Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2015

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2015.
Con esta edición, son xa nove as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de narrativa para Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para A boca da terra, de Manuel Rivas.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou.
– Mellor libro de teatro para Raclette, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero V, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Morte en Venecia, de Thomas Mann, por Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Europa Express, de Andrea Maceiras.
– Mellor libro de literatura infantil para O meu pesadelo favorito, de María Solar.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para O papiro do César, por Xavier Senín e Isabel Soto.
– Autora do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador do ano para Xosé Cobas.
– Mellor capa de libro para adultos para O último día de Terranova.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Lendo lendas, digo versos, feita por Xosé Cobas.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de varios escritores.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”

Antón Riveiro Coello: “Esta novela é unha historia sobre unha xeración sen perspectivas de futuro”

EntrevistaAntón Riveiro Coello a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Ramón Nicolás sinalaba na súa reseña da obra [Os elefantes de Sokúrov] que na mesma consigue xerar «unha inequívoca vontade de avanzar case sen respirar ata a derradeira liña». ¿Vostede como a definiría?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Como unha novela actual, contemporánea, social, sentimental, intelectual, mesmo psicolóxica. E na mesma medida hai intriga, emocións, relacións e digresións sobre a realidade e os problemas actuais. (…)
– LVG: Unha filla da xeración hippy que anda á pescuda dun descoñecido que a ten engaiolada…
– ARC: A orixe é unha visión interxeracional: os de 50 anos ou máis remataron colocándose ou traballando todos. Os do baby boom tivemos unhas oportunidades que os mozos de agora non teñen. Por outra banda, Janis e Constantino -o escritor da cafetaría- comparten as inquedanzas polo proceso creativo, pola cultura e polas artes, e iso fai que teñan unha afinidade especial. (…)
– LVG: Na obra aparecen moitas referencias cinéfilas, de Tarkovski a Haneke. ¿Por que Os elefantes de Sokúrov?
– ARC: Janis escribe crítica cinematográfica e o cine é o principal tema de conversación, e o que a mantén unida ao seu pai. Elixir a Sokúrov é unha homenaxe clara ao cine máis humanista, xa que o director ten ese punto de conexión e esa carga intelectual que se relaciona cos creadores, cos poetas e cos pintores. Non é o cine de inmediatez, agresivo, violento ou de consumo rápido. As películas de Sokúrov teñen unha densidade filosófica importante, é un cine de pensamento e de expresionismo puro e crean a sensación de contemplar un cadro sucesivo. Son obras para pensar e reflexionar sobre o ser humano e os seus problemas.
– LVG: ¿E os elefantes?
– ARC: É unha metáfora. Os elefantes representan a carga simbólica; están en perigo de extinción, son compasivos e intelixentes e deben enfrontarse ao risco que supón sobrevivir na natureza. A protagonista da novela é culta, unha muller preparada e amante do cine, é debe sobrevivir nunha sociedade que non lle dá as oportunidades que se merece.”

A Coruña: actividades destacadas do venres 18 en Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura

Do 4-DIPTICO-ABECEDARI@xoves 17 ao domingo 20 de decembro celébrase no Mercado de San Agustín da Coruña Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 horas, e con entrada libre e gratuíta para o público interesado, evento organizado pola Asociación de Editores Coruñeses. Estas son as actividades destacadas do venres 18 dentro do seu programa: Abecedari@ 2015:

18:00 h. Contacontos Suleimán e Salúa, con Ali Ali e Francisco X. Fernández Naval.
18:30 h. Mercedes Leobalde asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
19:00 h. Mesa Crítica Literaria en Galicia. Con Ramón Nicolás, Armando Requeixo, Dolores Vilavedra e Teresa Seara (coordinadora).
20:00 h. Antón Riveiro Coello asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
21:00 h. Concerto: Sempre en Ibiza, con Lucía Aldao e María Lado.

