O Porriño: actividades do 26 de maio da Feira do Libro 2022

Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario Brinde e desespero, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais. (…)”

Jorge Emilio Bóveda: “Gustaríame regalarlles O porco de pé a certas persoas con toda a retranca posible”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Jorge Emilio Bóveda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Unha novela que non puido terminar…
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): Teño a teima de rematar todo o que comezo, lamentablemente. Aínda que ao remate de certas lecturas precise o xarope doutros libros.
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– JEB: Supoño que, inevitablemente, cada un de nós xa está protagonizando a súa propia novela. Quizais ese ser ao que os crentes chaman Deus non sexa outro ca a escritora de todo isto. Algo que máis ou menos tratei no meu O libro cero. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– JEB: A esmorga. Publicada en Galicia xusto no ano 70.
– B: Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.
– JEB: Eu non posúo coñecementos tan fondos en literatura como para emitir un xuízo de tal magnitude. Para que unha obra entre na consideración dun lector xogan un papel determinante as lecturas previas baseadas en intereses moitas veces nesgados. Quizais as miñas lecturas non fosen as axeitadas para sentar ese tipo de cátedra. Por outra banda, opino que a literatura galega precisa coalición, non minifundio.
– B: E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
– JEB: O porco de pé, de Vicente Risco. Gustaríame regalárllelo a certas persoas con toda a retranca posible. Aínda que, agora que o penso, esas persoas probablemente non lesen un só libro nas súas vidas.”

O XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense é para Antonio Seijas, por Teoría do fin – Eurínome

Desde o Concello de Ourense:
“Antonio Seijas Cruz (Ares, 1976) é o gañador do XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense pola obra Teoría do fin – Eurínome, “un texto dunha alta solidez formal en que cada un dos capítulos tecen unha rede entre as leis físicas que inflúen no devir do universo e que as inciden na alma humana”, en palabras do xurado desta edición.
Formado pola gañadora da edición do ano 2020, Lorena Conde, o crítico literario César Lorenzo e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé González, o xurado escolleu a obra de Seijas de entre as 56 presentadas -25 máis que na pasada edición- porque “pousa o pé na física para alcanzar unha fenda pola que entrar con axilidade no metafísico”.
O premio Cidade de Ourense é de 6.000 euros máis a publicación da obra.”

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro