Carlos Mella, novo presidente da Fundación Castelao

Desde Sermos Galiza:
“A Fundación Castelao vén de nomear presidente a Carlos Mella, economista, escritor e político nado na Estrada en 1930. Mella ocupa o cargo, baleiro após o falecemento de Avelino Pousa Antelo. Mella foi vicepresidente de asuntos económicos na Xunta de Fernández Albor. Na súa traxectoria política pasou por diferentes formacións, como UCD ou Coalición Galega. En 1994 foi candidato do BNG ás eleccións europeas. Carlos Mella foi presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, porén só ocupou o cargo durante vinte días en xullo de 2001.”

Avelino Pousa Antelo: “O mestre de Galicia”

Reportaxe sobre Avelino Pousa Antelo en Praza:
“A existencia de Avelino Pousa Antelo transcorreu paralela á propia evolución do noso país dende os adolescentes anos 10 do século pasado ata á actualidade. O Lucho do Peto foi testemuña directa e activa do esperanzador galeguismo anterior á Guerra Civil que o alzamento embozou. Nos tempos da infamia, traballador irredento. Profesor, intelectual, político e, sobre todo, galeguista. Dende a Fundación Castelao, que el mesmo presidía, ocupábase de manter acesa a chama do rianxeiro. Tamén forma parte das fundacións Fernández Florez, Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda. Figura transcendental, xa que logo, da cultura galega contemporánea, Pousa Antelo sobresaíu polo seu carácter agrarista, sempre preocupado polo campo galego. Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? e Galicia, tarefa urxente son dúas das obras máis nomeadas de quen pretendeu informar e educar, a partes iguais, ás xentes do agro -e aos que mandaban- dos avances que el cría necesarios para a evolución socioeconómica do rural galego. (…)”
Destacamos tamén a reportaxe de Sermos Galiza.

Faleceu Avelino Pousa Antelo

Hoxe, 20 de agosto, faleceu Avelino Pousa Antelo aos 98 anos de idade. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, quere manifestar o seu pesar pola perda da persoa, do intelectual, do activista, que foi para nós, e especialmente para as xeracións máis novas, memoria e exemplo de entrega ao noso país.
Por medio deste comunicado a AELG quere darlle o pésame aos seus familiares. Ao tempo queremos honrar a figura de quen mantivo viva para nós a mensaxe e as vivencias de Castelao e de todos os galegos e galegas que loitaron arreo pola nosa nación, pola nosa lingua e pola nosa cultura.
Avelino Pousa Antelo fixo honra do que el mesmo definiu como galego, pois tivo como divisa o engrandecemento de Galiza, creu nela, creu que todos os galegos e galegas “temos un deber inexcusable de traballar polo engrandecemento da nosa terra” e quixo que isto fose en todos os aspectos: cultural, social e económico.
O seu compromiso con Galiza levouno a traballar en diferentes ámbitos e a manter viva a memoria do tempo das Mocidades Galeguistas, a doutrina de Castelao ou Bóveda. Así Avelino déixanos sendo o Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, cargos que nos trasladan a vitalidade do seu compromiso máis alá da idade, mantendo vivo o espírito do mozo que un día asistira ao mitin de Castelao no Teatro Principal de Compostela.
A AELG, que o recoñeceu co nomeamento de Bo e Xeneroso no ano 2004, lamenta esta enorme perda e desexa que a súa obra e o seu exemplo fiquen na memoria de todas e todos nós e que nunca esquezamos a Avelino nin os motivos da súa entrega, que non esquezamos que foi para el tarefa central vencellar a nosa mocidade “á tarefa que, como galegos, a todos nos afecta e obriga: a de loitar sen acougo pola mellora material, cultural e social da nosa Terra e da nosa xente.”
Desde a AELG convidamos a todas as galegas e os galegos a despedir a Pousa Antelo invocando aqueles seus versos: “Voltará da aurora / a luz temerosa, / e, na Patria nosa / voltará a brilar / a branca bandeira / co azul do ceo / ó compás do vento, / ¡ doce libertá ! / E nos nosos peitos, / e nas nosas vidas, / espranzas fuxidas / que retornarán, / encherán a Terra, / encherán os ventos / con novos alentos / na terra e no mar”.
Prezado Avelino, a túa memoria fica en nós!