Tabela dos Libros de decembro de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como todos os primeiros de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_decembro_tabela

Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 4 no Culturgal

DoCulturgal 4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 4 e sábado 5, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, terá lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o venres 4 son:
11:30 h. Encontro con Pere Tobaruela e Andrés Meixide, autores de Formig4s, publicados en Xerais. Espazo Foro. Actividade concertada con centros escolares.
12:45 h. Encontro con Ledicia Costas, autora de Escarlatina, a cociñeira defunta, publicada en Xerais. Espazo Infantil. Co ilustrador Víctor Rivas. Actividade concertada con centros escolares.
12:45 h. Sopa de estrelas. Urco Editora. Espazo Foro. Actividade concertada con centros escolares.
16:00 h. Asociación Galega da Crítica. Programa profesional. Aulas.
17:45 h. Presentación de Historia de Galicia, de David Pérez. Edicións do Cumio. Espazo Libro.
18:15 h. Presentación de Ostrácia, de Teresa Moure e Seique, de Susana Arins, publicados por Através Editora. Espazo Libro.
18:30 h. Presentación de Teño uns pés perfectos, de María Solar, publicado por Kalandraka Editora. A autora será entrevistada pola actriz e narradora Beatriz Campos. Espazo Foro.
19:00 h. Conversa ao redor do libro colectivo Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza, publicado por Galaxia. Modera Víctor F. Freixanes, coa participación de Xavier Vence, Justo Beramendi, José Antonio Portero Molina e Joám Evans. Espazo Libro.
19:00 h. Sinaturas de Santiago Cortegoso, Elena Gallego Abad, Fran P. Lorenzo e Ledicia Costas. No stand de Xerais.
19:30 h. Presentación de Raclette, de Santiago Cortegoso, publicado en Xerais. Lectura dramatizada feita polo elenco da obra teatral. Espazo Libro.
20:00 h. Conversa con Fran P. Lorenzo, autor de Cabalos e lobos, e Ledicia Costas, autora de Un animal chamado néboa, publicados por Xerais. Conduce o xornalista Ramón Rozas. Espazo Libro.
20:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello, autor de Os elefantes de Sokúrov, publicado por Galaxia. Conduce o xornalista Ramón Rozas. Espazo Libro.

Taboleiro do libro galego XXXVIII (novembro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas ás librarías colaboradoras: Libros para Soñar, Andel, Casa do Libro, Librouro e Cartabón de Vigo; O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Airas das Letras de Allariz, Suévia da Coruña, Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios de Santiago e Pontevedra.

NARRATIVA
1º-. O último día de Terranova, de Manuel Rivas, Xerais.
2º-. Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, Galaxia.
3º-. Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, Xerais.
4º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
5º-. Fontán, de Marcos Calveiro, Galaxia.
6º-. Lourenço, Xograr, de Manuel Portas, Galaxia.
7º-. De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais.
8º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
9º-. seique, de Susana Sánchez Arins, Através.
10º-. A verdade nos espellos, de Pablo Rubén Eyré, Sotelo Blanco.

POESÍA
. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. Ensaios, de Daniel Salgado, Inés de Castro Edicións.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Poemas de Amor en Outono, de Tono Núñez, autoedición.
5º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, autoedición.
6º-. Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
7º-. s/t, de Emma Pedreira, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos, de Julia Fernández Rodríguez, Ed. Galaxia.
2º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
4º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
5º-. Machismos: de micro nada, do Grupo Fiadeiras, Embora.
6º-. Poesía hexágono, Apiario.
7º-. Fernando Alsina e o seu Diario de guerra, de Ricardo Gurriarán, Alvarellos Editora.

XUVENIL
-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
-. Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas, Xerais.
-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
-. O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda, Galaxia.
-. Europa Express, de Andrea Maceiras, Xerais.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Os papacalcetíns, de Pavel Šrut e Galina Miklínová, tradución de Moisés Barcia, Sushi Books.
-. Ons, de Carlos Meixide, autoedición.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. A árbore xenerosa, de Shel Silverstein, tradución de Chema Heras, Kalandraka.
-. Despois da chuvia, de Miguel Cerro, tradución de Manuela Rodríguez, Kalandraka.
-. O xardín de Irene, de Xosé Neira Vilas e Leandro Lamas, Embora.

LIBROS CD-DVD
-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Canta o cuco, de Uxía e Magín Blanco, Galaxia.
4º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
5º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
6º-. Traca-Traco, de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, Edicións do Cumio.

