Manuscritos: Emma Pedreira
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria, con Xavier Seoane, o 15 de novembro
Os Paseos pola Coruña Literaria, iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, consistirán nuns paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
A inscrición pódese realizar xa na Conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888. Hai un total de 30 prazas por paseo, para maiores de 16 anos.
O terceiro paseo terá lugar o sábado 15 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas:
– Xavier Seoane – 15 de novembro.
Paseo pola Coruña literaria coa Rosalía que viviu na Coruña, coa familia. En plena Cidade Vella. Se intentamos traspasar o veo do tempo, coa imaxinación, podemos vela (ou soñala), transitar co seu espírito aberto e, alerta, pola rúa do Príncipe, a Praza da Fariña, o Parrote, o Xardín de San Carlos…
Allariz: I Festival do Poemagosto
Verónica Martínez e Alberte Momán: “Falamos do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas”
Entrevista a Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en Compás da Costa da Morte:
“(…) – Compás da Costa (CC): Gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Esperabades o galardón?
– Verónica Martínez e Alberte Momán (VMAM): A verdade é que non podiamos intuír a concesión do premio polas propias particularidades do libro co que nos presentamos. Para poder ter algunha opción o xurado debía posuír un concepto do erotismo moi aberto e tamén podía ser que non considerasen os textos dentro da catalogación requirida.
– CC: O xurado sostén que se trata dunha proposta literaria “arriscada”. Canto de atrevemento hai no libro?
– VMAM: Consideramos o libro arriscado porque se aborda o tema do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas, así como o propio deterioro intencionado da Sanidade, para facer desta unha simple mercadoría. (…)
– CC: Por outra parte, a poesía erótica segue a ser un xénero minoritario na sociedade. Credes que son necesarias máis iniciativas como a de Malpica?
– VMAM: O erotismo é tan minoritario como o son as coplas de tradición oral. Non podemos esquecer que temos unha historia marcada pola expresión do erotismo en diferentes formas. Para a cultura audiovisual isto é unha ferramenta empregada até a extenuación. Neste último caso, falamos dun erotismo reaccionario utilizado, maioritariamente, para perpetuar estereotipos de xénero. O que fai falta é un erotismo que rache esas dinámicas. Neste sentido, premios como o que convoca a Asociación Caldeirón xunto co concello de Malpica, son un recurso fundamental.”
A verdade nos espellos, de Rubén Eyré, gañadora do XV Premio Risco de Creación Literaria
Desde o Concello de Ourense:
“A verdade nos espellos é o novo libro gañador do Premio Risco de Creación Literaria que organiza o Concello de Ourense. O xurado vén de resolver a obra gañadora correspondente á XV edición deste certame, que foi elixido dun total de 16 traballos presentados.
A verdade nos espellos é un libro de relatos autoría de Pablo Rubén Jorge Eyré. O xurado destacou que o contexto da literatura galega está moi ligada ao relato tal e como se manifesta neste libro que conecta coa nosa tradición literaria. Asemade subliña como foi artellando os contos, a maneira de traballar os finais, sorprendentes, ben resoltos e destaca tamén a riqueza lingüística do texto e o coidadoso dominio do idioma. Pablo Rubén Jorge Eyré (Rubén Eyré) é natural de Chantada.
O xurado desta XV Edición do Premio Risco de Creación Literaria estivo formado por:
– Rubén Martínez Alonso, gañador da pasada edición.
– María Garrido, profesora de ensino secundario.
– Constantino Pazos Sobrino, profesor de ensino secundario.
– Ánxela Gracián, responsable editorial Sotelo Blanco.
– Luís Martínez-Risco, representante da Fundación Vicente Risco.”
Armando Requeixo: “É coma a volta do fillo literario á súa casa”
Antía Otero e Dores Tembrás crean un novo selo editorial, Apiario
Desde Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“As poetas Antía Otero e Dores Tembrás veñen de poñer en marcha Apiario, un proxecto cultural que combinará obradoiros e cursos de formación literaria cun novo selo editorial independente.
A noticia do nacemento de Apiario comezou xa a correr polas redes sociais, aínda que a presentación pública non se realizará ata o vindeiro 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama, na Coruña.
Como editora, Apiario prestará atención aos “novos valores da escrita e da ilustración”, como demostran xa os que serán os seus primeiros títulos: Celebración, de Gonzalo Hermo e Porque Cuqui non quere ir á lavadora. Conto MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán. Para comezos de 2015 publicarase Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e Resposta nas aulas, de VVAA, entre os que se atopan Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Antía Otero e Dores Tembrás.
Cera Labrada (poesía), Niño de Abella (infantil) e Abella Mestra (ensaio/divulgación) serán as primeiras coleccións da parte editorial de Apiario, que traballará sen distribuidora, levando os libros directamente aos puntos de venda e venderá tamén os seus libros na súa web.
“Apiario colle o seu nome da constelación conceptual da apicultura, porque cre na cultura como lugar onde xerar comunidade. Agrúpase para facer en común e construír soportes onde as abellas traballen pola non-extinción. Volve ao papel/panal nunha factoría onde esmelgar ao redor da palabra. Un laboratorio que deseña contextos para a creación”, explican as promotoras desta iniciativa. (…)”
Mondoñedo: entrega do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
O sábado 15 de novembro, en Mondoñedo, terán lugar varios actos en relación á entrega do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Os actos serán os seguintes:
– 12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello de Mondoñedo.
– 12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba de Manuel Leiras Pulpeiro.
– 12:45 h. Entrega dos premios do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, no Salón de Plenos do Concello.
Ourense: estrea mundial da película A esmorga
O sábado 15 de novembro, ás 20:30 horas, no Festival Internacional de Cine de Ourense, terá lugar a estrea mundial da película A esmorga, producida por Vía Láctea Filmes e Editorial Galaxia e dirixida por Ignacio Vilar.