A Coruña: presentación de O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval e proxección de Cortázar Galicia

O soño galego Cortázar 1O soño galego Cortázar 2

A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Nova Colón (Rúa San Andrés, 112) da Coruña, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, está enmarcado na ruta Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol sen saír da Coruña, nunha cita reencontrármonos co talento submarino de Urbano Lugrís e Antón Avilés de Taramancos. Parella prodixiosa cuxa presenza iluminou nos anos cincuenta estas rúas do centro da cidade (o poeta Antón Avilés residía nunha pensión na praza de Santa Catarina, Urbano Lugrís na propia rúa de San Andrés). Este acto quere ser tamén un adianto dos fastos do V Día Lugrís que se desenvolverá o vindeiro sábado, promovido por In Nave Civitas, Asociación O Mural e AELG, e que deixará como pegada gráfica, na veciña praza de Sellier, unha gran reprodución de dúas obras do propio pintor Urbano. Como sempre, alén da palabra, haberá toque de cornas e acordeón.

Vigo: presentación da tradución de A Divina Comedia, de Dante, por Darío Xohán Cabana

ODarío Xohán Cabana A Divina Comedia de Dante xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase a de A Divina Comedia de Dante, feita por Darío Xohán Cabana e publicada por Edicións da Curuxa. No acto, xunto ao tradutor, participan Xosé Luís Axeitos e Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Coruña: recital poético de Estevo Creus coas persoas participantes dos cursos de poesía Apiario

OEstevo Creus xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Café Livraria Linda Rama da Coruña (Rúa Porta de Aires, 4, baixo), @s participantes dos cursos de poesía Apiario protagonizarán un recital poético, acompañados por Estevo Creus, que tamén recitará e fará de padriño do recital.

Fervenzas Literarias. Enquisa para Os mellores libros do 2014

Desde Fervenzas Literarias:
“Como cada mes de nadal, abrimos esta fiestra para vos solicitar, lectoras e lectores, a vosa colaboración e participación na enquisa que organizamos para escoller cales foron os mellores libros publicados no 2014 segundo as vosas preferencias.
A votación estará aberta ata o 15 de xaneiro. Como en anos anteriores, entre todos os participantes sortearemos un lote de libros cedido pola Federación de Librarías de Galicia.
Agardamos polos vosos votos e moitas grazas por participar!!!

Pódese participar desde aquí.”

Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro

EntrevistaCarlos Negro de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EMI): Tiveches durante un tempo, hai xa algúns anos, un cargo directivo na AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), o que supoño che serviu para coñeceres mellor as dinámicas corporativas do gremio. Como avalías os roles que a sociedade confere actualmente aos escritores e como as actitudes que estes manifestan perante as dinámicas e aconteceres sociais?
– Carlos Negro (CN): En primeiro lugar, debo dicir que o gremio d@s escritor@s galeg@s, afortunadamente, non funciona como un bloque homexéneo, tanto en actitudes persoais como políticas, ou mesmo en posicionamentos estéticos. E iso paréceme saudable, pois sería bastante aburrido convivir con colegas que pensan e opinan sempre igual ca ti.
En segundo lugar, coido que o gremio d@s escritor@s é como calquera outro, sexa de taxistas, mecánicos ou arquitectas. Hai xente riquiña e outra repugnante, hai quen se considera o embigo do mundo e, pola contra, quen desconfía dos eloxios tribais. E, por suposto, a calidade literaria non sempre vai aparellada coa altura ética, e viceversa.
En fin, o que eu levo aprendido do contacto co mundo intelectual é que o oficio literario é moi digno (e pouco agradecido se non levas dez anos morto, polo menos) e merece un mínimo respecto por parte da sociedade, pero non máis respecto nin recoñecemento público que o labor dunha panadeira, un electricista ou unha ama de casa. E que o andazo máis común entre os escritores vén sendo o da vaidade, aínda que na maioría dos casos non chega a ser unha enfermidade grave.
– EMI: E como ves o panorama literario galego, do punto de vista da creatividade, na actualidade?
– CN: Non se pode reducir todo a un titular rimbombante, deses que nos poñen polas nubes ou nos afunden nun lameiro. Algunha vez declarei en público (medio en serio, medio en broma) que a literatura galega contemporánea era cada vez máis normal, pois cada ano se editaban un feixe de obras sen demasiado valor estético, moitas outras bastante dignas, e mesmo algunha dunha calidade excepcional. En todo caso, non creo demasiado niso das Idades de Ouro, sobre todo cando percibimos o estado de abandono da lingua nas novas xeracións. E de que nos vale escribir de marabilla, se case ninguén nos le? E logo habería que ir facendo análise por xéneros, para ofrecer unha valoración máis exacta. En todo caso, a nosa literatura é tan digna como calquera outra, e hai moito onde escoller para satisfacer o gusto dun público lector diverso e plural. (…)
– EMI: Na túa poética non soen faltar os xogos intertextuais. Hai algún referente imprescindíbel na túa formación como poeta? Que libros son insoslaiábeis no teu proceso de decantación por unha voz e un estilo propios?
– CN: Esta é a típica pregunta na que me sinto indefenso. Admiro desde a primeira vez que os lin a Álvaro Cunqueiro, a Manuel Antonio, a Uxío Novoneyra. Logo, máis tarde, descubrín a Rosalía de Castro, as súas múltiples anticipacións e desafíos. Tamén lle debo mil cousas @s poetas dos noventa, e sei que Chus Pato está máis alá dos meus limítes, e que Xela Arias e Lois Pereiro son dous malditos magníficos. E os poemas de Celso Fernández Sanmartín están a carón dos meus das laranxas, e Emilio Araúxo abriume os ollos á forza da lingua oral da comunidade. E de fóra das nosas fronteiras… hai tantos nomes que case non sabería dicir. Raymond Carver ou Wislawa Szymborska, por citar dous así de primeiras. E tamén Valente e Gamoneda, ou Antón Reixa na etapa dos Resentidos e Manuel Rivas con aqueles poemas de Ningún cisne. E tamén me sinto moi identificado coa actitude poética de autores como Fran Alonso ou Raúl Vacas. (…)”