BANDA DESEÑADA
1º-. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
2º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
3º-. Marcopola 3, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

Antón Riveiro Coello: “Cústame moito dar por boa unha páxina”

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Xan Carballa a Antón Riveiro Coello en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nun momento dado da súa novela [Os elefantes de Sokúrov] un personaxe fai unha sorte de manifesto do escritor, “conforme pasan os anos, máis críticos e crueis nos volvemos con nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos e, andando o tempo, o proceso faise inverso até o punto de que canto mellor escribimos máis duros somos coa nosa obra (…) o libro, ao final, é a suma desordenada dun soño”. Que hai da súa propia opinión neste texto?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Que os escritores cando escribimos loitamos contra Joyce é algo que se ten dito con acerto. Conforme pasan os anos pelexas contra ti mesmo e eu convértome no meu inimigo máis esixente. É paralizante. Téñenme preguntado en que momento un se sente escritor e penso que só cando es capaz de verte cunha ollada externa, como se foses un inimigo furibundo de ti mesmo. Trato de facelo e cando lle dou a ler un texto ao editor ou a unha persoa de confianza pídolle dureza porque sei que vai beneficiar o resultado. É curioso que hai xente que con pouco máis de vinte anos é quen de escribir a súa mellor obra, e non penso que sexa eu mellor e máis fresco con máis idade. Quizais porque de máis novo hai menos temores, pero a min pésame o tempo e cústame moito dar por boa unha páxina. Nunca estou contento e iso é terríbel. (…)
– B: Por que o cinema do siberiano Aleksandr Sokurov é un dos motivos do título? Só por un gusto persoal ou hai máis razóns?
– ARC: No título están os elefantes porque aparecen fisicamente na vida da protagonista, pero tamén polo seu sentido metafórico. Son animais altruístas, intelixentes, con boa memoria, con conciencia de si e de grupo, como os personaxes principais da novela. A presenza de Sokurov significa o interese pola arte e a creación. Quería unir a arte de masas coa alta cultura e a metáfora final da novela é que tanto os elefantes como os personaxes comparten un hábitat en perigo de extinción. Dunha banda está a cultura para o pracer, globalizada, e de outra a cultura transcendente como a do cine de Sokurov. El é un cineasta que, sobre todo en películas como Nai e fillo, Pai e fillo ou Fausto, elabora cadros sucesivos. O seu formalismo romántico está perto da estética dos grandes paisaxistas ingleses ou alemáns do XIX, e máis que manexar unha cámara parece que ten unha paleta de cores. Di que o cinema aínda está a medio de camiño de poder ser considerado arte, unha arte suprema que para el está sobre todo na literatura. Sokurov representa a transcendencia, porque a alta cultura antes axudábanos a entender os grandes problemas da vida humana e hoxe a cultura global axúdanos a evadirnos deles. No meu libro, a través de Janis, aparecen outros elementos, tamén a pintura, aínda que considerada con certa ironía e crítica, porque hoxe non hai un consenso sobre que valores estéticos debe ter unha obra para ser considerada artística.
– B: A novela transcorre en plena crise económica e iso está presente con crueza.
– ARC: Todos viven un momento complicado, e cando debuxaba o personaxe principal pensaba nas miñas fillas. Unha xeración cualificada inxustamente de hedonista ou que está baixo a síndrome de Peter Pan, que non marcha da casa… cando iso moitas veces é hoxe imposíbel. Porque na súa mente xa non está mercar unha casa, un coche, ter compromisos matrimoniais ou ter fillos… todo iso é unha quimera na actual situación de crise. E no libro tamén están tamén as dúas xeracións anteriores, con problemas diferentes, pero que están convivindo e actuando entre elas coa mesma crise, de desatención, de falta de saídas, de falta de traballo, de ausencia de futuro… (…)”

Entrevista a Antón Riveiro Coello no Diario Cultural

DesdeAntón Riveiro Coello o Diario Cultural da Radio Galega:
Antón Riveiro Coello presenta Os elefantes de Sokúrov. “Cando un escritor é capaz de lerse desde fóra é cando realmente pode acadar mellores obras, por máis que iso tampouco é matemático”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Antón Riveiro Coello sobre Os elefantes de Sokúrov

DesdeAntón Riveiro Coello o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego entrevista ao escritor Antón Riveiro Coello, que acaba de sacar ao mercado a novela Os elefantes de Sokúrov, unha historia ambientada na cidade de Santiago, na que se mesturan temas coma o amor, o suicidio ou a crise económica. A entrevista completa pode verse aquí.”