíces e reflexiona sobre o que queda do noso pasado e da nosa tradición no día a día, botando man de moi diferentes rexistros escénicos, como coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela ou audiovisuais, entre outros.
Cinco actrices serán as encargadas de poñela en escena (ademais de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo), para o que contan co vestiario ideado pola compañía e por Diego Valeiras, a iluminación de Javi Quintana, os audiovisuais de Fran X. Rodríguez e a escenografía de Xavier Castiñeira.
Venda de entradas e horarios
A venda anticipada das entradas para asistir a #camiños en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, programado para as 20,30 h. de xoves a sábado e para as 18,00 o domingo, día do espectador no Salón Teatro.
Como acción promocional, ás 20,00 h. de mañá a balconada do Salón Teatro será o escenario dunha performance de As Churrascas, o grupo musical nacido para esta peza e composto polas súas cinco actrices, que cantan e bailan a Rosalía de Castro sobre base electrónica.
A montaxe poderá verse a continuación no Teatro Colón da Coruña e na Sala Ártika de Vigo, como inicio da súa xira por distintos espazos galegos.”

O dúo Mofa e Befa ofrece en Santiago catro funcións deCranios privilexiados no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Desde Agadic:
“O Teatro Principal de Santiago acolle a vindeira semana catro funcións de Mofa e Befa con Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, a última proposta escénica do dúo que integran Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. As representacións, que terán lugar do 24 ao 27 de xaneiro, forman parte do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Este circuíto, promovido a Xunta de Galicia xunto con máis de 40 escenarios galegos, abrangue ata o mes de xuño para o caso concreto de Compostela un total de 15 funcións de sete espectáculos galegos. (…)
Precisamente, Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira continuará nas vindeiras semanas as súas representacións no marco da RGTA: mañá día 19 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o 20 no Centro Cultural Xuvenil de Muros, o 3 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o 9 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, o 10 de marzo no Auditorio Municipal do Carballiño e o 11 de maio na Casa da Cultura de Burela.
Neste mesma carteleira, o Teatro Principal compostelán, membro da RGTA desde a súa fundación hai máis de 20 anos, acollerá en datas sucesivas a estrea de O servidor de dous amos, a cargo de Talía Teatro; así como as funcións de Resaca, a cargo de Ilmaquinario Teatro; Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro; Pum Pum de Baobab Teatro; e as pezas de danza Gaia, de Entremáns, e Sons, de Nova Galega de Danza.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

“Para ser libre tes que ter ferramentas para conseguilo”

Entrevista de Montse Dopico en Praza:
Nacidas libres, a montaxe da Contraproducións que explora unha fórmula semellante á que tan ben funcionou con As do peixe, non é a súa predecesora. Non o tería doado ao ser, de xeito quizais inevitable, comparada coa auténtica marca de acertos -no texto, nas interpretacións, na posta en escena…- que alicerzou o éxito da primeira.
Mais está claro que segue un mesmo camiño, e non só porque as dúas compartan dramaturgo -Cándido Pazó- directora -Cristina Domínguez- e intérpretes -Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González-. Ambas conflúen nun mesmo vieiro de ollar, de fronte e desde a perspectiva das mulleres, a verdade do mundo do traballo. Do máis invisible. Coas súas feridas: a desigualdade, os abusos. Malia as preguntas sen resposta. Poñendo o foco, tamén, nos xeitos de resistencia. Nas distintas maneiras, máis e menos recoñecibles socialmente, de loitar pola liberdade e pola xustiza. Sen obviar as contradicións. Coma mulleres normais. Reais. Falamos coas actrices.
– Praza: Como foi o proceso de investigación?
– Mónica: Pois a verdade é que chegaba un punto no que xa non podías ir máis alá. Preguntas que é o que as fai acocharse do mundo e optar por vivir nunha sorte de prisión, e sempre acabas dando co punto da fe. Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas. É algo moi difícil de entender para nós, claro.
– Praza: Con que monxas puidestes falar? Eran de clausura?
– Mónica: Falamos coas monxas de Armenteira, que teñen unha hospedería. En Santiago, coas Oblatas. En Armenteira estabamos alí co resto de persoas aloxadas na hospedaría. Podiamos acompañalas nos rezos, por exemplo. E fomos, menos ao de primeira hora da mañá…
– Rocío: A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla, e sen prexuizar. As de Santiago, as Oblatas, traballan ademáis con Vagalume, unha asociación que con mulleres prostituidas. Para min foi moi interesante porque eu, ademais, non tiña nin idea de como era ese mundo: nunca fun a un colexio de monxas…
– Casilda: E estando alí observabas. Por exemplo, mentres o Capelán esperaba, sentado, elas preparaban todo para a Eucaristía. Unha estampa moi familiar: mentres el espera lendo a prensa, ela afánase en preparar a cea.
– Mónica: Si, o Capelán vivía moi ben na hospedería.
– Susana: É o que se ve na función. Elas lavan e pranchan a roupa para eles. Mais, á marxe da cuestión de xénero, que tamén o é, hai que ter en conta que a Igrexa é unha institución moi xerarquizada. Se es Capelán, estás situado nun estrato superior á monxa e tamén ao monxe. Se fose un mosteiro de homes os monxes tamén servirían aos superiores. (…)”

“Criación teatral arredor do país”

Desde Sermos Galiza:
“Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.
A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal.
“Un teatro forte para un país forte”
O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. “Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta”, engade.
O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística “de contestación, que integre todas as voces”.
Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. “O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país”, conclúe.
Mais iniciativas
A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas.
Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.”