Entrevista
de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”
Arquivos da etiqueta: Edicións Espiral Maior
Alicia Fernández: “Sorpréndeme que, malia a súa violencia intrínseca, a familia é a institución máis resistente”
Entrevista
de Montse Dopico a Alicia Fernández en Praza:
“(…) – Praza (P): Mamá pelicano é tamén amor absoluto. Como se a súa fenda, a súa ferida, fose tamén o seu útero que nos acolle. Ten a fenda de Mamá pelicano ese dobre significado?
– Alicia Fernández (AF): Creo que non lle corresponde a quen escribe destripar a ave e ser oráculo do propio libro. A poesía, que se dá nesa fenda, ten tantos sentidos coma lecturas sexan quen de completala, e eu son incapaz de ver o pelicano desde fóra do peteiro.
– P: Hai pelicanos, e gaivotas, e peixes pequenos en Mamá pelicano. Por que o pelicano?
– AF: O pelicano é un símbolo do amor maternal. Hai lendas que contan como, cando non atopa comida, se abre a si mesmo co peteiro para ofrecerlle o sangue ás crías. Na cristiandade simbolizou a Paixón de Cristo.
Non lembro cando apareceu ese pelicano e, obrigada agora a repensar o proceso, sorpréndome de como esa Mamá pelicano que só quería sacar adiante as súas crías puido chegar a dar un libro. Unha non é consciente do que pode desencadear unha imaxe, no sentido literal, que un día calquera nos vén a cabeza. Non son consciente do momento no que comezou todo.
– P: Ao principio e ao final do libro a voz poética fala da angustia de entrar na casa. Polo medio hai como recordos da infancia, da familia. Cal é a importancia da familia en Mamá pelicano? Como é a infancia da voz poética?
– AF: A nai crea a familia e a familia é o sistema que dá sentido a esa figura. Da infancia da voz poética non sei máis nada ca o que puiden indagar e descubrir escribindo o libro. Todo está nos poemas e non hai nada alén deles.
– A figura do pai tamén está presente, pero doutra maneira, máis indirecta se cadra. E o pai asóciase á vergoña “herdada” da coxeira. Hai, parece, bastante violencia nesa infancia. Por que?
– AF: Toda familia reproduce esquemas violentos que se concretan en distintas dinámicas e mesmo se encarnan en certos individuos por procesos que descoñezo. O que máis me sorprende é que malia esa violencia intrínseca a familia é a institución máis resistente, nada puido acabar con ela, e mesmo parece que vaia saír agora reforzada desta crise que estamos a vivir. (…)”
A Pobra do Caramiñal: presentación de A desfeita, de Albert Camus
Bases do V Premio Xosé María Díaz Castro de poesía
Vigo: presentación de A desfeita, de Albert Camus, traducido por Xosé Manuel Beiras
Bases do XXIII Concurso de poesía Concello de Carral
Ourense: presentación de Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos Da Aira
Sarria: presentación de As voces ágrafas, de Emma Pedreira
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2019
Na
Galería das Letras do Festigal 2019, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:
– 17:00 h. Presentación de As Casas, de Carlos Lixó, publicado por Espiral Maior. Participan: Carlos Lixó, autor, e Marta Dacosta, escritora.
– 17:30 h. Presentación da Obra teatral de Manuel María, editada pola Casa – Museo Manuel María. Participan: María do Pilar García Negro, responsábel da edición, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
– 18:00 h. Presentación de Infamia, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. Participan: Ledicia Costas, autora, e Suso de Toro, escritor.
– 18:30 h. Presentación de Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), número 100 da Revista Terra e Tempo, 2019. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: María do Pilar García Negro, Presidenta da federación Galiza Cultura e membro do Padroado da Fundación Terra e Tempo; Pilar Allegue. Ex secretaria de Amigos da Cultura de Pontevedra e do Club de Amigos da Unesco e Nemésio Barxa. Cofundador e Ex presidente da Agrupación Cultural Auriense e Ex presidente da Asociación Cultural de Vigo.
– 19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. Participan: Antía Yáñez, autora, e Miriam Beizana, escritora.
– 19:30 h. Presentación de Transmatria, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Xerais. Participan: Daniel Asorey, autor, e Susana Sanches Arins, escritora.
– 20:00 h. Presentación de Fóra de si, de Suso de Toro, publicado por Xerais. Participan: Suso de Toro, autor, e Ledicia Costas, escritora.
ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
A partir das 16:30 horas con:
– Carlos Callón.
– Ana Pillado.
– Manuel Monge.
Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga
“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:
É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.
Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo







