Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG: “Animo a todos a que o día 23 se regalen un libro cunha flor”

Entrevista a Cesáreo Sánchez na Radio Galega:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, organizaron o sábado 19 o acto central con motivo do Día de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.
Promove a celebración no 23 de febreiro, Día do nacemento de Rosalía, coa participación activa do Parlamento Galego, espazo fundamental de representación colectiva do pobo galego. Ademais, a AELG pretende institucionalizar unha xornada de celebración da nosa literatura e fomentar a difusión da obra e figura de Rosalía para as xeracións máis novas.
Polo tanto, o presidente de AELG e convidado do programa, Cesáreo Sánchez Iglesias, anima a agasallar cun libro e cunha flor no 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro. O presidente tamén destaca a relación de afecto entre Rosalía e a súa nai e reivindica que o Panteón de Galegos Ilustres sexa de novo un espazo laico, coma cando foron traídos os restos de Rosalía.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: acto de entrega do IX Premio Internacional APECSA 2021 de divulgación do Camiño de Santiago á AELG

8º Festival Cultural Portugal-Galiza Convergências

A Coruña: recital Florilexio: versos e poemas escollidos

A agrupación ACAB Teatro convídavos ao Recital Florilexio que terá lugar o vindeiro martes 22 de febreiro ás 20:00 horas no local da Agrupación Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña. Como indica o título, o recital é unha escolla de diferentes poemas galegos por parte dos integrantes do grupo. A premisa foi escoller aqueles poemas ou versos que lles fixese sentir algún tipo de emoción que remexera dalgún xeito o seu sentir. Así, este o noso Florilexio vai dende o desfrute, gozo e celebración do nadal pasando pola beleza da choiva, o amor desexado ou ausente ata aqueles poemas mais reivindicativos. Autoras e autores como Rosalía de Castro, Lino Braxe, Ricardo Seixo, Luísa Villalta, Lorca ou Lupe Gómez foron escollidas e escollidos por estas e estes interpretes que porán o seu corazón neste recital. Se desexas asistir, envía antes este formulario cos teus datos.

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2022, no Panteón de Galegos Ilustres

A AELG organiza o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro, o sábado 19 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, co apoio de CEDRO.

Este é o programa:

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Beatriz Maceda Abeleira.

– Lectura de poemas rosalianos:
Lucía Carreira (A. C. Solfa)
Pilar Astray (Asociación Traxe Galego)
Daniel Asorey
Jakson Renner Rodrigues Soares
Montse Vilar Figueirido
Sagrario Abelleira
Nuria Vil
Laura Veleiro
Nacho Pena Maceda
Nee Barros Fernández

– Ofrenda floral.

– Interpretación do Himno Galego polas persoas asistentes.

A Coruña: presentación de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV) Tomo I. A relevancia do reino galego medieval, de Francisco Rodríguez

Francisco Castro: “Hai outra masculinidade posible, menos testosterónica, máis lóxica e racional”

Entrevista de Xesús Fraga a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
O cemiterio de barcos (Galaxia) é a vixésima obra que publica Francisco Castro (Vigo, 1966), unha novela xuvenil que combina amores adolescentes, segredos familiares e a dupla denuncia das relacións tóxicas e unha corrupción derivada do franquismo.
– La Voz de Galicia (LVG): Na trama esas dúas denuncias mesturan a corrupción e un atentado ecoloxista, xunto cunha relación tóxica e machista: é interesante ver a relación entre a orixe individual dun mal e a súa expresión colectiva?
– Francisco Castro (FC): Si, claro, todo está relacionado. O machismo e o antiecoloxismo son doados de maxinar nunha mesma persoa. A novela quere ser unha denuncia de moitas cousas pero sobre todo diso que dis. Acaba de rematar o Cumio do Clima e coa idea que nos quedamos é con que non vai pasar nada, que todo seguirá igual, que xa veremos máis adiante se facemos algo. É a lóxica capitalista. Entre os cartos e o verde, sempre gañan os cartos, será porque moitos billetes son verdes. E logo está a denuncia das relacións tóxicas, dese «mal amor» na que moita rapazada segue caendo ano tras ano. Súmalle a iso eses datos que din que case que o 15 % dos rapaces consideran que o feminismo é un invento para amolar aos homes, e as non poucas rapazas que consideran que a violencia de xénero é un invento, e xa tes un cóctel molotov social tremebundo.
– LVG: Esa parte da relación de sometemento machista está contada dende o diario da vítima: que che permitía ese punto de vista?
– FC: O diario da vítima permitíame, sen mesturalo coa trama principal, saber dos pensamentos da rapaza vítima da violencia tóxica á que a ten sometida o seu mozo. Mais serve, sobre todo, para ver como lle vai cambiando a cabeza a medida que toma conciencia do que lle están facendo. O libro pretende amosar outra masculinidade posible, outro xeito de ser homes, menos testosterónicos, máis lóxicos e racionais. É un libro que defende unha mirada feminista sobre a realidade.
– LVG: Non revelamos nada substancial se citamos aquí que unha das tramas ten a súa orixe última na Guerra Civil, algo que está presente noutros libros seus….
– FC: Si. É un tema que leva saíndo sempre e que sairá. Supoño que ten moito que ver o feito de que non pechamos ben esa parte da nosa historia e que incluso hai quen a reivindica ou pretende transformar noutra cousa. Preocúpame o revisionismo que a ultradereita está facendo, esa tentativa por reescribir a historia. Preocúpame que esta sociedade non sexa consciente de que aquí houbo unha ditadura criminal. Preocúpame o descoñecemento total que a mocidade ten do pasado do noso país. Haberá, pois, que seguir escribindo sobre isto. A literatura ten que cumprir tamén esa función pedagóxica. (…)”

Jorge Emilio Bóveda: “Gustaríame regalarlles O porco de pé a certas persoas con toda a retranca posible”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Jorge Emilio Bóveda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Unha novela que non puido terminar…
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): Teño a teima de rematar todo o que comezo, lamentablemente. Aínda que ao remate de certas lecturas precise o xarope doutros libros.
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– JEB: Supoño que, inevitablemente, cada un de nós xa está protagonizando a súa propia novela. Quizais ese ser ao que os crentes chaman Deus non sexa outro ca a escritora de todo isto. Algo que máis ou menos tratei no meu O libro cero. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– JEB: A esmorga. Publicada en Galicia xusto no ano 70.
– B: Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.
– JEB: Eu non posúo coñecementos tan fondos en literatura como para emitir un xuízo de tal magnitude. Para que unha obra entre na consideración dun lector xogan un papel determinante as lecturas previas baseadas en intereses moitas veces nesgados. Quizais as miñas lecturas non fosen as axeitadas para sentar ese tipo de cátedra. Por outra banda, opino que a literatura galega precisa coalición, non minifundio.
– B: E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
– JEB: O porco de pé, de Vicente Risco. Gustaríame regalárllelo a certas persoas con toda a retranca posible. Aínda que, agora que o penso, esas persoas probablemente non lesen un só libro nas súas vidas.”

Monforte de Lemos: Xornada “Cen anos soñando o destino”

Máis información e inscrición aquí.