Avelino Pousa Antelo: “Fun un hipócrita excepcional”

Entrevista a Avelino Pousa Antelo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como estamos?
– Avelino Pousa Antelo (APA): ¡Sentado! Desde hai oito anos teño unha cousa que se chama claudicación intermitente neurolóxica. Notaba algo raro, que me fallaban as pernas. Fun a un reumatólogo, un tal Insua, moi bo, e dixo que era unha cousa neurolóxica. Vou andando, pero con coidado de non caer. (…)
– LVG: ¿Síntese só? Supoño que aprendería a adaptarse…
– APA: ¡Que remedio quedou! Eu aprendín a ser un hipócrita dunha categoría excepcional, porque vin que había que ser hipócrita. Eu tiña aprobadas as oposicións de 1936, pero o franquismo anulounas. Pensei que o do 36 ía ser unha cousa de días, pero non. Andei durmindo en casas de amigos por aí ata que vin que non había outra solución. Como estaba en filas, presenteime na Coruña e, ao día seguinte, xa me mandaron ao fronte de Guadarrama, na parte de Ávila. (…)
– LVG: Fágame unha radiografía rápida de Galicia…
– APA: Galicia medrou moito en case todos vos aspectos, menos na ética política, na conciencia da galeguidade como tal, niso non medramos nada. A desgraza é que os herdeiros do franquismo aparezan coma bos. Eu asesoro ao Consello da Memoria, que só pretende facer xustiza. (…)”.

Vilalba: Antía Cal, Chairega de Honra

O sábado 1 de outubro, ás 12:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María organizan un acto no que se nomeará a Antía Cal Chairega de Honra. Previamente terá lugar unha mesa redonda coa participación de Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, actuando como moderador David Otero. Posteriormente terá lugar un xantar no restaurante Nova Ruta de Vilalba, tralo que actuarán Mini e Mero. Para anotarse a comida, que custa 17 euros, os interesados deberán chamar o teléfono 646413890 ou ben enviar un correo electrónico á dirección xermolos@xermolos.org

A obra de Castelao será declarada Ben de Interese Cultural (BIC)

“A decisión de declarar BIC a obra de Castelao foi aprobada pola Consellería de Cultura e Turismo o pasado 28 de xuño a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, o procedemento, será comunicado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. Nos próximos días a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase un período de información pública durante un mes co obxectivo de que os interesados poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, insistiu na tardanza, pero aceptou que, finalmente, se dera o paso: “Cando unha cousa está mal feita é agradable o día no que se fai algo ao xeito. Realmente, é do pouco bo que fai a Xunta” (…) Vía Xornal de Galicia.

Santiago: presentación dun libro de David Otero

O libro de David Otero Nun bambán de non virar baldo preséntase este venres 12 de marzo ás oito da tarde na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6). No acto intervirán Avelino Pousa Antelo –mestre galeguista e presidente da Fundación Castelao–, Xoán Xosé Fernández Abella –mestre e poeta–, Mini e Mero –mestres, do grupo musical A Quenlla–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

Premio Alta Capacidade Galega 2009 para Avelino Pousa Antelo

A Asociación de Altas Capacidades de Galicia vén de facer público o fallo do seu Premio Alta Capacidade Galega 2009, que recaeu nas persoas de D. Ángel Carracedo Álvarez e D. Avelino Pousa Antelo. O acto terá lugar o sábado 10 de outubro, ás 12h, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago (Campus Sur), e contará coa actuación musical de Emilio Cao e con presentación do Profesor Jorge Mira.